miércoles, 25 de enero de 2023

ANDEL DE NOVIDADES (6) "Pequena Mitoloxía de Galicia", escrita por Xosé Miranda, Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba



Ter nas miñas mans a Pequena Mitoloxía de Galicia non só me produce unha inmensa ledicia, senón que considero que a reedición que acaba de facer Edicións Xerais resulta dunha necesidade e dunha importancia incuestionables. A primeira edición viu a luz no ano 2001 e, esgotada,  conviña traela á actualidade pola súa importancia.

   Unha vez máis, a creación da colección Seica supón un acerto, pois nela aparecen volumes de indubidable interese e de temas diversos moi ben tratados.

     

Escrita polos prestixiosos investigadores da nosa literatura tradicional Xosé Miranda, Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba, este libro resulta verdadeiramente fascinante.  Se nos introducimos nas súas páxinas, deixamos de momento o mundo real e sentimos o poder da maxia popular.

Damos no volume con cidades asolagadas (quen non escoitou algunha vez este fenómeno?), cun bergantín pirata aló polas Cíes, co sacaúntos, cos biosbardos, coas xacias, coa muller-carneiro ou co rabeno.

Nestas follas coñeceremos o que agocha o Pico Sacro, que hai no mundo subterráneo, lembraremos o Cocón, ese ser co que nos ameazaban se non durmiamos axiña: E durme, neniño, / que vén o Cocón;/ vai levar o neno/ que non dorme non. E quen é Mariamanta? Onde se atopa a Lucerna de Valverde? Como son esas tres doncelas transparentes?

Como din os autores no limiar do libro “queremos tratar dos habitantes imaxinarios de Galicia, os habitantes dun mundo máxico, que non é distinto do real, ou que polo menos non está moi lonxe deste, e pode entreverse algunha mañás, entre os raios de sol que perforan a néboa”.

Coñecer a nosa literatura máxica e tradicional fainos máis conscientes do espírito da nosa terra. Axúdanos a comprender de onde vimos e que camiños nos quedan por percorrer.

Edición de 2001

Hai moito saber na literatura de tradición oral e é a nosa obriga coñecelo. Faranos máis felices, máis imaxinativos e valorar moito máis o noso, que, como todas as culturas do mundo, posúe un selo especial que nos emociona.

Completa o libro unhas expresivas ilustracións en cor de Sr. Reny.

Un libro delicioso que nos fará pasar momentos de verdadeiro pracer.

                                                                                                                          Antonio García Teijeiro