jueves, 7 de enero de 2016

UN NOVO LIBRO INFANTIL DE MARCOS CALVEIRO: "Unha casiña branca".


MARCOS CALVEIRO  

"Unha casiña branca"

Edición Xerais.
Col. Sopa de Libros.

2015




Marcos Calveiro é un autor que combina tres características na súa escrita: un bo gusto pola palabra, un carácter de denuncia e unha  grande orixinalidade  nos temas que escolle.
     Unha casiña branca (Ed. Xerais. Col. Sopa de libros) cumpre eses tres rasgos e moito máis. Porque esta narración conta unha boa historia, os personaxes están moi ben configurados e obrígate a que penses no que nela se conta.
     
     Onde se desenvolve esta historia?  Pois nun vertedoiro  infindo onde as dunas e as cárcavas de lixo se suceden unha tras outra ata onde o ollar máis aguzado alcanza. Un lugar onde hai trebellos de todo tipo, polo que corrican milleiros de bechos noxentos e no que, ao lonxe, se escoitan arrepiantes ruídos mecánicos.
     
         Neste lugar tan especial aparece, saíndo do interior dun frigorífico un neno de cabelo crecho, cuns enormes auriculares e cunha radio nas mans con dous altofalantes. É NenoRadio. Tamén no vertedoiro, entre guindastres, luz de focos e demais lixo, dun bidón xorde unha rapaza cunha lanterna, que leva na cabeza unha vella pucha de aviador e ten as fazulas tisnadas. É NenaPilas. Os dous rapaces van ter discusións, conversas moi irónicas e reflexións sobre a familia, os adultos e certas lembranzas. Ambos teñen os seus obxectivos, polo que o relato dá paso a unha aventura nun medio descoñecido e, sobre todo, hostil. Alí viven tamén os Leiróns, unhas figuras de aspecto sinistro, con uniformes militares, que escravizan a todos os que caen nas súas gadoupas.Son os donos deste espazo que os envolve. Un terceiro personaxe, entre entrañable e misterioso, entra en escena: Matusalén. É un xigante que xorde entre as sombras, cun estraño casco que lle cobre o rostro, botas de esquiador e un mono de camuflaxe. Vai protexelos e unirse a eles, malia a desconfianza da rapaza, os intres de dúbida de Radio e o sorprendente da súa aparición.
     
Marcos Calveiro
     Aventura chea de perigos, de pasos cara a diante e cara a atrás, sustos, traizóns que poden non selo, liortas …vanse sucedendo para deleite do lector que, algunhas veces, se sorprende polo rumbo que toman os acontecementos.
     
     Moito simbolismo hai neste libro. Os protagonistas camiñan con dificultade, deambulan entre o refugallo e descobren lugares con sombras ameazantes que os preocupan. Como se di no capítulo 3 da historia: O vertedoiro é infindo. O vertedoiro é o mundo. O mundo é infindo.  Cada personaxe vai na procura de algo. Unha casiña branca entre outras cousas. O lixo afoga. Xa non saben se haberá lugares sen inmundicia, pero eles non ceden. Eles intentan saír dese inferno.
     
     Unha obra diferente, chea de simbolismo, que naceu primeiro como obra de teatro infantil e que mudou nunha novela distinta e interesante.

      
Ilustración de Marcos Viso
     Salientar as ilustracións dun ilustrador excelente. Marcos Viso aplica a técnica do acrílico e de secuenciación de imaxes, que marcan un ritmo de seu  e que fai moi atraente a lectura plástica da novela. Unhas imaxes que provocan emocións e que lle van de marabilla ao texto.

                                                                                                                    ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO