viernes, 27 de septiembre de 2013

A REVISTA CLIJ, NA PRIMEIRA LIÑA DA LIX PARA SENTIR OS LIBROS MÁIS PRETO

A revista CLIJ (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil), xa no ano 26 de existencia, é a publicación máis influínte no panorama da LIX nas diferentes linguas do estado.
Leva ben tempo sobrevivindo a todos os embates que, día a día van, deteriorando a brillantez da literatura para nenos, mozos e profesores; é dicir un espazo fundamental da cultura deste país.

Nun tempo, mensual, as circunstancias levárona a saír cada dous meses.

Unha revista seria, con colaboradores dun enorme prestixio, dirixida por Victoria Fernández, unha das persoas máis cualificadas no eido da LIX. Victoria abre en cada número cun editorial que vai pulsando a realidade das obras para os pequenos nun contexto social e económico vencellado á literatura. Nada se lle escapa a esta muller que leva loitando a prol da lectura dun xeito irreprochable.

Estudos moi atinados, reportaxes que teñen que ver co mundo da ficción escrita, entrevistas, experiencias pedagóxicas en relación coa literatura, achegamentos ao cine dende o punto de vista literario, listaxes de libros recibidos, algunha páxina que pretende a reflexión, reseñas de libros nas diferentes linguas (agora tamén ten en conta a Asturias), novas sobre o mundo da LIX e un ilustrador ou ilustradora que aluma cada número cunha verdadeira mestría.

Salientar, ademais, que cada certo tempo aparece un Especial: PANORAMA DEL AÑO que é unha ollada aos libros que en diversas linguas foron editados, un INFORME sobre os premios que se concederon en España ao longo do ano e unha LISTA DE HONRA da propia revista na que os especialistas elixen os 100 mellores libros  entre os títulos comentados.

Pero unha das cousas que máis valor teñen para nós (e para min como mestra) son os MONOGRÁFICOS DE AUTOR, que permiten aos lectores coñecer a fondo os clásicos da literatura. Falamos de nomes tan fundamentais como: Julio Verne, Os irmáns Grimm, Perrault, Defoe, Edgar Allan Poe, Conan Doyle, Kipling, Salagari, Collodi ou Barrie, entre outros. Unha delicia poder achegarse a estes escritores para saber de onde vimos e o que significaron para tantas persoas.

E o número 255, magnificamente ilustrado na portada por un dos traballos cos que a mexicana Adriana Quezada Rivas resultou gañadora do concurso "Tercer Premio Iberoamericano de Ilustración (2012), está dedicado aos panoramas literarios para rapaces e rapazas en castelán, en Cataluña, Comunidade Valenciana, País Vasco, Galicia e Asturias.

María Jesús Fernández, a especialista en LIX galega, fai un percorrido exhaustivo polas diferentes publicacións na nosa terra. Quen diga nalgún momento que non ten información sobre o que quere ler ou utilizar nas aulas é que non a quere ter.

Referíndonos á poesía, podemos ler os libros que viron a luz ultimamente. E Mª Jesús Fernández fálanos de Patente de corso (Embora) de Rafa Villar, que gañou o Premio Arume de Poesía, de Verdedades (Biblos) da ben coñecida Yolanda Castaño (unha honra para a LIX que tamén escriba para os cativos) e de Acuario (Embora) de María Canosa, outra magnífica escritora.

Loa, ademais, Mª Jesús Fernández a reedición de Cidades, ese estupendo poemario de Fran Alonso. Un título imprescindible e innovador en canto ao xeito de escribir poesía para rapaces. Libro para todas as idades, ilustrado con fotografías do propio autor.

Atopamos neste apartado poético mencións a diversas antoloxías aparecidas neste espazo de tempo: dúas da editorial Tambre: Miña casiña, meu lar. Antoloxía poética de Rosalía de Castro e Dun tempo e dunha terra. Antoloxía poética de Celso Emilio Ferreiro.
Ediciós Xerais publicou, contribuíndo ao centenario deste autor en 2012, O meu primeiro Celso Emilio, de Xiana e Xosé Lastra, que contén unha biografía, unha selección de vinte e oito poemas e un CD con oito deses poemas musicados e interpretados por María Manuela, Mini, Mero e Xiana.

E Versos e aloumiños celebra a mención que se fai a Un rato díxolle á lúa. As palabras de Mª Jesús Fernández din así exactamente: E entre as antoloxías, hai que destacar a dedicada a Antonio García Teijeiro, un dos máis grandes poetas para nenos da literatura galega, autor dunha extensa obra iniciada no ano 1988, e xa considerado un "clásico moderno". Xerais acaba de sacar un fermoso libro que é o resumo de todo o seu labor poético ata este momento, Un rato díxolle á lúa, que contén, ademais dunha ampla selección de poemas, outras dúas xoias de gran valor: unhas preciosas ilustracións de Xosé Cobas e un CD no que se recollen poemas recitados polo autor e tres cancións musicadas e interpretadas por Paco Ibáñez. Todo un luxo.

En fin, teñamos a revista CLIJ como unha referencia indispensable.
Entremos nas librarías, consultemos páxinas literarias, leamos outras revistas como Peonza, Primeras noticias ou Platero e visitemos bibliotecas para saber máis do tema.
O pracer de ler levaranos a dimensións íntimas descoñecidas que nos manterán vivos nuns momentos de confusión e crises de valores.

    (Pódese consultar a web da revista que é a seguinte:  www.revistaclij.com )                                                                                                                     



                                                                                                                        MARÍA DOMÍNGUEZ