Manuel Veiga |
Non vou incidir nos rasgos
que definen a Manuel Veiga tanto no persoal coma no intelectual.
Leva escritos varios artigos para Versos
e aloumiños, do que nos sentimos moi honrados os que diriximos este
blog-revista, e o lector intelixente sabe moi ben por onde camiña.
De aí que non quero repetir que Manuel
Veiga é unha persoa coa que dá gusto conversar, sabe escoitar, respecta as opinión
dos demais e ten unha lucidez moi evidente para analizar os múltiples aspectos
que conforman a nosa sociedade.
Este xornalista e escritor, ben crítico
coa estupidez humana, ten unha paixón por riba de todas: a literatura.
E como Manuel Veiga, lector incansable e
esixente, ama a literatura, temos falado ben veces, arredor dun café e dun
chocolate, da importancia da lectura literaria a todos os niveis, comezando por
abaixo.
Por aí van os tiros deste magnífico artigo sobre o papel que desenvolven
e deben desenvolver os mestres e profesores nas aulas se de literatura se
trata. Sobre o que se debe e o que se fai. Sobre o nivel lector de moitos
ensinantes.
Un artigo crítico, xaora, pero que debe
servir para reflexionar a todos aqueles e aquelas que imparten Lingua e Literatura
nos centros educativos de todos os niveis..
Lede e pensade no espírito das súas afirmacións, dúbidas e sensacións
que posúe o seu texto. Nada nel é gratuíto.
Algunhas ideas para non
aburrirnos coa análise sintáctica
MANUEL VEIGA
Teño a impresión, non sei se certa, de que o profesorado é máis proclive a centrar os seus esforzos na lingua e un pouco menos na literatura, aínda que ambos termos vaian xuntos na cuberta principal do libro. E sospeito a razón de que iso ocorra. As faltas de ortografía e todo o demais son medíbeis, permiten dar notas exactas, un 4,45, por exemplo. A literatura resulta infinitamente máis difícil de avaliar. Entran en xogo moitos factores e sobre todo, entran en xogo a creatividade e a subxectividade. Supoño que moitos profesores senten unha suor fría só de imaxinarse a un pai ou nai que lles discute a nota dunha redacción.
Pero, a literatura non só é máis
difícil de cuantificar, sobre todo se non a reducimos, como se facía antes, a
memorizar o título dos libros de cada autor e o seu lugar e data de nacemento,
senón que obriga a ler. Talvez hai profesores que non entenden que, unha vez
aprobada a oposición, aínda teñan que seguir lendo. Algúns deles escolleron a
carreira por razóns que pouco tiñan que ver con Hemingway ou con Rosalía. É
máis, nunca entenderon de que ía, en realidade, iso da literatura, máis alá das
peripecias dun argumento e dunha serie de nomes propios.
Certo
que algo parecido sucede probabelmente con calquera outra materia e en calquera
outra profesión, pero eu falo aquí de literatura porque me sinto máis
autorizado para facelo e quero defender a literatura fronte aos que, por
suposto sen pretendelo, conseguen que o alumnado se aparte dela, probabelmente
o resto da súa vida.
Creo
realmente que as cousas se poden facer mellor, aínda respectando os programas
obrigatorios de estudo. Creo que non hai por que saír do instituto odiando a
literatura ou cando menos pensando que “é un rollo que non ten nada que ver comigo”. Creo que hai que ofrecer
textos de calidade e interesantes. Claro que para iso teñen que existir
claustros de literatura nos que se lea e se escolla. Non serve o deixarse guiar
polo editor, polo que fan noutros centros, polo compañeiro porque “xa le el”.
Non serve repetir cada ano o mesmo, aínda que se saiba que é un fracaso ou que
o libro é pésimo. Non serve dicir que un xa está canso, porque nada cansa máis
que levantarse cada mañá para repetir a mesma rutina.
Hai
que saber, antes de nada, que a literatura é a vida, formulada dun modo
interesante. Hai que explicar que a literatura é a forma máis completa e, ao
mesmo tempo, a máis rápida de satisfacer a nosa curiosidade natural por coñecer
outras persoas, incluídas as doutros lugares e doutras épocas.
A
literatura evádenos, entretennos, pero, por comparación ou por contraste, tamén
nos axuda a comprender a sociedade na que vivimos.
A
literatura non sempre entusiasma ao primeiro golpe. Máis ben, debe seducir
lentamente, porque o importante non é o que mostra senón a impresión diferente
que provoca en cada lector. Por iso nos sentimos mentalmente crecidos despois
de ler un bo libro.
Non
creo que aprender a facer unha análise sintáctica sirva para moito. Si estou
seguro, en cambio, de que a sintaxe é extremadamente importante, non só para
escribir, senón para expresarse en xeral. A corrección sintáctica permite que
nos entendan mellor e máis rápido. Tamén axuda, claro, ter un vocabulario
amplo. Aquel que se expresa ben acada antes o seu obxectivo.
Algúns
dos máis grandes escritores son tamén mestres da sintaxe. Faulkner ou Proust
son capaces de redactar varias páxinas, sen puntos e aparte, introducindo múltiples
incisos e digresións, e non obstante logran que nunca nos perdamos. Iso
demostra que, máis importante que a puntuación e a ortografía, é a sintaxe, é
dicir, o modo de ordenar as palabras e as frases. E iso apréndese, sobre todo,
lendo. Gozando da literatura e, por suposto, como mellor se aprende tamén a
lingua.
A
literatura fálanos das cousas que pasan e faino dun modo que podemos chamar
musical, sorprendente. Por que, entón, nos aburrimos tanto nas clases de
literatura?