Autorretrato. Anxo Cabada |
A
fotografía entrou con pleno dereito no mundo das Artes. Afortunadamente, vai
callando nas persoas que, libres de prexuízos interesados ou produto do
descoñecemento, gozan das exposicións e dos libros dos artistas dunha maneira
total. E ben que me alegro de que isto aconteza. Tivo que pasar bastante tempo para
que se recoñecese o labor artístico dos fotógrafos. Son, os que teñen vontade
de captar imaxes suxestivas, auténticos creadores. Son persoas, como todo
creador, que ven o mundo dende un punto de vista moi especial, e, dentro del,
esas pequenas cousas emocionantes, a través dunha cámara fotográfica e
presentan a súa esencia dun xeito intelixente e moi creativo.
Persoas
que inventan arredor delas un universo persoal abraiante que nos convida a nos
deter nel.
Cada
vez admiro máis a estes artistas. Amósannos a aparente insignificancia das nosas vidas e
todo o que se agocha nelas para que nos decatemos da riqueza que posúen. E, ao
tempo, son quen de agrandar esas insignificancias para que reparemos nelas e
reflexionemos. Son captadores de beleza. E a beleza, ás veces, pode ir da man
das desfeitas, das inxustizas, das guerras ou das desgrazas sociais, pero tamén dos recunchos aparentemente comúns.
Anxo
Cabada é unha desas persoas ás que eu admiro fondamente, e que teñen que ver co que digo
nos parágrafos anteriores. Afable, xeneroso, honesto é un poeta da fotografía.
A súa obra, que se expón en proxectos moi diversos, en exposicións de alto
nivel, que se recolle en libros (Que fermosas as súas Terragrafías e as
Maregrafías, entre outros libros!). As súas fotos, dunha alta calidade,
achégannos ás olladas da xente sinxela que fala cos ollos; agasállanos con
rostros de persoas que viven apegadas á terra, á súa contorna, aos seus
sufrimentos, ás súas alegrías, ás súas monotonías, aos seus traballos. Isto e
moito máis é plasmado pola cámara de Anxo Cabada dun xeito maxistral.
As
fotos de Anxo falan, choran, petan nos nosos corazóns. Son fotografías cheas de
arte e sentimento. Son coma versos tecendo as forzas e as debilidades das
persoas, paisaxes e detalles vivos ou inanimados.
Encántame
o traballo de Anxo Cabada. É o resultado desa paixón que leva dentro e nace
antes de coller a cámara. Todo o que fai dá, antes, moitas voltas na súa cabeza. E
consegue que agrome no seu interior para contaxiarnos a súa arte por medio das súas imaxes.
Non son estas algo estático, tópico. Non, están cheas de vitalidade, porque
Anxo sempre vai máis alá do que ve o ollo humano. Apunta aos sentimentos do que
fotografa, mesmo se son seres inanimados. O que capta, respira.
Anxo Cabada é un Artista de pés á cabeza.
O
mar de Anxo é outro mar. Un mar cheo de idas e retornos entrañables.
A
terra de Anxo é outra terra. Unha terra que chama, que suplica, que se sabe
forte e vulnerable a un tempo.
Os
retratos que fai Anxo non son retratos convencionais. Levan dentro segredos que
esvaran polas facianas que recolle tan ben.
Anxo
Cabada fai poemas coa súa cámara fotográfica. E os seus versos baten contra o
espectador ou espectadora e sacódenos ata facer que se emocionen. Hai unha
morea de compromisos coa Arte na súa obra. Arte, con maiúsculas e por riba de
todo, sen adxectivos.
Arte,
ademais, que reforza a memoria e que nos transmite que a pegada dos seres
humanos sobre o camiño percorrido e por recorrer está chea de luces e sombras.
Anxo
Cabada procura decote a identidade do misterio que agocha todo aquilo que vai
fotografar.
Por
iso, por auténtico e comprometido co seu labor, eu quero e admiro a Anxo.
Por
iso, tras moito insistirlle, hoxe nos presenta un texto e unha fotografía
realmente extraordinarios. Un conxunto cheo dese misterio que envolve o seu
traballo fotográfico.
Versos e aloumiños séntese moi feliz de que unha persoa da categoría artística e humana de Anxo Cabada estea presente. O dito, pura poesía.
A PORTA DA FOTOGRAFIA
A porta de Corrubedo
O futuro dos museos está dentro das nosas propias
casas, dicía Pamuk.
Ó abrir a porta por primeira vez nunha casa, estase
abrindo a artesa da nosa vida. Dentro da
casa iremos tecendo os nosos insomnios os nosos desencontros, os nosos anceios,
as nosas derrotas.
Dentro da porta están os espertares emocionados , os momentos
apaixonados das conversas íntimas ou dos silencios das horas,
as historias narradas ou os soños inquedos, están os
obxectos cómplices, os reloxos detidos, están as liñas das vidas por compartir.
Alén da porta quedan as conversas ilimitadas, as
espectativas sociais e os desacougos colectivos, os encontros, as casualidades,
as miradas buscadoras, as miradas perdidas;
están os días inxenuos e ferreos,
as relacións cheas de calor e indiferenza,
as alegrías e os fríos dos abrazos, as soidades colectivas o enxame das
vontades.
Cando se pecha a porta, estase pechando a vida íntima,
dentro agachamos o equilibrio inconstante das noites asolagadas do laberinto
sentimental.
A fotografía da porta, é a imaxe contida dunha
emoción, da sorpresa da vida escondida. Se cadra é o segredo do artesán do
museo da nosa memoria, mentres mira e escoita o vento do mar.
Texto e foto
de Anxo Cabada
Casa do arquitecto David Chipperfield
en Corrubedo