lunes, 12 de octubre de 2015

GOZANDO COAS MÁXIMAS E COS PENSAMENTOS DE GEORGES BRASSENS.

Aproveitamos a descuberta do libro de máximas e reflexións de Georges Brassens, Los caminos que no llevan a Roma (Ed. Navona), do que xa falaramos nunha ocasión anterior, para poñer no escaparate (de novo) un dos máis grandes artistas que o mundo da música deu. Xa apareceu nun “Dardo poético”en Versos e aloumiños; porén, con este libro de pensamentos quixemos que estea presente no blog outra vez. Nunca son moitas as razóns para achegarnos a un personaxe da súa importancia, pois persoas coma el hai que telas de referencia permanente.

     Considerado por moitos o poeta do anarquismo, autor que fixo da súa palabra subversión amorosa, creador de composicións implacables contra a pena de morte (“Le gorille”), Brassens enche de humor as letras das cancións para defender a moral libertaria y para poñer en escena os marxinados da sociedade.

     Non se considerou poeta nin se tomou moi en serio, pero foi un artesán da linguaxe, un gran lector de poesía, capaz de crear un estilo moi persoal baseado nos xogos con expresións feitas e unha exemplar utilización da fala popular.
     Acompañado pola súa guitarra e un contrabaixo, Georges Brassens emocionaba o público co seu discurso inquietante e coa combinación poderosa palabra-melodía.
    
     Sempre admiramos en Brassens a súa capacidade para transformar os feitos cotiáns e mundanos en arte, a través  da mirada atenta e aguda sobre o que ocorría ao seu redor.
     
     Crítico ata o máis fondo, creou un universo propio que chegou a remexer as nosas conciencias. Os que o escoitamos dende hai tanto tempo non deixamos endexamais de amalo.

     Georges Brassens non perdeu en ningún momento a súa vixencia. Iso faino un xenio.

     
     A través do libro Los caminos que no llevan a Roma podemos coñecer unha boa parte das súas reflexións. Sinceramente coido que paga a pena deterse nelas e pensar con el.

     Estas son algunhas:

       “Gústame moverme entre o marabilloso, o aparentemente infantil, crear imaxes que agochan valores de contrabando”.
        
     “Teño necesidade  sobre todo dun mundo para min só, o que eu me creei; o outro tráeme sen coidado”.
       
     “Os poetas non son persoas que deban medirse unhas con respecto a outras”.
         
     “O único que nos queda da civilización é a poesía”.
       
     “Fago bailar as palabras, iso faime vivir”.
         
     “Escribo cancións  do mesmo xeito que outros van ao mar”.
         
     


     “Canto coma un home libre. Libérome  escribindo cancións”.
         
     “As persoas nunha obra, búscanse. Búscanse a si mesmas”.
        
     “Non son un home amargado, senón melancólico; porque o mundo non lle agrada”.
         
     “Cando un amigo me pide a miña opinión, dígolle que me gusta ou que non me gusta, pero non lle dou consellos. Non hai que dar consellos a ninguén. Ten que ser o propio interesado quen atope el só o seu camiño”.
         
     “A canción é a poesía ao alcance de todos os petos”.


   Velaquí algunhas mostras do que este magnífico libro nos agasalla. Hai tantas interesantes que un non sabe cal escoller.
     
   Resulta moi gratificante ler as letras, escoitar os seus temas, deterse nos seus pensamentos. Brassens é profundo e, ao tempo, fai propostas claras e comprensibles a aqueles que queiran mergullarse no seu discurso poético-musical. Non esquezamos  que este home nado en Sète en 1921 e falecido en Saint-Gély-du-Fesc en 1981, inconformista por natureza, sempre pensou que o máis difícil na vida é ser un mesmo e ter carácter dabondo para selo sempre.


     (Estas máximas están traducidas ao galego a partir da tradución de Joachim De Nys).




                                      Georges Brassens canta en vivo a canción "Les copains d´abord".



Para Paco Ibáñez Brassens é o máis grande. El mesmo gravou un disco completo coas súas cancións.



                                       Tamén en vivo, a súa popular canción "La mauvaise reputation".



                                   E esta fermosa "Supplique pour être enterré à la plage de Sète" en vivo.


                                                                                                            ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO