lunes, 18 de septiembre de 2017

ESCAPARATE POÉTICO (CVIII) Yolanda Castaño








                         YOLANDA CASTAÑO  (Santiago de Compostela, 1977)





PEDRA PAPEL TESOIRA


Cando miran os ollos pechados,
as rodas vólvense un xogo de mans.
Yolanda Castaño

(O libro da poesía ábrese de máis
e convértese en baralla.)

Non é arrogante acender unha luz,
tampouco miserable escribirmos ás escuras.

Non perdas áncora ao mundo,
nin tacto co que as palabras soporta,
non temas en serrarlle as patas
para que poida chegar aínda máis alto.

Aquí, xeramos linguaxe.

Realmente escribimos
porque unha imaxe vale máis ca mil palabras.




A VOZ DA ÉPOCA


Os croissants desta mañá
xa saben algo resesos.
Os xornais sobre a mesiña
son unha fame ventrílocua.

Quixera que a visión non fose
un acto irreversible,
que o noso sentido da historia se estendese
ata máis alá do almorzo.

Apearnos de cada playback,
coreografía das entrevistas.
Xa non verdades como puños, verdades como
mans abertas.

Os titulares teñen un gusto a conversa de ascensor,
o mundo, un gran programa de escritura preditiva.

A noticia lida con máis convencemento
é aquela sobre a que
pelo unha pataca.

Moita información está perdendo os papeis.

A verdade havos facer
escravos.





FIN DA CITA


Ao lonxe semellaban os barcos
depositados sobre o tendal do horizonte.

As miñas ganas de chegar
tiñan o prezo en pesetas.

Así e todo: o mesmo tendal,
agora fronte ás nosas escollas.

Do medo que tiña ás escaleiras,
xa preferín guindarme eu.
Coma se seguise sendo adolescente,
cheguei a crer que a sinceridade
fose un chaleco salvavidas.
Pero as palabras pesan, turran,
eran croios metidos nos petos.

Braceando para buscarlle ao tempo
ese custo de oportunidade.
E dixeches: “Moi ben, xa o conseguiches”.

(Habería que poñerlle unha
perruca a esta lingua calva.)

Entón o poema abría os ollos e espertaba no mundo real.

Ti, que estabas
máis guapa calada,

arruináchelo todo.



(Do libro A Segunda Lingua, gañador do “XI Premio de Poesía Novacaixagalicia 2013”, editado polo Centro PEN Galicia).