Hai ben tempo que admiro fondamente a Anxo Cabada. E admíroo pola súa obra -verdadeira poesía fotográfica (“poesía da luz e da sombra”)-, polo seu compromiso humano e artístico, pola súa personalidade, cámara en mano ou sen ela, porque me encanta conversar con el, pola súa sensibilidade… e por moitas razóns máis.
Anxo Cabada tiña que estar nesta sección
d´A
luz das palabras e aquí está.
E faino cunhas fotografías prodixiosas e
un texto no que nos fala desa festa tradicional –practicamente un rito-, como é
a rapa destes cabalos ceibes.
Un
texto moi significativo sobre esta tradición, sobre a historia da “rapa”
e a fascinación que exerce en fotógrafos, en grandes fotógrafos/as de moitas
partes do mundo. Un texto adobiado cunhas fotografías que nos deixan pampos de
admiración. Un texto que se refire a Sabucedo que, en palabras do autor, se
converteu xa nun encontro de reporteiros de todos os continentes e as súas
imaxes se esparexen por todas as revistas, os xornais e polas redes sociais.
Sabucedo converteuse nun “couto” fotográfico de primeira orde.
E Anxo Cabada cóntanolo a xeito de crónica
e de exposición gráfica. Unha gozada
para os sentidos da man dun dos grandes fotógrafos deste noso país.
Grazas, Anxo, pola túa xenerosidade e por
permitirnos estar tan preto dun acontecemento desta importancia.
A RAPA
E A FOTOGRAFÍA
Anxo Cabada (texto e fotografías)
De pequenos
todos levabamos un pau de moca ao monte.
Ao irmos buscar as eguas a Montouto,
os homes ou as mulleres preparaban con tempo, para os seus fillos ou netos, un
bo pau de moca para axudar a baixar as bestas; os preparativos eran ben
ceremoniais e a excitación dos máis cativos, conforme se achegaban as datas, ía
medrando. Soñabamos cos rinchos dos cabalos no medio da noite.
A
Sabucedo o “Día das Eguas” ou “Día da Baixa” acudía xente da bisbarra de
Tomonde, Soutelo, Quireza, Cerdedo, Forcarei, Codeseda, Castro, Vilalén...
Daquela, a fotografía até os anos 60 era só documental e costumista, por
iso non temos moitas fotografías da primeira metade do século XX. A Sabucedo
unicamente acudía o NODO e de cando en vez algún fotógrafo da bisbarra coma
o gran fotógrafo de Soutelo, Virxilio
Viéitez, que co tempo será unha figura esencial da fotografía europea.
De
súpeto, a Sabucedo xa empezaron a chegar fotógrafos foráneos: eran
viaxeiros-reporteiros que buscaban os costumes ancestrais do país e Sabucedo,
cunha complicada accesibilidade, mantiña unha tradición única e moi atractiva
visualmente, polo que constituie un
couto, e un lugar moi atractivo para os fotógrafos.
É a partir dos anos 70 cando a
fotografía empeza a ter vida propia, e comezan a xurdir nas asociacións
fotográficas persoas inquedas que pensan que a fotografía é un grande medio de
expresión para contar e narrar, a fotógrafa
Cristina García Rodero co seu traballo “España oculta”, recrea fotograficamente
todas as tradicións e festas pola península adiante; tamén pasa por Sabucedo, e
realiza un traballo intenso que lle permitirá co tempo seguir profundando en
todas as tradicións do mundo e así chegar a ser a única española da prestixiosa
axencia Magnum. Outros fotógrafos da Magnum de gran prestixio, como o checo Josep Koudelka ou o grande
fotógrafo americano David Alan Harvey, a principios dos anos 70, tamén chegaron
a Sabucedo e deixaron unha grande pegada cos seus traballos. Dende aquela xa é
fácil atopar reportaxes na revista National Geographic, e nas máis prestixiosas
revistas de fotografia de todos os recantos da terra.
Outros
fotógrafos que realizaron traballos destacados nestes anos foron: Rafael
Sanz Lobato, Premio Nacional de Fotografía en 2011, e Carlos Corcho, pertencentes os dous ás
Agrupacións Fotográficas Madrileñas. Outros moitos aparecían por Sabucedo
cargados de negativos e cámaras e
pasaban días na aldea, rexistrando todos os traballos da rapa, dende o monte do
Cádavo até o vello curro pegado á igrexa.
A rapa foi evolucionando coa
fotografía: nos anos oitenta a fotografía en España dá o paso do documentalismo
a ser unha nova expresión artística; comeza a competir coa pintura nas salas de
exposicións e as fotos da rapa a gran formato comezan a verse nas galerías de
arte.
En
Sabucedo, desde finais dos anos 90, atopamos exposicións de fotografía que contribúen
a salientar a forza icónica das imaxes da festa, e ao mesmo tempo recuperar as
vellas imaxes da rapa espalladas polas casas da aldea.
Os
carteis da rapa son dos primeiros que empregan a fotografía e no ano 2008 o
Concello da Estrada convoca o Concurso de Fotografía “Rapa das Bestas”, que
vai ser un atractivo económico e
artístico para que a Sabucedo acudan unha chea de fotógrafos afeccionados e
profesionais.
Hoxe
xa Sabucedo é un encontro de reporteiros de todos os continentes e as imaxes da
rapa esparéxense por todas as revistas,
xornais e redes sociais, ocupando espazos importantes nas publicacións e sendo
premiadas en todos os certames mundiais; é un couto fotográfico de primeira
orde. Xorde tamén unha nova maneira de contar a rapa a través de documentais
realizados mesmo con cámaras fotográficas, con moi bos traballos; unha nova
narración fotográfica, onde se borran as fronteiras entre a imaxe fixa e a
imaxe en movemento.
Fotógrafos
que pasan tres ou catro días vivindo intensamente a rapa cos aloitadores e cos
miles de persoas que se achegan case
todos os anos a Sabucedo, Miguel Riopa, Carlos Puga, Xavier Fernández, Miguel
Vidal, Javier Teniente, Denis Doyle,
Marcos Míguez, Claude Le Gall, Cristóbal Hara, Tono Arias, Gustavo Marshall...
entre outros, que rexistran e recrean imaxes do monte , da baixa e do curro,
que logo divulgan nas máis importantes
axencias e nas publicacións máis singulares e creativas.
No
paseo actual polas rúas da aldea, xa
atopamos fotografías en gran formato, realizadas algunhas polos anteriores
fotógrafos, que colgan das fachadas e
paredes das casas e muros como representación permanente do latexo da aldea
fondamente apegada á rapa.
O desenvolvemento imparable da democratización fotográfica leva a que hoxe
todas as persoas que se achegan á rapa fagan fotos, e o pau de moca conviva co
pau “selfie“ nunha festa que ven sendo unha icona senlleira de Galicia, que
aínda garda un dos esteos fundamentais da nosa
tradición e da nosa terra: a loita ser humano coa besta e a presenza ancestral no noso
monte de cabalos ceibes, que xa desde a representación prehistórica nos
petróglifos, até os milleiros de píxeles fotográficos dos nosos días, forman
unha fermosa imaxe centenaria que todos
e todas queremos conservar e gozar.