jueves, 8 de diciembre de 2016

REMUÍÑO DE LIBROS (3) "Feliz Feroz. O lobiño riquiño " de El Hematocrítico






TÍTULO:   Feliz Feroz. O lobiño riquiño.


AUTOR: El Hematocrítico.


ILUSTRACIÓNS: Alberto Vázquez.

Edicións Xerais. Colección: SOPA DE LIBROS.




Edicións Xerais achégalle ao público infantil este conto traducido ás nosas letras por Anaír Rodríguez e cuxa autoría pertence a El Hematocrítico, coñecido pola súa presenza activa nas redes sociais. Ademais vén avalado polo Premio Fundación Cuatrogatos no 2015 e por ser incluído nos White Ravens dese mesmo ano.

     
El Hematocrítico

     Feliz Feroz é un conto enxeñoso que cativa a grandes e pequenos dende o primeiro momento.
     O seu autor, amosando un humor intelixente, consegue captar a atención do lector a través do emprego dun léxico claro, directo e moi expresivo onde o humor e mais a tenrura se dan a man para presentarnos o seu protagonista Feliz Feroz.

     Este é un lobiño atípico: é educado, estuda e gústalle ler, algo que a súa nai non atura, pero o que baixou o grao de tolerancia no termómetro da ferocidade materna, foi que tamén sexa amable e axude as persoas maiores a cruzar a rúa. Isto provocou que chamase ao seu irmán, Lobo Feroz, para que educase e ensinase o seu sobriño o que significa ser un lobo con ese apelido. O lobiño, como tamén é obediente, acata os desexos da súa proxenitora e vai pasar o verán co seu tío. Alí o noso protagonista, no seu afán de aprendizaxe e de agradar o seu educador, vai rachar cos estereotipos clásicos e tradicionais dos contos de lobos, dando renda solta a súa especial personalidade baseada na bondade. Esta covértese nunha arma poderosa que será quen de influír e, mesmo mudar, os sentimentos de desesperación, vergonza e carraxe que experimenta o seu tío na teima de facelo un lobo como mandan os canons.
 
Ilustración de Alberto Vázquez
     A diversión para os máis pequenos e a reflexión para os maiores están aseguradas coa lectura deste libro, que reivindica a importancia das diferenzas, do distinto como elemento enriquecedor na convivencia e creación dun mundo máis solidario e, xa que logo, mellor.


     As ilustracións de Alberto Vázquez están en total sintonía co ton narrativo, resultando moi suxestivas.


                                                                                                       ALBA PIÑEIRO