miércoles, 18 de abril de 2018

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXVII) Mª Victoria Moreno (3)












                                 MARÍA VICTORIA MORENO (3) (1933-2005)





                             Conto en verso dividido en tres partes: O solpor, A noite e O Amencer





O SOLPOR


     

     No luscofusco de maio,
cando as faíscas da herba
ceden ao arrolo do vento,
quere durmir a pradería.
Aínda as flores presumidas
desafían as estrelas.
Rompen a cantar os grilos
e os ferreiriños golpean
con chíos de aceiro negro
a paz dourada e serena.


     
     Volve o gando para as chousas
e as campaíñas son queixa
polo sol, que vai dereito
camiño da fin da terra.
As sombras enchen as casas
e as nais prewparan a cea,
mais todos os nenos foxen
da música das tarteiras
porque a noitiña é fermosa
e presta disfrutar dela.


     
     O gato lambón e vago
os seus bigotes aquela
e os trasno da cadeliña

Mª Victoria Moreno
-Alma, bonita e pequena-,
aproveitando un descoido,
lisca da casa e comeza,
xunto aos nenos, o seu xogo,
mais ninguén repara nela…


  Cos seus ollos manseliños
mira docemente e prega
ser unha máis da cuadrilla
coma se fose unha nena.
Coas súas luviñas douradas
fai títeres e piruetas
e, á fin, arrédase triste
baixo a súa capiña negra.

O seu amor pola cadeliña

     
     Leva o seu rabiño a rastro,
leva gachas as orellas
e leva dentro do peito
unha doíña de pena,
tan quente coma unha bágoa
e tan donda coma a cera.


Camiña cara a ningures
Alma, a travesa cadela,
e vai coa calma do sol,
que nin para min ten présa.
-¿Qué buscas?- pregunta un moucho
que nese momento esperta.
-Volve á casa- di a voz rouca
dunha curuxa moi vella.





(Do libro ¿E haberá tirón de orellas?, editado por Galaxia. 2017)