lunes, 2 de abril de 2018

REMUÍÑO DE LIBROS (45) "A horta de Simón", de Rocío Alejandro





AUTORA: Rocío Alejandro.



TRADUCIÓN: Manuela Rodríguez.





EDITORIAL: Kalandraka.






O Premio Internacional Compostela de Álbum ilustrado organizado polo Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela xunto con Kalandraka editora, cada ano cobra maior prestixio e proba disto é a cantidade de obras pertencentes a diferentes países que tivo na súa última convocatoria. De todas elas e por unanimidade, saíu gañadora da X edición “A horta de Simón” da ilustradora arxentina Rocío Alejandro.

 
Rocío Alejandro
     
     Trátase da primeira obra na que a autora Rocío Alejandro exerce a dobre faceta de escritora e mais ilustradora. E faino para achegarlle ao público infantil esta fermosa historia aberta a diferentes lecturas e que convida a gozar do contacto coa natureza, primeiro dun xeito individual e logo colectivo. Para amosarnos que aquilo que é bo para unha persoa, se se comparte, aumenta os seus beneficios porque repercute en toda a comunidade. É un exemplo do que deberiamos facer para conseguir a boa convivencia e, se está a natureza polo medio, mellor porque é un ben universal que nos atinxe a todos. Entre todos temos a capacidade de facer que cambie aquilo que non nos gusta e potenciar o que si nos permite vivir en harmonía.

      A partir dun comezo sinxelo, non simple, a autora vai enchendo as páxinas cunha progresión narrativa textual e visual utilizando unha estrutura acumulativa pola que desfilan os diferentes personaxes. Facendo unha viaxe dende o individual ao colectivo tanto no plano lingüístico coma no plástico que esperta a intención ecolóxica e comunitaria. Sobresae o emprego da laboriosa técnica da estampación mediante selos entintados para darlles vida aos personaxes e á horta.



                                                                                                                            ALBA  PIÑEIRO