viernes, 15 de septiembre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (31) "Zoonetos", de Antón Cortizas








TÍTULO:  Zoonetos

AUTOR: Antón Cortizas


ILUSTRACIÓNS: Sonja Wimmer


EDITORIAL: Tambre. COLECCIÓN:  Ala Delta




A editorial Tambre-Edelvives achégalles aos lectores, a partir de dez anos, este fantástico poemario pertencente a un dos autores referentes dentro da nosa LIX. Trátase de Antón Cortizas, autor con ampla bagaxe de creación literaria en diferentes xéneros e gran coñecemento da literatura popular de tradición oral. Pero ante todo é un amante da palabra, coma eixo fundamental para todo o demais. Se hai palabra, hai liberdade e se a usamos de xeito atinado, revalorizámonos coma persoas.

     
Antón Cortizas
     
     Zoonetos segue a liña de compartir cos máis novos esta ferramenta tan importante coa que contamos para rir, denunciar, namorar, xogar e reflexionar que non deixará indiferentes aos seus lectores pois é un poemario que resulta atraente tanto pola súa estrutura coma polo seu contido.
     
     No referente á primeira porque conta con dous prólogos, un prosaico e outro poético onde o autor a través do humor, fai que nos familiaricemos coa estrofa clásica do soneto.
     
     Logo veñen os cincuenta e tres sonetos (algúns son estrambotes) para rematar cun índice onomástico dos diferentes animais integrantes.
     

     En canto ao contido, a listaxe dos animais protagonistas é ampla  abranguendo a anfibios, arácnidos, aves, crustáceos, insectos, mamíferos, peixes, réptiles etc, toda a fauna animal ten cabida neste libro: dende os de tamaño máis grande ata os máis pequenos pero de igual e importante contribución para manter o equilibrio no mundo.
     
     Aínda que os versos estean suxeitos a un esquema métrico fixo, isto non impide que sexan vivos e estean cheos de humor e dunha musicalidade rítmica que invita a experimentar e xogar con eles pois van da man da emoción e dos sentimentos.

     As ilustracións en branco e negro de Sonja Wimmer resultan expresivas e moi suxestivas, dotando de vida e trazos humanos os diferentes protagonistas.


                                                                                                         

                                                                                                                                       ALBA PIÑEIRO