domingo, 27 de agosto de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (31) "Álex e o rato de corda", de Leo Lionni







TÍTULO: Álex e o rato de corda.

 
AUTOR: Leo Lionni



EDITORIAL: Kalandraka.  Colección: Tras os montes.





A editorial Kalandraka seguindo co seu necesario labor de recobrar clásicos da literatura infanto-xuvenil, achégalles aos lectores para goce de pequenos e maiores esta fermosa e tenra historia de amizade do recoñecido deseñador gráfico, pintor, ilustrador e escritor de libros infantís Leo Lionni,  creador do entrañable Frederick.

     Álex e o rato de corda foi editado por primeira vez en 1969 conseguindo a Medalla de Honor Caldecott, un dos prestixiosos premios estadounidense dedicado á LIX. Agora podemos lelo en galego grazas á tradución de Xosé Manuel González “Oli”.
 
Leo Lionni
     
     Álex e o rato de corda é unha fábula a través da que o autor pon de relevo a importancia da amizade e do que esta significa coma compoñente imprescindible para ser feliz.

     Álex é un rato que vive dentro dun burato nunha casa, onde todos os seus membros berran e tiran cousas diferentes cando o miran roldando e apañando migallas.
    
     
     Un día descobre a Guille, un rato mecánico que habita no cuarto da pequena Ana. O feito de que sexa  un xoguete non lle impide a Álex iniciar comunicación con el, e o que comezou coma algo casual, axiña se vai converter nun encontro diario onde cada un dos ratos vai debullando e compartindo anacos de felicidade. Ata tal punto que como a vida de Guille parece máis cómoda ao sentirse querido, Álex decide ir na busca dun singular e misterioso lagarto, que ten o poder de transformar os animais no que queiran.

     Pero o destino gárdalles unha sorpresa aos dous ratos e así descubrirán que hai cousas que non son efémeras nin pasan de moda para poder ser tiradas ao lixo, senón que son duradeiras porque están sustentadas no amor, no respecto e na solidariedade.

     As magníficas ilustracións cheas de luz e a base de fermosas colaxes dotan de vida aos dous protagonistas e espertan a empatía dos máis pequenos.   




                                                                                                                                                 ALBA  PIÑEIRO