Toda iniciativa que teña que ver coa promoción da lectura
para os máis novos, sempre é de agradecer, pois significa apostar polo futuro
máis inmediato do que eles forman parte. Escaquis
e Romeu é unha historia que xurdiu por encargo para ser o fío condutor do
Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra do 2017,baixo o lema:”O mundoque queremos”. O seu autor, o escritor e enxeñeiro técnico, Antonio Manuel Fraga ten ben claro o
mundo que quere e así é quen de achegarlles aos lectores a partir de dez anos,
esta fermosa e tenra historia que se vai converter en todo un alegato da
bondade humana, non exenta de crítica social e reivindicación dun mundo máis
xusto en todas as súas facetas tanto humanas coma animais e naturais.
Antonio Manuel Fraga
Romeu é o seu protagonista, personaxe
entrañable que cre no ser humano e cuxa profesión de barbeiro lle permite ser
feliz ao gozar coas gandes-pequenas cousas da súa vida cotiá coma a conversa
cos veciños ou lerlles ás plantas e así sentirse vivo, rodeado de vida de papel
e vexetal e esquecer as chanzas dos que confuden a súa bondade co feito de ser
parvo. Escaquis é un ser misterioso, un espírito que nace dos soños dos nenos,
habita no “reverso-mundo”e ten un estraño poder: o de abrir as portas ao mundo
dos desexos.
A súa estrutura en tres partes con
cadanseu título e con cinco capítulos curtos cada unha, axuda a que o lector se
familiarice coa historia e descubra no epílogo quen é a personaxe narradora,
que ao longo de todo o libro lle fai continuas invitacións para que a acompañe
na aventura lectora.
Ilustración de Jacobo Fernández Serrano
A través do
emprego dunha prosa fluída, non exenta de humor, aparecen os personaxes
caracterizados e de fácil recoñecemento para o lector que se introduce na
historia onde vai descubrir que os prexuízos, o medo ao descoñecido e a
xenofobia son sempre produto da ignorancia e que a amizade é tan poderosa que
ata dá forzas para enfrontarse a calquera perigo.
Antonio M. Fraga e Jacobo F.S. no Salón do Libro de Pontevedra
As expresivas
ilustracións de Jacobo Fernández Serrano
están en sintonía co ton textual e amosan cos seus trazos unha tenra
homenaxe a Agustín Fernández Paz por parte do autor e do ilustrador.
Levaba ben tempo amolado comigo. Ata tal
punto que non me falaba como nel era habitual. Ladraba. E iso en Can era raro.
Como sabedes é un personaxe que le (e le ben), que lle gusta opinar, que vive
entre libros e está atento a cada novidade que poña eu no andel ou a cada
conversa que teña con calquera persoa que pague a pena.
Si, o can Can é moi esixente.
E tiña medo de que non lle dese bóla.
Nada
máis lonxe da miña intención. Encántame parolar con el, coñecer as súas
opinións, sentir os seus desexos preto.
Fíxenlle saber que todo chega no seu
momento e xa está feliz.
Os murmurios do can Can están vivos e
débovolos contar.
Así que podedes escoitalo, se vos prace.
Ocan
Candinos musitando
que…
…lle encantou o libro de Pessoa que me agasallou o meu amigo Jose
Figueiredo co poema Tabacaria de Pessoa, nunha fermosa edición, con debuxos de
Pedro Sousa Pereira, da editorial Clube do Autor, S.A. (Lisboa, 2013). Un
poema, Tabacaria, asinado por Álvaro de Campos que é, sen ningunha dúbida, un
dos poemas máis admirados da lingua portuguesa.
Velaquí o seu comezo:
Nâo
sou nada.
Nunca
serei nada.
Nâo
posso querer ser nada.
Á
parte isso, tenho em mim todos os sonhos do mundo (…)
… que está feliz de volver a ler, nunha
edición coidadísima , o magnífico libro que fixeron Gloria Sánchez e Pablo Otero(ilustracións), A raíña de Turnedó. Kalandrakatírao do prelo dezaoito anos despois e dá gusto velo, lelo, tocalo,
ulilo. Un orixinal planteamento poético, entre poema acumulativo e teatral, que
segue cativando o lector. Can gozou da súa lectura.
Din así algúns versos:
Miñas donas,
meus señores…
Este é o xardín
da raíña de Turnedó.
Aplaudan: Plis-Plas!
Plis-Plas!
Miñas
donas,
meus señores…
Este é o mato do
xardín
da raíña de
Turnedó.
Exclamen: Oooooooooooh!
(E segue acumulando versos)
… que se sente o can máis feliz do
mundo ao ver un dos libros clásicos da LIX, “O homiño vestido de gris e outros
contos” do meu amigo Fernando Alonso, vertido ao galego. Feliz pola
recuperación deste libro, xa lexendario e de permanente actualidade, na edición
da editorialKalandraka. Feliz, tamén,
pola magnífica tradución de Ramón Nicolás, quen segue dando pasos seguros
dentro do mundo da literatura infantil. Tanto a edición galega coma a castelá son
un verdadeiro luxo e resulta imprescindible facerse con elas.
… que xa está desexando lera nova entrega (a terceira) da serie de cómic
para os primeiros lectores, Marcopola. A
Illa remeira. (Edicións Xerais de Galicia). Creada, debuxada e escrita por
Jacobo Fernández Serrano, o número tres leva por nome Dragoneta!Nela, o alquimista Brisgovius deu coa apócema máxica. Xa
ten lista a beberaxe que fará da malvada Demoneta un ser invencible capaz de
voar e cuspir lume pola boca.
Isto é parte do que Can leu na contracuberta e xa está disposto a seguir
gozando coa serie deste grande ilustrador, pintor, debuxante e comiqueiro,
ademais de escritor, un dos artistas de referencia da LIX galega que é Jacobo.
… felicítame o can Can porque acaba de
ver tres novidades na miña colección dylaniana.
Ademais dun dobre vinilo con
cancións dos primeiros 60, chamoulle a atención o debuxo que Yuya Martínezme agasallou hai un tempo, o coxín coa figura
do artista, galano de Alba Piñeiro e da bolsa que Olga Darriba encargou para
min a través de internet. Encantáronme as tres cousas e Can movía o rabo de
satisfacción.
Para Yuya, Olga e Alba, é este vídeo do gran Bob Dylan, como agradecemento polos seus agasallos relacionados co xenio de Duluth.
Bob Dylan canta "Knockin´on heaven´s door" nun concerto "Unplugged".
… tamén me comentou (tiven que detelo
para que non seguise falando) que lle encanta escoitar a Leonard Cohen. Porque
moumea, arrastra os versos, dá profundidade ao contido das cancións. Porque lle
gustan os coros femininos que conteñen os temas e a atmosfera que crea coa súa
voz e a música, ambas complementadas dun xeito maxistral. Cancións que
emocionan.
De aí que estea, díxome, moi feliz coa aparición do novo disco do
canadense, Popular problems, que
escoita no meu despacho. El, que vive entre libros, aparca a lectura para
deixarse arrolar polos temas de Cohen. E dime (eu non sei se mente) que nunca
esquecerá o concerto que deu Leonard Cohen en Castrelos. Andaba polo parque un
chisco despistado e, cando escoitou a música, coouse entre as cadeiras e ficou
pampo. Nun recanto, deitado no chan, asistiu a unha actuación memorable. Dende
aquela, intenta escoitar todo o que pode deste artista ao que adora.
Que non siga, dígolle. Que deixe outras
noticias para a próxima entrega. Que, a partir de agora, vai participar en
Versos e aloumiños regularmente. Isto alégrao e sorrí. Teño tanto que contar…!, exclama.
Antes de despedirse de min faime unha
comenda: busca unha canción de Andrés Calamaro e dedícalla da miña parte a Noa
e dille que a quero moito. E repítemo con insistencia.
Andrés Calamaro, no Orfeo Superdomo en Córdoba canta "Cuando no estás". A Noa con todo agarimo. Prométollo e ao fin despídese de min,
desta vez si, cun poético guau, guau, para,
deseguido, continuar cun libro de Bernardo Atxaga, Días de Nevada, que lle está encantando. O noso can Can le de todo o que considera literatura. É un gran lector.
E volve ao balcón co libro nas mans
aproveitando que neste intre non chove.