Manuel María |
Sen coñecer a súa figura,
a súa obra, non sei se tería chegado a escribir tantos poemarios para os
pequenos (e non tan pequenos).
Os
soños na gaiola significou para min a constatación de que aos nenos e nenas
lles gusta a poesía. Camiñei a través dos seus versos para ir deixando no meu
alumnado de hai máis de trinta anos a semente da poesía.
Coñecelo foi un pracer.
Compartir algunhas mesas redondas con el e, sobre todo, deixar no aire os meus
versos xunto cos de Manuel María, nun
recital conxunto cheo de vida nun colexio vigués , algo que marcou definitivamente a miña
vida de escritor. Tratoume con moito agarimo e foi moi amable na opinión que deitou sobre os meus versos. Eu voaba coas súas palabras.
Con Manuel María. Ano 1992? |
Eu, que tanto bebera da súa obra,
compartindo voz e espazo co mestre, a quen tanto admiraba.
E non me defraudou. Manuel María estaba
sempre á beira das persoas para clamar, coa súa elegante voz (todo nel era
elegante), pedindo xustiza social, recoñecemento da nosa lingua e deixar claro
o que Galicia tiña que significar na sociedade do seu tempo (que segue a ser
este).
El era, sobre todo, un escritor
transparente, que aborda todos os xéneros literarios: teatro, ensaio,
narrativa, poesía e crónicas xornalísticas. Un escritor pleno. Un escritor cuxa
poesía abrangue todos os temas que se
poden dar. Porque, malia todo o dito, será a poesía o xénero no que Manuel
María se centrou para expresar as súas necesidades como ser humano que berra.
Interesoume sempre a poesía e mais a
actitude do poeta. E sentín decote a tenrura de Manuel María para escribir
poemas infantís. Unha poesía con vocación de ensinar, de concienciar e de
intentar que a rapazada puidese sentirse ben próximos á paisaxe, aos animais,
aos trebellos utilizados nos labores do campo, ao tempo atmosférico, aos
paxaros, aos seres humanos, á terra…
Esas foron algunhas das causas que me
permitiron achegar a poesía aos meus alumnos cos versos de Manuel María baixo o brazo e
posteriormente cos meus.
Poesía directa, limpa, punxente ás veces;
poesía próxima, chea de vida e de cor (dende as cores grises ata as máis
brillantes); poesía reivindicativa, visualmente rica. Poesía que arrecende a
Galicia e vai talvez un chisco máis alá.
Sobre todo Os soños na gaiola, mais tamén
poemas d´As rúas do vento ceibe, o
pequeño lector séntese cómodo entre os versos, conmóveno e nota a man
aloumiñadora do poeta, que sabe, a través da palabra cálida, como entrar no
máis íntimo dos lectores e lectoras.
Nunca esquecín aquel día en que o patio do
centro escolar "San Xosé da Guía" se encheu das nosas palabras (principalmente das del). Sigo a
escoitalo dicir os versos con pausas perfectamente elixidas, mirando os nenos
cunha ollada profunda, empregando un ton engaiolante, calmo, pero cunha forza
indescritible. A énfase coa que pronunciaba as palabras deixounos abraiados.
Sentinme pequeno ao seu lado, pero aprendín moito. Foi un auténtico pracer,
unha honra. Aí,á miña beira, estaba o home que me sinalou os camiños que debía
seguir. Debía de ser o ano 1992.
El non se trabucou no camiño que abriu.
Eu, tampouco.
Os seus poemas non perderon vixencia; os
meus foron medrando ano a ano, libro a libro, e síntome moi orgulloso. Ambos os
dous amamos os nenos e nenas.
De aí a carta que serviu de prólogo a “As rúas do
vento ceibe”. Lede as liñas coas que comeza:
“Moi queridos nenos: Velaquí o meu segundo volumen de versos para
nenos galegos. Tiña que ser. Este servidor, con case medio século ás costas que
me florea nas barbas, sentiuse na obriga e sobor de todo na necesidade de
escribir de novo para os nenos. Para todos os nenos galegos e dun xeito
particular para os nenos da cidade, un tanto esquecidos no outro meu libro para
rapaces, Os soños na gaiola” (…) E remata con “ se estes poemas, sinxelos e
simples, vos deprenderan a amar a nosa patria Galiza, este voso vello amigo
sería o home máis feliz do mundo. Moitas grazas unha vez máis.”
Corría o ano 1978 e a poesía de Manuel
María dirixida aos nenos, cargada de cero didactismo consciente, volvía ser un
elemento para ter en conta nun eido ermo. El mesmo afirmaba –algo discutible,
pero auténtico- que “ a poesía que non ensine algo –o que sexa- non é poesía”.
Así que neste “Día das Letras Galegas”
quero salientar a importancia dos poemas que o noso poeta escribiu para a
rapazada. Sen eles, estou seguro, moitos non nos animariamos a escribir para
eles.
D´OS SOÑOS NA GAIOLA este poema dedicado a Galicia.
Galiza docemente
¡ten vales e
montañas
e terras para labrar!
Ten portos,
mariñeiros,
cidades e
labregos
¡cargados de
traballos,
cargados de
trafegos!
Galiza é unha nai
velliña,
soñsdora:
¡na voz da gaita
rise,
na voz da gaita
chora!
a terra, o mar, o
vento…
¡Pro hai outra
Galiza
que vai no
sentimento!
Galiza somos nós:
a xente e mais a
fala
¡Se buscas a
Galiza
en ti tes que
atopala!
Así me dedicou a primeira edición d´"Os soños na gaiola". |