sábado, 9 de enero de 2016

ESCAPARATE POÉTICO ( LXVI ) Miguel Ángel Alonso Diz






                       MIGUEL  ÁNGEL ALONSO  DIZ   (Madrid, 1976)





II      (fragmento)


O meu país
é unha habitación
perfectamente ordenada,
onde todas as cousas
Miguel Ángel Alonso Diz
teñen o seu sitio
e as fiestras están fechadas.

E nada se move sen permiso
e só o permitido avanza.

O po ten nomes
de escaso pelo
ou espesa barba.

E da capa de silencio
ninguén por medo fala.

O meu país
é unha habitación
grande como unha casa,
chea de libros vellos
escritos coa palabra ignorada.

Chea de ecos nas paredes,
chea de vergonza nas entrañas,
pintada con trazos de auto odio
e envexa enlatada.

O meu país
é unha habitación
que ten a súa propia fala,
tristes acenos de negras sombras
que agochan verdades silenciadas,

en caixóns que só se abren
cando se toca música exacta,
en oídos que só escoitan
a súa propia voz perfumada (…)


XXIII

Alén do silencio
camiña o meu verso
polas veas da terra,
coa ollada senlleira
dunha formiga
que se sabe efémera.

camiña con
palabras no peito
nos beizos tormenta,
verde lume nos ollos
que non dan tregua.

Alén do silencio
camiña e esperta,
o verso silandeiro
a palabra certa.

Acendendo noites
beliscando consciencias,
imaxinando portas
abrindo xanelas.

Camiña sen medo
entre a triste néboa.

Camiña sen medo
e as ás lle medran.




(Do libro  Retorno ao País dos Ananos sen moverse da habitación, editado por Q de Vian Cadernos, 2015)





                                                                 Vídeo-poema "En Galego"  (Miguel A. Alonso Diz)