miércoles, 17 de julio de 2013

UN CURSO DE FORMACIÓN INDISPENSABLE EN COMPOSTELA



Dirixido por Blanca-Ana Roig Rechou (Universidade de Santiago de Compostela), coordinado por Marta Neira (Escola U. CEU de Maxisterio, Vigo) e Isabel Soto (Centro R. Piñeiro para a Investigación en Humanidades) e organizado pola Universidade de Santiago de Compostela, a AELG e o Centro Ramón Piñeiro, tivo lugar na Biblioteca Novacaixagalicia da cidade compostelana o X CURSO DE FORMACIÓN CONTINUA. LITERATURAS INFANTÍS E XUVENÍS IBÉRICAS E IBEROAMERICANAS.

Este curso tiña como finalidade formar e informar o alumnado dunha temática, as Literaturas infantís e xuvenís dos ámbitos lingüísticos ibéricos e iberoamericanos, normalmente excluída ou poco ofertada, nos plans de estudo das licenciaturas, diplomaturas e graos, malia a transcendencia fundamental que teñen na formación lectora e na expresión escrita na sociedade das Tecnoloxías da Información e Comunicación (TICs).

Intervención de Carlos Negro
Nesta edición, o tema específico que se tratou foi “PREMIOS LITERARIOS E DE ILUSTRACIÓN”.
A parte virtual desenvolveuse dende o 3 de xuño ao 8 de xullo. A parte presencial, do 9 ao 12 de xullo.

Ao longo destes tres días  houbo informes dun interese indubidable. Participaron persoas tan representativas como Jesús Díaz, Gemma Lluch, Xabier Etxaniz, Laura Guerrero (México), João Luis Ceccantini (Brasil), Liliana Dorado (Hope College.EE.UU.), Jose António Gomes (Portugal), Ana Margarida Ramos e Sara Reis da Silva (Portugal), Fernando Fraga de Azevedo (U.Minho) e, por suposto, Eulalia Agrelo (Galicia).

Con Agustín Agra
Celebráronse  encontros con Maite Carranza, Mariasun Landa, Rita Taborda, Jacobo Fernández, Mar Guerra, Teresa González Costa, Carlos Negro, Agustín Agra ou Marcos Calveiro aos que  moderaron ou cos que falaron persoas tan documentadas como  Marta Neira, Mar Fernández, Pilar Bendoiro, Carmen Ferreira, Mónica Álvarez, Isabel Mociño ou Laura Blanco.
Destacar unha mesa dun nivel case único: a que formaron  os catro Premios Nacionais galegos. Paco Martín, Xabier P. DoCampo, Agustín Fernández Paz e Fina Casalderrey,  conversaron entre eles, contáronse anécdotas simpáticas, houbo moito humor e foron moderados (cando podía) por Lali Agrelo.

Tamén houbo un encontro cos ilustradores Federico Fernández, Pablo Otero e Ramón Trigo cos que conversaron Isabel Mociño e Laura Blanco.
Dous talleres de creación: literaria, a cargo de Dores Tembrás; de ilustración dirixido por Pablo Otero.
Non faltaron tampouco unhas sesións de música e contos, a cargo do Equipo de animación á lectura de Kalandraka Editora.
Conversando con Berta Dávila
  Deixo para o final a miña participación no Curso.
O mércores 10 de xullo, mantiven unha conversa cunha persoa moi especial, Berta Dávila. E digo especial, porque aquela nena de once anos a quen lle entreguei un premio escolar nun encontro na escola, hoxe é unha magnífica poeta, fixo un interesantísimo traballo sobre a miña obra e leva o ensino e mais a poesía moi fondamente no seu interior. Lede, por favor, Raíz da fenda, un duro e, á vez, entrañable poemario.


Berta e mais eu falamos de todo o que atinxe ao acto de escribir, a miña opinión sobre a poesía, o traballo da poesía nas aulas, os premios literarios e tentei darlles aos asistentes unhas liñas de actuación para que os seus futuros alumnos e alumnas non pasen polas aulas de costas á poesía.
Rematei cun recital da miña propia obra e contestei algunhas preguntas que me fixeron.
Foi un acto fermoso, porque sentín a maxia poética na sala.
Vou rematar cun pequeño poema que recitei na miña participación. É de Coplas, un dos meus primeiros poemarios, editado por  Galaxia no ano 1988 e reeditado pola mesma editorial en 2008. Dediqueillo a Berta Dávila, porque sabía que lle encantaba esta copla que denuncia.
 

Alborece nesta fraga.
Alborece neste val;
mais non alborece nunca
para aquel que non ten pan.

Un poema que, por desgraza, segue a ter vixencia hoxe en día.

                                                                                                                   

 
Con Carlos Negro ao remate da súa magnífica intervención

 E remato con dúas fotos curiosas que teñen, entre si, uns catorce anos de diferenza. fanme moita ilusión que figuren neste artigo sobre un Curso que resultou interesante e necesario.


 
Con Berta Dávila

Con Berta Dávila






















                                                                                                                   Antonio García Teijeiro