martes, 12 de noviembre de 2013

DARDO POÉTICO (XII) Georges Brassens, un libertario subversivo da linguaxe




Se algo valoro eu dos artistas é que consigan un universo de seu.
Este universo, evidentemente, pode interesarme ou non. Iso vai depender dos seus contidos, da miña visión do creado, dos enfoques e de tantos elementos que o configuren. Pero sempre terán o meu respecto, se nel atopo autenticidade e non impostura.

Georges Brassens é un exemplo do que estou a dicir. Fillo dun albanel, oficio no que as persoas adoitan cantar cando traballan (alomenos antes) e coa súa nai, filla dun inmigrante napolitano, o mozo Georges anota as letras das cancións que escoita nun caderno para repetilas coas súas amigas. Vive feliz nun medio sinxelo e humilde. O fonógrafo invade a casa con obras de diferntes estilos: ópera, cancións de moda,operetas e, sobre todo, jazz.
Georges Brassens
Non foi Brassens un bo estudante. Só destaca en ximnasia, é un distraído ata que dá cun profesor de lingua e literatura, amigo de Sartre, quen esperta nel a paixón pola poesía e a literatura en xeral. Como a música a leva ben dentro, dedicarase a interpretar cancións populares e de moda para entreter as súas amizades.

Debuta como artista moi tarde. El ía formándose en segredo, el só ou con amigos.
Será a principios  dos cincuenta, con trinta anos cumpridos (naceu en 1920), cando, grazas á presión dos amigos, decida facer unha proba nun cabaret no barrio de Montmartre. Cantou máis de vinte e cinco temas entre as dúas e as catro da mañá e deixou aos asistentes entusiasmados. A partir de aquí o seu éxito en Francia e en tantos lugares de Europa resulta indiscutible. Como di Thierry Perben. “Esa noite GEORGES fíxose BRASSENS. Non debemos esquecer que tivo que vencer a súa timidez e a falta de confianza que tiña en si mesmo.
Brassens triunfa como cantante, mais non abandona a escrita. A súa primeira novela chámase La tour des miracles (1953) e, pouco despois, aparece unha selección de poemas co nome de La mauvaise reputation.
A partir de aquí Georges Brassens é recoñecido como un compositor con estilo propio e anovador, mesmo impertinente, como di Perben, ademais de poeta, cuxo dominio da lingua francesa resultaba brillante e inspirador.
Foi chamado o “poeta do anarquismo” e nas súas cancións adiviñamos unha exaltación do poder que a palabra e mais o amor teñen como algo subversivo.
No seu mundo compositivo pasean toda sorte de persoas que van dende os ladróns e cornudos ata  polis, putas ou cregos.
Nas letras dos seus temas cabe salientar o humor e mais a ironía para loitar a prol da moral libertaria.
Brassens era un apaixonado lector de poesía, coñecía perfectamente a linguaxe o que lle permitía xogar con expresións feitas, recuperar vocábulos esquecidos e crear un estilo único manexando, tamén, a fala popular.
Paco Ibáñez dedicou un disco ás cancións de Brassens deitadas ao español. E lembra ao artista “como un home sinxelo, tímido e xeneroso; cun talento que non cabe no firmamento”.
Gabriel García Márquez comentou: “Hai uns anos, ao longo dunha discusión literaria, alguén me preguntou quen era, na miña opinión, o mellor poeta contemporáneo de Francia. Non o dubidei. Respondín: Georges Brassens”.
Acaba de saír un libro desta persoa sen igual: Los caminos que no llevan a Roma. Reflexiones y máximas de un libertario, coa tradución de Joachim De Nys (Ed. Navona).
Non quixen sentar con Pessoa, desta vez. Preferín que esas máximas, pegadas dunha ética sen fendas, se convertesen en dardos que aguillloasen as nosas conciencias. Por iso, e nada máis que por iso, están reflectidas nesta sección.
Leamos, escoitemos, recuperemos os grandes artistas como quen hoxe aparece neste espazo. Persoas así non deben caer no esquecemento. Son unha referencia esencial para as sociedades desfeitas e confundidas. Pouco a pouco fomos soterrando artistas que puñan o dedo na chaga, de maneira inxusta. O peor que lle pode pasar a estes homes e mulleres é acalalos. Facer como que non existiron endexamais. Hoxe, Versos e aloumiños presenta un home “que non estancou en certezas”, como di Jean-Paul Liégeois, “que non foi un manual de axiomas e de grandes principios, senón máis ben unha meditación episódica, unha serie de interrogacións sucesivas que desembocan en respostas fráxiles e provisionais” Así de ético foi sempre o seu pensamento e hoxe imos coñecelo un pouco máis.



Leamos algunhas das súas reflexións, contidas no libro anteriormente citado.

-         No es tan fácil tener una moral individualista e individual. Resulta difícil estar solo.

-         Pocos seres son capaces de libertad. La mayoría son partidarios de su libertad, pero la libertad de los demás se les escapa un poco.

-         Detesto los uniformes, salvo el uniforme del cartero.

-         Considero las religiones y todos los dogmas, sean cuales sean, como completamente nocivos.

-         Lo único que nos queda de la civilización es la poesía.

-         Todavía existen poetas. Pero se esconden aquí y allá, entre dos piedras, o en ojos de agujas.

-         Canto como un hombre libre. Me libero escribiendo canciones.

-         Los niños aman las palabras antes de conocer su significado. Aman las palabras por las palabras.

-         Estoy completamente desesperado. No por mí, sino por los demás: odio la violencia y estamos sumergidos en ella.

-         Las únicas cosas de las que estoy seguro, que puedo compartir, son mis incertidumbres.¡Y nadie las quiere!

-         Para mí, “la mujer del vecino” no existe. Esa mujer no pertenece al vecino.

-         Hay que amar los defectos de los que amamos.
 ******************************************************
  Escoitemos  a Georges Brassens cantando "La mauvaise reputation"





 E agora, outra canción ben fermosa: "Fernande".


   E para rematar as audicións, escoitemos a versión de "La mala reputación" interpretada polo gran trobador, Paco Ibáñez, amigo de Brassens.



Leamos unha canción de Georges Brassens, "Le vent", traducido do francés por Thierry Perben, incluído no libro "Georges Brassens. Canciones I". Ed. Espiral.




Case me esquecía. O ano pasado saíu es España, un libro, editado por Fulgecio Pimentel Editor, que se chama Brassens, la libertad, de banda deseñada e texto en prosa, escrito e debuxado por Joann Sfar.

Para todos os/as amantes da obra e da vida desta figura, xa universal, aquí deixo a noticia.