TÍTULO: Escaquis e
Romeu.
AUTOR: Antonio Manuel
Fraga.
ILUSTRACIÓNS: Jacobo
Fernández Serrano
EDITORIAL: Xerais. Colección: Sopa de
libros.
Toda iniciativa que teña que ver coa promoción da lectura
para os máis novos, sempre é de agradecer, pois significa apostar polo futuro
máis inmediato do que eles forman parte. Escaquis
e Romeu é unha historia que xurdiu por encargo para ser o fío condutor do
Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra do 2017,baixo o lema:”O mundo que queremos”. O seu autor, o escritor e enxeñeiro técnico, Antonio Manuel Fraga ten ben claro o
mundo que quere e así é quen de achegarlles aos lectores a partir de dez anos,
esta fermosa e tenra historia que se vai converter en todo un alegato da
bondade humana, non exenta de crítica social e reivindicación dun mundo máis
xusto en todas as súas facetas tanto humanas coma animais e naturais.
Romeu é o seu protagonista, personaxe
entrañable que cre no ser humano e cuxa profesión de barbeiro lle permite ser
feliz ao gozar coas gandes-pequenas cousas da súa vida cotiá coma a conversa
cos veciños ou lerlles ás plantas e así sentirse vivo, rodeado de vida de papel
e vexetal e esquecer as chanzas dos que confuden a súa bondade co feito de ser
parvo. Escaquis é un ser misterioso, un espírito que nace dos soños dos nenos,
habita no “reverso-mundo”e ten un estraño poder: o de abrir as portas ao mundo
dos desexos.
A súa estrutura en tres partes con
cadanseu título e con cinco capítulos curtos cada unha, axuda a que o lector se
familiarice coa historia e descubra no epílogo quen é a personaxe narradora,
que ao longo de todo o libro lle fai continuas invitacións para que a acompañe
na aventura lectora.
A través do
emprego dunha prosa fluída, non exenta de humor, aparecen os personaxes
caracterizados e de fácil recoñecemento para o lector que se introduce na
historia onde vai descubrir que os prexuízos, o medo ao descoñecido e a
xenofobia son sempre produto da ignorancia e que a amizade é tan poderosa que
ata dá forzas para enfrontarse a calquera perigo.
Antonio M. Fraga e Jacobo F.S. no Salón do Libro de Pontevedra |
As expresivas
ilustracións de Jacobo Fernández Serrano
están en sintonía co ton textual e amosan cos seus trazos unha tenra
homenaxe a Agustín Fernández Paz por parte do autor e do ilustrador.
ALBA PIÑEIRO