jueves, 25 de julio de 2013

Críticas de Un rato díxolle á lúa nos blogs Criticalia e Caderno da crítica

A antoloxía poética de Antonio García Teijeiro Un rato díxolle á lúa (Ed. Xerais, 2013) está a acadar un importante éxito de crítica. Como exemplo, estes días publicáronse dúas recensións de gran calidade e profundidade en dous dos blogs máis importantes da crítica literaria galega: Criticalia, de Armando Requeixo e Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.

Na súa reflexión sobre a antoloxía, Armando Requeixo salienta algunhas das características máis importantes da poesía de García Teijeiro, como a súa sonoridade e a variedade temática da obra do autor vigués. Sobre os poemas que compoñen a compilación, realizada por Fran Alonso, o crítico apunta:

Un rato díxolle á lúa deixa escoar a luz das pombas, dos ratos namorados, das árbores falangueiras e as barquiñas douradas nas que cabe o mar todo. Abandónase á aventura das fragas, aos ventiños toliños e as chuvias eternas, ao cantar maino das aves peregrinas, das campás rosalianas e dos galos ben bicados e deixa que ascenda polos aires o fume da fogueira dos versos ata cubrir a baleira lúa, o lueiro de papel no que espellan os poetas amados, os músicos benqueridos e os amores e amigos que habitan, con quen os convoca, un pais de bolboretas e merlos sabedores. 


Pola súa banda, Ramón Nicolás realza o libro subliñando que a amplitude da obra de García Teijeiro dificulta o traballo de calquera antologuista, pero que Fran Alonso realizou nesta compilación un traballo modélico, escollendo o máis significativo da obra do poeta. Nas palabras do propio Nicolás,

Supón unha fortuna, sen ningún xénero de dúbidas, contarmos con este volume que  compila e antologa parte do mellor de vinte e cinco anos de traballo arreo a prol da poesía, e da poesía infantil particularmente: ese espazo onde Teijeiro, por dereito propio e con xustiza, ocupa un dos lugares máis cimeiros hoxe en día.  Nunca é doado constrinxir unha amplísima obra publicada nun único volume mais teño para min que aquí xermola e se abre de novo ao mundo o mellor, ou se cadra o máis significativo e relevante, do traballo poético do autor vigués.


Quen desexe ler as dúas críticas completas, o que sen dúbida paga a pena, pode facelo premendo en Criticalia e Caderno da crítica.

                                                                                      ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ