lunes, 25 de septiembre de 2017

PAPEIS RECOBRADOS (15) "O verbo CONTAXIAR"

                              Foto de Anxo Cabada


Levo ben anos loitando para que a lectura nos fogares e nas aulas sexa algo habitual. Non é doado, pero non claudico.
       Sempre me gustou conxugar verbos. Era moi bo niso xa na miña etapa escolar.

       Neste artigo, rescatado das columnas que escribía para o semanario "A Nosa Terra", falo do verbo CONTAXIAR.

      Os verbos teñen diversas connotacións; uns, máis agradables; outros, non tanto.

      Nestas liñas reivindico o verbo CONTAXIAR para que, fixado sobre as páxinas dos libros, consigamos "contaxiar" a alumnos e alumnas, fillos e fillas e, por que non?, os adultos.





                           


                                     O VERBO CONTAXIAR


                                                                                                           ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO




Contaxiar é un verbo que ten diversas connotacións, non todas positivas.
   
      Contáxiannos a gripe ou algunha doenza máis ou menos molesta.                     
     Contáxiannos o fervor relixioso, as forzas para realizar algo ou as ganas de non facer nada. Tantas cousas! Pero deixando isto á marxe, gustaríame dicir que contaxiar é un verbo que pode/debe ser conxugado para achegar ou introducir os nenos na lectura.

     Eu creo na súa conxugación para seducir con textos, rimas, xestos, pausas, silencios, etc. os cativos no eido da literatura. Pódese contaxiar o desexo de ler dende o entusiasmo por aquilo que apaixona: a lectura por necesidade, por pracer, pola beleza, pola función que pode cumprir e, mesmo, pola falta de función que a lectura pode ter.
     
     Pódese contaxiar dende o exemplo, poñendo á vista o noso hábito lector, falando de libros cos rapaces, e amosándolles como gozamos coa palabra escrita.
     
     Contaxiar para que imiten e, nalgún momento, cheguen a ler en liberdade e sen prexuízos.
     
     Contaxiar lendo versos en voz alta, escribíndoos na pizarra ou lendo contos á beira da cama.
     
     Contaxiar hábitos, entusiasmos, costumes ou desexos permitirannos vivir o fascinante mundo do libro dun xeito grato e ousado á vez. Se espertamos a curiosidade pola letra impresa, abriremos portas á esperanza duns nenos máis felices e formados. Se contaxiamos a ilusión de saber que hai tras o título dunha obra literaria, estaremos abrindo ventás a esa aventura interior que nos presenta o acto de ler.
     
     Contaxiar, en fin, é conxugar o verbo dos soños acochados nas palabras.