martes, 17 de septiembre de 2013

DE SELF PORTRAIT A ANOTHER SELF PORTRAIT



Portada de Another self portrait. Pintura de Bob Dylan

Os seus dous álbums anteriores, John Wesley Harding e Nashville Skyline entusiasmaron a todos os que amabamos as cancións de Bob Dylan. Semellaba a volta ás súas raíces, e de que maneira!

De súpeto, no ano 1970, aparece un álbum sorprendente. Para moitos, o disco máis odiado da súa carreira, Self portrait. Por que o fixo? Non se saben as razóns. Todo foi moi escuro.
Un traballo desconcertante e zorregado pola crítica. Pode pensarse que gravou unhas cancións que lle importaron ao longo da súa vida. Unha broma? Un xeito de expresar unha pausa na súa dinámica vital e musical? Un acto de rebeldía perante a crítica e deixar fluír a tranquilidade da vida familiar daquel momento?

Difíciles respostas, porque ben sabemos que  Dylan agocha as pistas sobre os seus obxectivos. Vólvese hermético.Ten completamente desconcertados os seus seguidores. Sobre un total de 24 temas, Dylan asinaba só 14. Facer versións, pois, era o seu desexo. A maioría das sesións tiveron lugar nas instalacións de Columbia en Nashville.

Ben é certo que non hai unidade ningunha nesta obra.  Dylan, está claro, buscaba demostrar que podía facer algo con retallos unidos ao chou.  Pero non dubidemos endexamais da intelixencia deste home. Nunca fai as cousas sen ter razóns, aínda que sexan ocultas. Semella, talvez, querer amosar que estaba sereno e tranquilo. Esa tranquilidade que lle proporcionaba o mundo rural no que vivía daquela.
Versións de standars de P. Clayton,Warner e Lomax; un Blue Moon, de Rodgers e Hart, demasiado lixeiro e temas de Gordon Lightfoot ou Paul Simon, entre outros.
 Para min, persoalmente, foi unha rareza, un aparte na discografía do de Duluth.
Quero destacar algunhas pezas que me encantaron. Por exemplo, as dúas partes de Alberta # 1 e 2, Copper Kettle ou Wigwam, ademais de The mighty Queen, She belongs to me ou Living the blues.
Podemos pensar, tamén, que Self portrait era un acto deliberado para rachar a súa imaxe de voceiro dunha xeración, un acto de iconoclastia. Bob Dylan, xa estaba farto daquela, de ser un gurú para a xente. El só quería ser músico. Como dicía, a crítica foi moi cruel co disco. Consideraban que era unha desfeita debida a descartes e certos arranxos que non viñan a conto.Quizais haxa algo de razón nestas afirmacións dos críticos e moitos dos seus seguidores.
Ninguén pode esquecer a primeira frase do crítico Greil Marcus da súa crítica en Rolling Stone: “Que é esta merda”?
Portada do disco Self portrait. Pintura de Bob Dylan

Confeso que, malia desconcertarme, eu gocei e escoitei moitísimo Self portrait. E Dylan, coma sempre, volve sorprender no mesmo ano co seu fermoso New morning,  para algúns, un capricho; para min, un capricho delicioso. Mellor dito un disco fermoso.

Agora, corenta e tres anos despois aparece no mercado Another Self portrait. Un dobre disco que redescubre aspectos novidosos na forma xenial de cantar do mestre, quen sempre está a darlle nova vida ao folk contemporáneo, o mesmo que fai coas súas cancións.

En Another Self portrait, volume 10  de The bootleg series, atopamos un Dylan cantando temas clásicos, blues, country, folk… Verdadeiras xoias neste dobre CD (tamén saíu en vinilo) de Self portrait e en menor medida de Nashville Skyine e New morning.
Marabillosas recreacións de orixinais, fermosas relecturas dos temas, demos, versións alternativas de cancións incluídas en Self portrait, descartes…Un Dylan máis espido que prescinde de excesos, nótaselle unha contención natural e resulta enfeitizante.
Bob Dylan en 1970

Un pracer escoitar a guitarra de George Harrison  nalgún tema e dá gusto gozar do traballo de músicos como David Bromberg ou Al Kooper na súa vertente máis auténtica. O sinxelo converte a Dylan nun ser máis íntimo. Non debemos esquecer que sempre foi un artista en pescudas permanentes, con altibaixos en certos momentos pero cun nivel altísimo de forza creativa.

Para el non hai cancións boas e malas; hai boas e diferente tipo de boas. Coa súa obra pasa iso xustamente. Os peores discos, así catalogados pola crítica, teñen temas de auténtica calidade. Moitas persoas pregúntanse que sería de Self portrait se se incluísen outra clase de cancións, se se prescindise de arranxos que desvirtúan a beleza dos temas e o disco tivese unha maior coherencia musical.Sería outra cousa. Pero Bob non sería Bob. É así. Xa dixen antes que este home sempre ten algunha razón (a súa) para facer o que fai.

Pero as intencións de Bob Dylan son insondables e, como un xenio que é, vai elixir os seus propios carreiros sen permitir a presión de ninguén. Bob Dylan segue a crear álbums extraordinarios e ten a intelixencia de reactualizar o seu pasado con temas dunha enorme calidade. Non é de estrañar que cada lanzamento seu sexa agardado cunha expectación inusitada.


Dous CDs, trinta e cinco cancións para deixarse levar pola arte dun mago da música.
Paga moito a pena mercar este disco. Pezas como If not for you, Only a Hobo, Wigwam, I threw all away, a nunca editada Pretty Saro, Days of ’49, Sign on the window, If dogs run free ou unha New morning cun acompañamento de trompas son algunhas das marabillas que nos farán gozar escoitándoas.
 
The Band
Non podo rematar este artigo sen facer mención ao disco que Dylan gravou en directo con The Band, no ano 1969 na Illa de Wight. Un auténtico tesouro. Que guitarra, que sons lle saca o gran Robbie Robertson. Extraordinaria batería e a voz particular de Levon Helm. E canta calidade atesouran Richard Manuel, Rick Danko e Garth Hudson. Grupo e cantante dan unha lección de sublime jam, perfectamente axustados e converten este disco nunha sesión en directo inigualable.
A mágoa é que este CD só se pode conseguir na edición cara: a que consta de dous libros, dous CDs e o concerto comentado. Ten un prezo excesivo que, coido, vai impedir que moitas persoas se fagan con el.

Así que estamos de noraboa, coa publicación, exquisita, deste Another self portrait (1969-1971), que fai o número 10 das bootlegs series, que van amosando todo o potencial do vello Bob ao longo dos anos.
 
O xenio máis grande da música popular estará presente cada día en todos aqueles que amamos a súa obra, deixando fóra os caprichos, a excesiva frialdade nos concertos (cando toca, non. Eh?) e certas actitudes desconcertantes.

Mentres a súa voz non cale seremos felices.

O que dicimos acotío: Bob Dylan é único.

                                                                                          





                                                                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO