Yuya |
Chámase María Jesús, pero para toda a súa xente foi sempre Yuya.
Yuya é unha persoa moi especial, no mellor sentido da palabra.
É unha muller sensible, agarimosa, detallista e ten unha forza creativa interior que foi agromando ao longo dos anos.
Yuya é unha artista.Unha verdadeira artista.
Yuya é incriblemente creativa. Dende que a coñezo foi creando toda clase de arte sen presunción de ningún tipo. Sempre mirando cara adiante, loitando coa vida sen darlle tregua ningunha e fixándose en cada pequeno detalle para facerse forte e solidificar a arte que sentía no seu interior. Unha persoa admirable.Unha creadora con todo o que esta palabra aporta aos que nos emocionamos diante das obras fermosas e sen concesións.Yuya ten un concepto da pintura, por exemplo, que me encanta. Está a buscar camiños de seu. É moi esixente con ela mesma e procura a mellor versión do que fai.
Yuya, moi amiga da miña muller, conseguiu que eu tamén a quixese por auténtica.
"Cadro do reencontro". Agasallo de Yuya. |
Pero a amizade que ela e mais Susi tiñan non se perdeu endexamais. Era sólida.
Esas circunstancias que afastan as persoas, tamén aparecen para achegalas e retomar o contacto (que non a amizade, pois esta nunca deixou de existir).
E agora volve con forza, porque Yuya e Maca, a súa filla, son persoas agarimosas e cheas de autenticidade.
Libby |
A primeira visita (e única, de momento), que eu fixen ao seu taller, deixoume abraiado. Todo era pura creación a moi distintos niveis. Susi vai con máis asiduidade e sempre vén feliz de alí.
E sentimos dardos de afecto que nos sacoden.
Non só por iso, senón por cada unha das facetas desta muller brillante, aparece Yuya nesta sección de Versos e aloumiños.
Debuxo para Libby |
É o terceiro dardo poético.
Nesta ocasión, a poesía está no cadro do "reencontro", nos debuxos tan cheos de poesía que fixo para Libby e a tenrura que conteñen.
Yuya é unha artista. Unha fiel continuadora do carácter do seu pai: un creador clandestino.E emprego este adxectivo porque non deu a coñecer o que facía. Como a súa nai, dous seres entrañables. Maca, tamén.
Debuxo para Libby |
Todos estamos moi contentos de recibir dardos poéticos con pincel.
Dardos poéticos que nos chegan moi fondo.
Quen dixo que non se podía facer poesía coas cores e coa intuición e o xenio dos pintores?
Yuya é un claro exemplo.
Moitas grazas, amiga.