miércoles, 14 de octubre de 2015

VOLVE FLUÍR A "AUGA LIZGAIRA" DE PACO MARTÍN: "A flor da auga".


De novo, grazas á súa  xenerosidade, Versos e aloumiños  felicítase por continuar poñendo para a gozosa lectura dos seus lectores a palabra intelixente, punxente, irónica e deliciosa de Paco Martín.
   
     A súa Auga lizgaira volve fluír polo blog para mollar os sentimentos de todos aqueles que desexan ler textos brillantes, que intentan sacudir sensibilidades. Textos que non pasan desapercibidos para os que aman a palabra literaria, pois literatura fai Paco Martín cada vez que escribe.

   
     Este é o primeiro dos seis artigos que o escritor lugués nos enviou nesta nova quenda, algo que nos fai sentir ben felices.

Debuxo de Castelao



                                    A flor da auga
                               Paco Martín

            Antes –e, se cadra, tamén agora hai quen o segue a facer- ían as rapazas novas á fonte para recoller nela a flor da auga fría coas primeiras luces do día de San Xoán. Eficaz remedio para moitísimas doenzas do corpo e da alma, era tamén axuda segura para casamentos prontos e felices polo que a ninguén estrañará o moito predicamento do que gozaba, sobre todo entre a mocidade solteira. Certo é que non sempre resulta doado levar a bo fin unha acción aparentemente tan sinxela porque non son poucas as fontes das que repara algún encanto baixo a forma dunha pinchorra, dun sapo ou algún outro animal repulsivo ó que hai que bicar na boca para lograr acceder á auga e sen posibilidade de ligue con príncipe ou princesa liberados de maleficio.
         
Desembocadura do lago Carregal. Dunas de Corrubedo (A Coruña)
     
     Nalgúns lugares a fonte abrolla xustamente esa mañá e desaparece despois de que a fada que provocou a súa aparición utilice a auga para lavar o seu fermosísimo rostro e mais os longos cabelos rubios, que posteriormente alisará cun brillante peite de ouro. Tamén no amencer do día do San Xoán é cando se poden oír as campás de moitas das cidades asolagadas que hai en case todas as lagoas galegas para lembranza dos rectos costumes ós que están obrigadas as xentes de ben.
         
Praia da Lanzada
     En determinadas praias –en especial na da Lanzada- un baño, co corpo enteiramente espido, no que se reciban nove ondas seguidas, ás doce da noite que vai do vinte e tres ó vinte e catro de xuño, libran a quen o recibe de calquera doenza durante todo o ano e, se dunha muller estéril se tratase, asegura para moi pronto a desexada concepción.
         Deixando pétalos de rosa nun recipiente con auga ó sereno desa noite e lavándose con ela pola mañá asegurámonos unha pel sa, fina e delicada, en especial se as facemos as ablucións mesmo ó raiar o sol e colocados de cara ó oriente para recibir as primeiras luces da aurora.  Don Jesús Rodríguez López, no seu Supersticiones de Galicia, fala do costume de pasar esa noite espidos entre o centeo para recibir o orballo do San Xoán e sandar así da sarna.
         

     Se unha rapaza pretende saber do home con quen ha casar, botará, as doce da noite, a clara dun ovo en medio vaso de auga e irá mirar, antes de que sexa día, o que alí se debuxa: se un barco, mariñeiro; se un arado, labrador; se unha bigornia, ferreiro...
         

A auga, que os antigos consideraron a esencia das cousas todas, tivo, ben se ve, unha importancia enorme no rito da noite do San Xoán. Tamén o lume, desde logo. Pero, non sei se é por causa do cheiro desmedido a sardiñas ó chamusco e plásticos incinerados, parece como se andaramos a esquecer aquilo que hoxe máis preciso nos é.
         A flor da auga.