sábado, 17 de diciembre de 2016

SENTADO CON PESSOA (X) Visita con Raúl Gómez Pato que lle leva o seu poemario "Máscaras de espellos"





Fun achegándome a don Fernando e non viña só. A verdade é que nunca visito só a Pessoa. Gústame levar alguén que pague a pena comigo.
     O mestre estaba a ler un libro. Cando notou que me aproximaba a el pechouno e púxoo do revés á súa beira. Non quería compartir o libro comigo. Acepteino. Faltaría máis.
     Non tardou en dicirme en voz alta estes versos:


JÁ sobre a fronte vã se me acinzenta
O cabelo do jovem que perdi.
     Meus olhos brilham menos.
Já não tem jus a beijos a minha boca.
Se me ainda amas, por amor não ames:
     Traíras-me comigo.

     
     O meu acompañante e mais eu ficamos fascinados.  Era un poema do seu marabilloso libro Odas de Ricardo Reis. Non dixemos ren. Só atendíamos o recitado de Pessoa sen pestanexar. Estabamos enfeitizados perante o dicir do noso poeta luso.
     
     Había un mundo que non o visitaba.
     
     E, arestora, aí estaba diante del acompañado dun poeta que me encanta.
Uns días antes preguntáralle se quería visitar o mestre e Raúl Gómez  Pato non o dubidou nin un segundo. Comenteille que lle leriamos algún dos seus poemas e gustou da idea. Entusiasmouse.

     
Raúl Gómez Pato

     Xa estabamos onda el. Don Fernando ergueu a cabeza a xeito de saúdo. Raúl, algo tímido, bisbou unhas palabras inintelixibles. Olleino e semellaba feliz. Pessoa, tamén.
     
     Antes de que ninguén dixese nada abrín o poemario  Máscaras de espellos  , editado por Espiral Maior e que acadou o “I Premio de Poesía Xosé María Díaz Castro”, e lin con voz clara este poema:


  voadores os paxaros non acertaban en que acubillo
              pousar o seu sobresalto
quizá nos arames máis tensos do horizonte secante
               fatigada
zumega nos postes telefónicos un aquel de efémero
              sosego

     


     O mestre ficou compracido. Olloume en fite. Estaba interesado. Debuxou un leve sorriso e, antes de que dixese nada, comecei con outro poema:


xuridicamente é viábel teño tres aloumiños
           dispersos
polo ventre tatuaxes inxeccións puntuais de tenrura
a denuncia seguiu o seu curso levo meses reo
            sentenciado

     Raúl estaba algo desconcertado. Mais por dentro foi quen de comprendere que Pessoa estaba a gusto. Eu confirmeille esa sensación.
     Daquela, puixen nas mans de Raúl o poemario e animeino a que fose el quen lle lese outro poema. Animouse e fíxoo.
     Así soaba a súa voz, mentres don Fernando pousaba a ollada nun punto indefinido da paisaxe:

antoloxía de forma redondeada a miña boca co seu
       movemento
que define perfectamente quen eu son a miña
          vaidade
escolle as palabras que máis che acaian bícame
          deseguida dáme a absolución
    
     
     Cando rematou o poema, Pessoa chamouno onda el e deulle unha aperta emocionada. Raúl estaba desconcertado, pero víaselle feliz. Non era para menos. Estabamos diante dun poemario ben directo  cara aos sentimentos máis íntimos do ser humano. Un poemario crítico cos comportamentos inxustos, ateigado de razóns para loitar nunha sociedade que invade a dignidade das persoas dun xeito brutal e cínico. Un poemario que é unha lectura da deformación que o materialismo provoca en cada un de nós. Un poemario que denuncia a incomunicación, a dor íntima que padecemos, o noso papel neste mundo… E todo cunha linguaxe precisa que emociona.
     

     
     Tivemos unha conversa os tres. Eu calei a boca máis do que acostumaba e Raúl Gómez Pato agasalloulle o poemario.
     No medio desta conversa, como dismuladando, deixándoos falar, lin para min estes versos:


os corvos peteiran no lixo en procura da nova
          política  os corvos
quizás un pouco de ideoloxía fermentada entre a
          hipertermia
dos despoxos unha postura inclinada unha
           reverencia á insubstancia
    
     
Cando nos decatamos, pasara o tempo dunha maneira vertixinosa. Eu disimulei por ter feito esta lectura roubada e tusín. Podiamos seguir aí sentados horas e horas sen sentir a máis mínima preocupación. Pero eu sei que non debemos ser molestos e decidín cortar a conversa. Non sei se Pessoa mo agradeceu, mais os poemas de Máscaras de espellos  sei que lle chegaron ben adentro. É preferible manter a distancia do respecto, que pasarse da raia.

     


     Despedímonos con afecto e notei que don Fernando daba a Raúl un abrazo moi especial. Si, si, moi sentido.
     Prometinlle non tardar tanto en voltar canda el. Agradeceumo cun sorriso que delataba que non estaba moi seguro da miña promesa.

     Raúl Gómez Pato e mais eu fomos afastándonos felices.
      E ambos os dous, a dúas voces, recitamos un outro poema deste magnífico Máscaras dos espellos , mentres deixabamos ás nosas costas o mestre que, seguramente, volvería abrir aquel libro que pechara cando sentiu que nos achegabamos a el.


despois moito despois dos malabaristas dos
         contorsionistas  dos saltimbanquis
a continuación dos trapecistas dos tragalumes dos
          pallasos tras os aplausos
os vivas as ovacións aforcarase   o poeta  xerminarán
          se callar os s seus versos



E non me digades por qué pero un intenso calafrío percorreu o meu corpo, ou quizais a miña alma. Non lle dixen nada a Raúl que, case seguro, ía pensando no vivido.





                                                                                                    ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO