domingo, 3 de noviembre de 2013

PASEO POÉTICO (V) Con Francisco X. Fernández Naval

Quedei con Chisco Fernández Naval moi preto da sombra. Dunha sombra calquera, que alguén debe engarzar con argumentos. Iso díxome en canto nos demos unha aperta:
                Negación e esquecemento
                dous mesmos argumentos
                para engarzar a sombra.

Mais eu non quería esquecer nada. A presenza de Chisco éncheme de orgullo. Os paxaros cantan pola Avenida  do Bater de sombras. E pregúntolle pola causa da importancia de reducir o silencio. Como resposta, cala. Silencio reducido, claro. Pero non, non, Chisco ten moito que dicir nese campo das sombras. A sombra non se vence, é unha brétema que dilúe as formas, que reconstrúe as palabras nos ángulos de dentro…, dime moi serio. Eu respóndolle coas súas verbas, cos seus versos, e dígolle:
que nunca se amosa enteira,
que non se disfraza
que desvirtúa, iso si, o tempo e a memoria, o corazón e as bágoas. E calo. Deseguido Chisco
afirma: Difusa confusión, / difícil tránsito / cara oxidados refugos de luz.

Chisco Fernández Naval. (Foto de Maribel Longueira)

 É enriquecedor conversar con el. Sentamos debaixo duns sauces. Hai sombra. Eu levo nun peto o seu libro Bater de sombras (Espiral Maior), que dá nome a esta avenida tan especial pola que paseamos poeticamente. Cólloo e deixo que respire. El está algo sorprendido.
Coméntolle que levo léndoo dende O bosque das antas. Pon cara de certa incredulidade. Non deixo que pense máis e léolle:
                Sombra,
                lado escuro da forza,
                o recendo do frío
                que cristaliza
                en pan reseso,
                en silencio,
                na soidade
                da ausencia.


Cando remato, sinto que palabras de auga saen da miña boca. Non pode ser máis fermoso o poema. Daquela, fita para min con esa expresión tenra que  adubia a súa faciana e dime de memoria:
A sombra / deixou de ser arame, córnea de espiño, / e transformouse en pinga / negra, diluída no mar invariable.


Pídolle que se deteña. Que non siga por aí. Leo en voz baixa, mentres camiñamos, este verso: Un silencio de larva... Agora é el quen me colle do brazo e mándame calar. Faino con esa entrañable voz que acariña e dime:
Déixame seguir, por favor. Faltaría máis, coméntolle. É un poema que me gusta moito. Entón, toma con suavidade o meu libro e principia a ler, tamén en baixiño:

…o teu durmir, tan falso
coma a tona da auga
que nos chama.

Coma un silencio encamado
o teu mimo de insecto,
o teu abrazo
endémico e preciso
e o niño do teu latexo
na morte silenciosa desta tarde.


Ao acabar, quedamos en silencio. Que versos tan fermosos!
Teño ganas de darlle un abrazo. E recibir esa calor tan sentida que transmiten as súas apertas. Estamos perante unha fonte. Sentamos no seu bordo e a auga semella falarnos. Miramos os dous á vez cara a ela. Creo percibir uns versos ásperos e brillantes nas palabras cristalinas que baixan á superficie tras rabuñar lixeiramente o aire. Chisco olla para min. Non sei o que pensa exactamente.Quizais estea falando co silencio no corazón das tebras. Quizais. Eu permanezo calado e feliz ao seu carón. De súpeto, escoito:  Amencer / fíxose a noite / e deixaron / de voar / paxaros.

Con Antonio G. Teijeiro en Vigo
 É ben certo. Agora os días son máis curtos. Escureceu cedo. Pero a rentes do ceo, navegando cara a un horizonte sementado de incertezas, voan unhas lavercas áxiles e inxenuas.
“Non deixaron de voar os paxaros” dígolle. E el respóndeme que “todas as gorxas / asubiaban reproches contra o espello / ou eran versos perdidos na confusión dos libros?” Non comprendo ben o que di. Non contesta ao que eu lle comentei. Chisco está a vivir en poesía. Sabe da importancia da mesma e cada feito pasa pola peneira da súa voz poética. Encántame esa pregunta literaria.

Engaiólame o ton que agocha a súa poesía. Este é un paseo que detén o latexo do aire. Noto unha certa humanidade nas miñas costas. Cada volta, a noite aparece cunha infinita sucesión de sombras.
Erguémonos.

O paseo lémbrame esa “luz ou esa lúa que sementou de pasos os primeiros días, aqueles das violetas e a inexacta emoción dos soños”.

No paseo non houbo enganos.

Chisco Fernández Naval deume máis razóns para seguir afirmando que é un grande escritor. Tanto ten que sexa en prosa ou en verso. E cumpre o que eu veño afirmando:
Para ser un bo narrador, hai que ser un bo lector de poesía. Chisco non só é un gran lector, senón que escribe unha poesía coa que eu me sinto ben identificado.
As farolas aluman o carreiro por onde camiñamos ao son dos versos. Podería estar paseando con el moito tempo. Mais por hoxe xa está ben. O seu rostro desprende humanidade. Que ben que coincidan na persoa a bondade e mais a calidade literaria.

Foto de Maribel Longueira
Despedímonos. Dámonos unha sentida aperta. Ten que chegar á Coruña. Non me resisto a dicirlle que el “si soubo reconstruír os pasos e soubo procurar o camiño de regreso”. Un camiño que deixa pegadas invisible e moitas persoas que o percorren. Un camiño cheo de ecos que debe converter en sol e alegría.
Chisco sorrí humilde. É un exemplo marabilloso de conciliación entre vida e literatura.

Dime adeus coa man mentres se afasta.

Eu gardo o poemario no peto e tiro del outro libro engaiolante, Miño, e leo para min, baixo o abrigo da luz das farolas, os versos seguintes:
                Agora sei.
                Non hai horizonte
                nin retorno,
             tan só o vapor das perdas.


Está visto. Cada paseo é unha nova vivencia interior que resulta gratificante.
Grazas, mestre, por seres tan humano.
De verdade que, persoas coma ti, non hai en abundancia e fan moita falta.

                                                                                                             




                                                                                                                                    O POETA  PASEANTE