jueves, 7 de noviembre de 2013

LEDICIA PARA OS SENTIDOS




Todos aqueles que vibran coa palabra poética están de  boa sorte. Nos andeis das librarías hai xa uns meses que vive Un rato díxolle á lúa”.

Fermoso agasallo, en forma de antoloxía, para o goce dos sentidos cuxo autor é un dos máis representativos dentro do panorama da literatura infanto-xuvenil das nosas letras. Antonio García Teijeiro, considerado polos estudosos un clásico contemporáneo, leva máis de vinte e cinco anos compartindo e contaxiando a poesía alá onde queira que vaia: encontros, aulas, obradoiros, simposios…porque para Antonio a poesía é un xeito de vida. Produto destes anos de traballo é esta atinada antoloxía na que se recollen máis dun cento de poemas e que vén da man do tamén poeta, Fran Alonso, quen no limiar do libro nos prepara para adentrarnos no mundo poético do autor: “…os poemas de Antonio enredan polos nosos beizos, divertidos, lúdicos, pero tamén facéndonos sentir, e pensar, turrando de nós
cos seus ventos de ideas e emocións brincadeiras”.

Antonio García Teijeiro convértese no mensaxeiro da palabra poética tecida pola man dun artesán do verso cheo de ritmo e musicalidade  que engaiolan. Poesía e música camiñan xuntos polos poemas deste libro. Disto ben sabe o seu fillo Antón García- Fernández, profesor universitario na Universidade de Tennessee en Martin,(Estados Unidos), e autor do interesante epílogo titulado “Unha sonata feita de palabras”: “ Os versos de Antonio son palabras feitas música, ou música feita palabras […] o ritmo, a cadencia e o colorido das verbas son sempre fundamentalmente musicais porque  a música e a literatura conforman os dous polos principais da vida de Antonio”.



Os poemas deste libro son unha mostra de todo isto. Prenden no lector dun xeito directo, cun léxico coidado e cheo de expresividade axeitado á cadencia e á harmonía. Xa que logo, podemos afirmar  que as catro vertentes do mundo poético, denominadas por Blanca- Ana Roig, aparecen recollidas nestas páxinas onde a poesía é xogo, música, conto e maxia.

Un rato díxolle á lúa é un tesouro lírico imprescindible, onde a palabra do poeta cobra vida na voz e guitarra  do gran trobador  Paco Ibáñez da que podemos gozar co cd que acompaña o libro.

Poema do libro con ilustración de Xosé Cobas

Todo un luxo en formato libro, adubiado polas magníficas ilustracións de Xosé Cobas, auténtico lirismo plástico, e amparado pola coidada edición de Edicións Xerais de Galicia.

Con Paco Ibáñez na presentación
                                                                                                            

                                                                                                               Alba Piñeiro