martes, 10 de septiembre de 2013

ROSALÍA, NA BIBLIOTECA DA UNIVERSIDADE DE TENNESSEE


En Xullo, como algunhas persoas saben, viaxei a Martin (TN), unha pequena cidade que ten Nashville a case tres horas e Memphis a dúas horas.Estiven ata o 10 de agosto e fun varias veces ver a Universidade onde imparte clase meu fillo.
Como algunhas persoas saben, tamén, fun coñecer a miña andoriña, que aínda non tiña un mes.
Que fun feliz nesas tres semanas non o vou dicir, pois resulta evidente e a poucas persoas importa.
Na casa de Antón e de Erin (xa de Libby, por suposto), escoitei moito jazz, xoguei á petanca, lin poesía... mais todo o meu interese (perdón, Susi, o teu tamén) xirou arredor da

andoriña, iña, iña
pequerrechiña.

 que ten o seu niño alí.

Os días pasaban nunha calma de imposible explicación.
Direi, dende logo, que xoguei (é un dicir) ao béisbol, andei en bicicleta (máis de 40 anos sen montar nunha bici), comín de marabilla (abaixo cos prexuízos), coñecin xente fenomenal (Dan, Will, non vos esquezo) e fomos dúas veces a Memphis, onde merquei jazz e camisetas con motivos musicais, ademais de visitar o museo Stax, verdadeiro templo sagrado do rythm and blues, o gospel e o soul. (Diso falarei noutro momento).
Un dos edificios da universidade

E coñecín a Universidade de Tennessee, campus de Martin (UT), por certo, pública, que me sorprendeu. É unha universidade que está dotada de toda sorte de elementos necesarios. Dende os deportivos (pistas de tenis, piscina cuberta, campo de fútbol americano...) ata os pedagóxicos e de lecer que son moitos.

Como resulta lóxico, quixen ver a biblioteca. Unha paixón coma outra calquera. Ampla, con moitos volumes das diversas materias, cunha claridade espectacular, moderna, moi coidada. Hai que ter en conta que nela estudan uns oito mil alumnos.

Entrada na biblioteca
Por suposto, fun co meu fillo Antón que fixo de cicerone. O campus, fermoso. Moito verde, moitas árbores, esquíos correndo pola herba. Marabilloso.Unha paisaxe que invita a gozala en toda a súa extensión.

Pero volvo a biblioteca, que leva o nome do seu benefactor, Paul Meek. Percorremos os andares da mesma, os corredores entre os andeis collendo un libro, folleándoo, deixándoo no seu sitio, vendo outro e outro máis. De súpeto, coma unha aparición, dei cun libro, Obra poética, de Rosalía de Castro na antiga edición de Austral. A emoción envolveume. Á súa beira, un estudo dun profesor americano sobre a nosa poeta.

Collín o poemario. Rosalía fixo que o meu corazón latexase máis forte. Folleeino e lin en voz alta dous ou tres poemas mentres, Antón facía unhas fotos. Quería impregnar o ambiente da biblioteca americana    de palabras galegas saídas do máis fondo dunha poeta miña/nosa, que tanto significado ten na cultura galega. Non foi bo o recitado. Estaba nervioso. Pero quedarame como unha lembranza fermosa.

Pasando follas atopei Negra sombra. Púxenme a ler o poema, como fixera cos outros, en voz alta e Antón, co seu teléfono, gravou as palabras de Rosalía na miña voz emocionada. Nin moito menos foi o meu mellor recitado, pero a gravación converteuse para min nunha mostra excepcional que vou gardar con verdadeiro agarimo. Meu fillo comprendeu o significadodo que viña de acontecer. E, coma sempre, soubo estar á altura das circunstancias. Algo emocionado tamén se sentía.

Despois, abandonamos a biblioteca, paseamos polo campus, visitamos outros edificios, mais eu levaba ben dentro a experiencia, sinxela pero profunda, que acababa de vivir. Rosalía. A miña Rosalía. A nosa Rosalía tamén quixo celebrar en Martin o nacemento da nosa andoriña.







 Se queres escoitar o recitado de Negra Sombra, tes o vídeo enriba desta liña.



TRES POEMAS LIDOS EN VOZ ALTA NA BIBLIOTECA "PAUL MEEK" DA UT EN MARTIN



Cando penso que te fuches,

Negra sombra que me asombras,

Ó pé dos meus cabezales


Tornas facéndome mofa.


Cando maxino que es ida,

No mesmo sol te me amostras,

I eres a estrela que brila,

I eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas, 

Si choran, es ti que choras;

I es o marmurio do río,

I es a noite, i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,

Pra min i en min mesma moras,

Nin me abandonarás nunca,

Sombra que sempre me asombras.



*****************************


Algúns din   ¡miña terra!

Din outros  ¡meu cariño!

I éste  ¡miñas lembranzas!

I aquél  ¡os meus amigos!

Todos sospiran, todos,

Por algún ben perdido.

Eu só non digo nada,

Eu só nunca sospiro,

Que o meu corpo de terra

I o meu cansado esprito,

A donde quer que eu vaia,

Van conmigo.




**********************


¿Que pasa ó redor de min?

¿Que me pasa que eu non sei?

Teño medo dunha cousa

Que vive e que non se ve.

Teño medo á desgracia traidora

Que vén, e que nunca se sabe onde vén.





Unha vista exterior da biblioteca


                                                                                                          ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO