Opino dende hai ben tempo que xa se poden
inventar toda sorte de plans de estudos, de encher de ordenadores as aulas, de
facer reválidas nun claro paso atrás, de eliminar humanidades dos currículum,
de primar a educación memorística en prexuízo daquela que promovía o traballo
en grupo e a reflexión, de crear treitos diversos para os alumnos e alumnas de
Secundaria… Si, xa se poden facer estas e outras cousas máis, porque se non se
crea a figura do mestre / mestra
bibliotecario/a nos centros de ensino seguiremos nas mesmas.
Vivimos nun país que vive de aparencias.
Temos os premios literarios institucionalizados máis rimbombantes do planeta.
Non fai falta que os recorde, pois, entre outras consideracións, danme noxo.
E danme noxo porque non hai apostas claras
polos plans lectores como habería que facelo. Fican sempre na superficie. Non
valen para nada. Queremos dar unha imaxe de potencia literaria cando o que
realmente estamos construíndo son fachadas sen contidos dentro. Dependemos
claramente dos esforzos de ensinantes que cren no que fan e non teñen axuda
ningunha.
Arrúbianse os responsables do sistema
educativo cando aparecen os informes PISA e non se obteñen os resultados
apetecidos. Daquela, todo é buscar nos plans anteriores ou presentes as causas
de tamaño fracaso. Os políticos guíndan dardos envelenados uns aos outros e
ninguén, con seriedade, é quen de reflexionar sobre as causas reais do fracaso.
Sen ningunha dúbida, as causas son
variadas. Pero a falta de bibliotecas escolares ben dotadas, con persoas
dedicadas a iso durante toda a xornada brillan pola súa ausencia. Non se
contemplan, en ningún caso, mestres ou mestras dedicados toda a xornada a levar
adiante unha biblioteca que dinamice o centro educativo e faga desa sala con libros
o centro neurálxico da escola.
Todo o que se avanzou neste sentido ao
longo dos anos reside no voluntarismo de docentes implicados,
que saben da importancia da lectura e que rouban tempo persoal ás súas vidas
para empregalo en proxectos bibliotecarios e literarios a prol do alumnado que
teñen ao seu cargo. E fano en soidade, loitando con pais e nais que non valoran
a función do libros de lectura e, o que é peor, sufrindo a ignorancia e o
desprezo dos compañeiros que non dan importancia a labores coma este.
Así de clara e crúa é a realidade que se
vive. Por iso non poden sorprendernos o ínfimo grao lector, o baixo nivel de
autonomía literaria que existe, o escaso valor que se lle dá ao libro nesta
sociedade baleira e enferma. Agora lese máis que anos atrás, só faltaría!, pero
estamos moi lonxe dos índices lectores da Europa desenvolvida. E xa non falo
da nosa literatura galega. Dan ganas de chorar.
O pouco que se le é grazas a eses docentes
comprometidos coa cultura literaria e que levan ben anos loitando a prol da
lectura nas aulas, para que os cativos non pasen polos cursos de costas a unha
actividade fundamental na súa formación.
Un deses docentes é Mariano Coronas Cabrero. Un home avalado pola súa dedicación a
crear un punto de acción sobre as bibliotecas escolares. Un traballador “a pé
de obra” que foi (e segue, malia estar xubilado) levando o seu discurso por
toda España, partindo dun traballo persoal moi rico e suxestivo dende a escola
onde traballaba.
Mariano foi alumando persoas con
inquedanzas a través de obradoiros, conferencias, cursos, publicacións sobre a
biblioteca e as súas vantaxes. Recibiron unha chea de premios as propostas que
realizaba no seu centro. Era o faro que brillaba neste eido e noutros moitos
que acometía con ilusión.
Mariano converteuse nunha referencia pola
súa sabedoría, pola autenticidade que mostraba e pola intelixencia coa que
expoñía as experiencias das que falaba.
Acabo de recibir un díptico, editado polo Seminario
de Biblioteca y Literatura Infantil do C.E.I.P. Miguel Servet de Fraga (Huesca)
sobre a Biblioteca Escolar.
O seu autor? Pois Mariano Coronas, faltaría máis! As ilustracións son de Josep Figueres. Unha magnífica invitación a acudir ás bibliotecas escolares, gozar delas e aproveitar as enormes canles que descobren. A biblioteca, un lugar onde imaxinación, curiosidade, información e coñecemento son piares fundamentais da formación integral dos cativos e cativas.
Reproducimos a continuación o devandito
díptico, para que os lectores e lectoras de Versos e aloumiños poidan
saborear a extraordinaria tarefa que Mariano Coronas, Mercè
e algúns compañeiros levan adiante
no centro escolar oscense dende hai vinte e sete anos.