O xornalista e escritor Manuel Veiga escribe unhas liñas ben
interesantes sobre o libro Poesía cromática, de Antonio García Teijeiro e Xulio García Rivas (Ediciones Belagua,
2017)
E faino dende o coñecemento profundo da
xénese literaria e do seu instinto agudo con relación á pintura.
É este texto un xeito diferente de enfocar
o que os poemas e as pinturas lle provocaron no máis íntimo, coma lector
avezado e esixente e como admirador fondo das artes plásticas.
Un texto fermoso, intelixente que aporta
lucidez a un libro ben singular.
Espidos diante dun lapis
MANUEL VEIGA TABOADA
Din que os primeiros en explorar os mares foron os
cazadores de baleas. “Poesía cromática” é un libro de
dous artistas e os artistas son sempre exploradores do inconsciente.
Este
libro ten a rara particularidade de combinar os traballos dun pintor e dun
poeta que practicamente traballaron a cegas, afastados o un do outro, véndose
logo e interpretando as respectivas sensacións.
Trátase
case dunha experiencia sinestésica, como ben intúe Eva Veiga no prólogo. A sinestesia é un figura literaria que xoga
coa mestura de percepcións. Pero tamén existe unha sinestesia real, provocada
por unha particularidade do cerebro. Nabokov
dicía que a letra “V” era de cor rosa pálido.
Poderíase
dicir que Teixeiro e Rivas buscaron a sinestesia xuntos,
provocárona, a través dunha obra común. É unha obra que investiga e que intenta
suxerir.
Que
sentido ten isto? Precisamente o de romper a nosa modorra, o de cuestionar os
principios solidificados, volvendo atrás, ao momento no que os nenos aínda non
encapsularon as liñas e as palabras en conceptos aprendidos e fixados. A
verdadeira arte é previa ao sentido ou é un desvío do sentido considerado
normal.
Habitualmente,
o cidadán desexa ver as cousas claras, definidas e dunha forma acorde coas súas
ideas previas. Pero “Poesía cromática” non se dirixe ao cidadán, senón a ese estado
anterior de ser humano, simplemente.
Dous seres humanos, Teixeiro e Rivas, espidos ante
nós, antes de que naza o día, antes de que se distingan as figuras e o
significado pleno das palabras.
É unha
experiencia inhabitual, sorprendente e tamén sorprendentemente sólida. Hai que
alcanzar antes a madurez e ser moi valentes para atreverse con algo así.
Unha
improvisación jazzística, para continuar coa sinestesia.
Un momento da presentación no café Vitruvia en Vigo |