Mostrando entradas con la etiqueta antonio manuel fraga. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta antonio manuel fraga. Mostrar todas las entradas

martes, 10 de abril de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (46) "Escaquis e Romeu", de Antonio Manuel Fraga







TÍTULO: Escaquis e Romeu.

 


AUTOR: Antonio Manuel Fraga.




ILUSTRACIÓNS: Jacobo Fernández Serrano





EDITORIAL: Xerais. Colección: Sopa de libros.






Toda iniciativa que teña que ver coa promoción da lectura para os máis novos, sempre é de agradecer, pois significa apostar polo futuro máis inmediato do que eles forman parte. Escaquis e Romeu é unha historia que xurdiu por encargo para ser o fío condutor do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra do 2017,baixo o lema:”O mundo que queremos”. O seu autor, o escritor e enxeñeiro técnico, Antonio Manuel Fraga ten ben claro o mundo que quere e así é quen de achegarlles aos lectores a partir de dez anos, esta fermosa e tenra historia que se vai converter en todo un alegato da bondade humana, non exenta de crítica social e reivindicación dun mundo máis xusto en todas as súas facetas tanto humanas coma animais e naturais.

      
Antonio Manuel Fraga
     
     Romeu é o seu protagonista, personaxe entrañable que cre no ser humano e cuxa profesión de barbeiro lle permite ser feliz ao gozar coas gandes-pequenas cousas da súa vida cotiá coma a conversa cos veciños ou lerlles ás plantas e así sentirse vivo, rodeado de vida de papel e vexetal e esquecer as chanzas dos que confuden a súa bondade co feito de ser parvo. Escaquis é un ser misterioso, un espírito que nace dos soños dos nenos, habita no “reverso-mundo”e ten un estraño poder: o de abrir as portas ao mundo dos desexos.

      
     A súa estrutura en tres partes con cadanseu título e con cinco capítulos curtos cada unha, axuda a que o lector se familiarice coa historia e descubra no epílogo quen é a personaxe narradora, que ao longo de todo o libro lle fai continuas invitacións para que a acompañe na aventura lectora.
 
Ilustración de Jacobo Fernández Serrano
      
     A través do emprego dunha prosa fluída, non exenta de humor, aparecen os personaxes caracterizados e de fácil recoñecemento para o lector que se introduce na historia onde vai descubrir que os prexuízos, o medo ao descoñecido e a xenofobia son sempre produto da ignorancia e que a amizade é tan poderosa que ata dá forzas para enfrontarse a calquera perigo.

Antonio M. Fraga e Jacobo F.S. no Salón do Libro de Pontevedra
     
     As expresivas ilustracións de Jacobo Fernández Serrano están en sintonía co ton textual e amosan cos seus trazos unha tenra homenaxe a Agustín Fernández Paz por parte do autor e do ilustrador.


                                                                                                                  ALBA  PIÑEIRO