Mostrando entradas con la etiqueta fotografía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta fotografía. Mostrar todas las entradas

jueves, 1 de diciembre de 2016

A LUZ DAS PALABRAS (62) Anxo Cabada




Hai ben tempo que admiro fondamente a Anxo  Cabada. E admíroo pola súa obra -verdadeira poesía fotográfica (“poesía da luz e da sombra”)-, polo seu compromiso humano e artístico, pola súa personalidade, cámara en mano ou sen ela, porque me encanta conversar con el, pola súa sensibilidade… e por moitas razóns máis.
     
     Anxo Cabada tiña que estar nesta sección d´A luz das palabras e aquí está.
     E faino cunhas fotografías prodixiosas e un texto no que nos fala desa festa tradicional –practicamente un rito-, como é a rapa destes cabalos ceibes.
     
Anxo Cabada
     Un  texto moi significativo sobre esta tradición, sobre a historia da “rapa” e a fascinación que exerce en fotógrafos, en grandes fotógrafos/as de moitas partes do mundo. Un texto adobiado cunhas fotografías que nos deixan pampos de admiración. Un texto que se refire a Sabucedo que, en palabras do autor, se converteu xa nun encontro de reporteiros de todos os continentes e as súas imaxes se esparexen por todas as revistas, os xornais e polas redes sociais. Sabucedo converteuse nun “couto” fotográfico de primeira orde.
     
     E Anxo Cabada cóntanolo a xeito de crónica e de exposición gráfica.  Unha gozada para os sentidos da man dun dos grandes fotógrafos deste noso país.

         
     Grazas, Anxo, pola túa xenerosidade e por permitirnos estar tan preto dun acontecemento desta importancia.



          
                   A RAPA E A FOTOGRAFÍA  

                                                                                     
                                                               Anxo Cabada (texto e fotografías)

           

          De pequenos todos levabamos un pau de moca ao monte.  Ao irmos  buscar as eguas a Montouto, os homes ou as mulleres preparaban con tempo, para os seus fillos ou netos, un bo pau de moca para axudar a baixar as bestas; os preparativos eran ben ceremoniais e a excitación dos máis cativos, conforme se achegaban as datas, ía medrando. Soñabamos cos rinchos dos cabalos no medio da noite.

            A Sabucedo o “Día das Eguas” ou “Día da Baixa” acudía xente da bisbarra de Tomonde, Soutelo, Quireza, Cerdedo, Forcarei, Codeseda, Castro, Vilalén...

           Daquela, a fotografía até os  anos 60 era só documental e costumista, por iso non temos moitas fotografías da primeira metade do século XX. A Sabucedo unicamente acudía o NODO e de cando en vez algún fotógrafo da bisbarra coma o  gran fotógrafo de Soutelo, Virxilio Viéitez, que co tempo  será  unha figura esencial da fotografía europea.

            De súpeto, a Sabucedo xa empezaron a chegar fotógrafos foráneos: eran viaxeiros-reporteiros que buscaban os costumes ancestrais do país e Sabucedo, cunha complicada accesibilidade, mantiña unha tradición única e moi atractiva visualmente, polo que constituie  un couto, e un lugar moi atractivo para os fotógrafos.

           
         É a partir dos anos 70 cando a fotografía empeza a ter vida propia, e comezan a xurdir nas asociacións fotográficas persoas inquedas que pensan que a fotografía é un grande medio de expresión para contar e narrar, a fotógrafa Cristina García Rodero co seu traballo “España oculta”, recrea fotograficamente todas as tradicións e festas pola península adiante; tamén pasa por Sabucedo, e realiza un traballo intenso que lle permitirá co tempo seguir profundando en todas as tradicións do mundo e así chegar a ser a única española da prestixiosa axencia Magnum. Outros fotógrafos da Magnum de gran prestixio,  como o checo Josep Koudelka ou o grande fotógrafo americano David Alan Harvey, a principios dos anos 70, tamén chegaron a Sabucedo e deixaron unha grande pegada cos seus traballos. Dende aquela xa é fácil atopar reportaxes na revista National Geographic, e nas máis prestixiosas revistas de fotografia de todos os recantos da terra.



            Outros fotógrafos que realizaron traballos destacados nestes anos foron: Rafael Sanz Lobato, Premio Nacional de Fotografía en 2011,  e Carlos Corcho, pertencentes os dous ás Agrupacións Fotográficas Madrileñas. Outros moitos aparecían por Sabucedo cargados de negativos e cámaras  e pasaban días na aldea, rexistrando todos os traballos da rapa, dende o monte do Cádavo até o vello curro pegado á igrexa.

A rapa foi evolucionando coa fotografía: nos anos oitenta a fotografía en España dá o paso do documentalismo a ser unha nova expresión artística; comeza a competir coa pintura nas salas de exposicións e as fotos da rapa a gran formato comezan a verse nas galerías de arte.
            En Sabucedo, desde finais dos anos 90, atopamos exposicións de fotografía que contribúen a salientar a forza icónica das imaxes da festa, e ao mesmo tempo recuperar as vellas imaxes da rapa espalladas polas casas da aldea.




            Os carteis da rapa son dos primeiros que empregan a fotografía e no ano 2008 o Concello da Estrada convoca o Concurso de Fotografía “Rapa das Bestas”, que vai  ser un atractivo económico e artístico para que a Sabucedo acudan unha chea de fotógrafos afeccionados e profesionais.

            
              Hoxe xa Sabucedo é un encontro de reporteiros de todos os continentes e as imaxes da rapa esparéxense por todas as revistas, xornais e redes sociais, ocupando espazos importantes nas publicacións e sendo premiadas en todos os certames mundiais; é un couto fotográfico de primeira orde. Xorde tamén unha nova maneira de contar a rapa a través de documentais realizados mesmo con cámaras fotográficas, con moi bos traballos; unha nova narración fotográfica, onde se borran as fronteiras entre a imaxe fixa e a imaxe en movemento.

            
           Fotógrafos que pasan tres ou catro días vivindo intensamente a rapa cos aloitadores e cos miles de persoas que se achegan  case todos os anos a Sabucedo, Miguel Riopa, Carlos Puga, Xavier Fernández, Miguel Vidal, Javier Teniente,  Denis Doyle, Marcos Míguez, Claude Le Gall, Cristóbal Hara, Tono Arias, Gustavo Marshall... entre outros, que rexistran e recrean imaxes do monte , da baixa e do curro, que logo divulgan nas máis importantes axencias e nas publicacións máis singulares e creativas.

            No paseo actual polas rúas  da aldea, xa atopamos fotografías en gran formato, realizadas algunhas polos anteriores fotógrafos,  que colgan das fachadas e paredes das casas e muros como representación permanente do latexo da aldea fondamente apegada á rapa.

     O desenvolvemento imparable da democratización fotográfica leva a que hoxe todas as persoas que se achegan á rapa fagan fotos, e o pau de moca conviva co pau “selfie“ nunha festa que ven sendo unha icona senlleira de Galicia, que aínda garda un dos esteos fundamentais da nosa tradición  e da nosa terra: a loita ser humano coa besta e a presenza ancestral no noso monte de cabalos ceibes, que xa desde a representación prehistórica nos petróglifos, até os milleiros de píxeles fotográficos dos nosos días, forman unha fermosa  imaxe centenaria que todos e todas queremos conservar e gozar.



miércoles, 8 de julio de 2015

OS MURMURIOS DO can CAN (5)



Levaba un tempo calado. Mais non perde o tempo,non.Le (Rosalía, sempre preto del), ve cine, pasea,conversa con aqueles que están abertos a escoitar e  mesmo, sen que eu o vexa,se dá algún que outro baño no mar.De alí veu, por certo, un día caloroso sen saber como.
  
   Quedou moi contento polos resultados das eleccións do 24-M, aínda que lle segue a subir a quentura con todo o que está a suceder con Grecia.Está que bota fume.Non le os xornais tradicionais e anda decote a ver que din os dixitais, especialmente Público e Infolibre.
   Está moi difícil de aturar e eu intento falar con el e permitirlle que fale.

   Nunha destas tardes decidiuse a contarme algunas andrómenas que vos conto deseguido.



    
       Tras cerrar un poemario de Rosalía de Castro,  o can Can comezou a dicirme  que…



… lle encantaron dúas películas que compartiu con nós e vimos días atrás na nosa casa.
   A primeira delas, ese romance impensable e cheo de perigo, dirixido por Zhang Yimou que se chama “Amor baixo o espiño branco”. Un drama de amor xuvenil, coa Revolución cultural de fondo, retratado con intensidade e delicadeza polo gran director chinés. Unha película cargada de paixón, de poesía e de  vida, unha auténtica  xoia cinematográfica. Cine intimista que o espectador interioriza axiña, cun retrato dos personaxes femininos cheos de agudeza e de coraxe. Como din algúns, a volta do Zhang Yimou máis poético.
   

   A segunda, trátase de “Ida”, unha película curta (apenas dura 78 minutos) dirixida polo director polaco Pawel Pawlikowski e que obtivo numerosos premios. Anna é unha moza de 18 anos que se prepara para converterse en monxa. Vive nun convento dende que quedou orfa e un día descobre que ten unha tía, Wanda, coa que se embarca nunha viaxe de descubertas sobre elas mesmas e do seu pasado común. Un filme hipnotizante en branco e negro que emociona polo seu contido e o seu desenvolvemento.




…  quere ler a nova novela de Rosa Huertas, “Sombras de la Plaza Mayor” (Edelvives. Col. Alandar) porque sabe o moito que gocei con esa historia de amor e misterio, tan ben contada pola súa autora.

E agradéceme que lle deixara “Corazón de metal”, un libro editado por SM na colección “El Barco de Vapor”(serie laranxa), sobre un androide que crea o enxeñeiro Albert para que guíe e acompañe o seu fillo, Isaac, e poida axudar a corrixir certas actitudes caprichosas deste. Dime que lle caeron as bágoas máis dunha vez pola tenrura coa que está contada a historia e a carga de crítica, que uns personaxes moi ben construídos, deixan ao longo das súas páxinas.




…  o pasou moi ben na presentación do libro “A neve interminable” ( Edicións Xerais. Col. Fóra de Xogo) do grande escritor Agustín Fernández Paz na Casa do Libro en Vigo. E coméntame  que o diálogo de Ledicia Costas co autor estivo moi entretido. Coméntame, ademais, que chegou a sentir algo de medo polos personaxes dos que alí se falaron. Entre eles, Drácula, Frankenstein e os contos de Lovecraft. Eu coméntolle que lle deixarei ler “Cartas de inverno” de Agustín, pois é un escritor que se move de marabilla no terreo do misterio e o suspense. Vamos, que é un especialista neste xénero novelístico.




… está desexando ler comigo o novo libro de Xoán Babarro, editado por Galaxia na súa colección Árbore, “As máscaras do profesor Robindra”, do que din que é un libro dentro de moitos libros, ou son moitos libros dentro dun libro.
   Gustoulle iso de que,coma en As mil e unha noites, lemos unha historia que leva dentro a semente doutra.
   Nuns días compartiremos tan suxestiva lectura.




… non pode sentirse máis feliz ao ver na biblioteca da nosa casa a fermosísima edición que a editorial Destino fixo dalgúns contos marabillosos da súa (e miña) querida Ana María Matute. Coas ilustracións impresionantes de Albert Asensio, o deseño elegante e a claridade do texto nas súas páxinas, estas historias imprescindibles como “El aprendiz”, “Paulina”, “El polizón del Ulises”, Carnavalito”, “El saltamontes verde” e algunha máis, atinguen unha nova dimensión para os amantes dos libros. Como obxecto e como valor literario son unhas auténticas xoias.

 
Albert Asensio e Ana María Matute

…ficou marabillado coas fotografías de Anxo Cabada,  que me enviou para encabezar a nova sección de Versos e aloumiños, Papeis recobrados. Canta poesía hai nelas!! no se cansa de repetir, e contémplaas unha e outra vez  fascinado.
   A min non me estraña esta reacción do can, pois as fotos en branco e negro desta serie son abraiantes. Dignas do extraordinario fotógrafo que é Anxo, persoa, por outra banda, dunha xenerosidade incrible.

 
Foto de Anxo Cabada

… lle sorprendeu que o poeta Benjamín Prado, con quen eu comparto a paixón por
Iríbar
Bob Dylan, dixese no libro “Un balón envenenado. Poesía e fútbol”, que se fixera do Athletic de Bilbao sendo rapaz por Iríbar, o seu heroe da época. Exactamente o que me ocorreu a min. Se había que decidirse por un equipo de Primeira (cando era  neno, o Celta transitaba pola Segunda división. Sempre celtista por riba de todo) eu apoiaba ao conxunto bilbaíno. E todo pola figura do gardameta de Zarautz a quen ,como porteiro que eu era, admiraba profundamente. Que casualidades! Pois o can Can está sorprendido de tanta casualidade.




… entende que vaia lendo aos poucos o magnífico libro de Ledicia Costas, “Un animal chamado néboa” (Edicións Xerais), que contén varios relatos situados na Segunda Guerra Mundial, e que están contados cunha enorme crueza. En efecto, Ledicia Costas é unha excelente escritora cun futuro máis que prometedor. Neste libro, escrito cunha calidade evidente, amosa a sen razón do ser humano nos conflitos bélicos, concretamente nesa guerra que sepultou a tantos homes e mulleres. Ledicia narra polo miúdo, con detalle, casos e situacións que poñen a pel de galiña. Producen arreguizos, pero están contados cunha vontade literaria ben clara. De aí que goce e me estremeza ao mesmo tempo.




… lle produciu alegría que me agasallasen a edición de Galaxia / Gutenberg de “Hojas de hierba” do admirado Walt Whitman. Un traballo bilingüe a cargo de Eduardo Moga, que fai a tradución e a introdución.

   Sabe que é para min un dos monumentos indiscutibles da poesía universal.      E debo recoñecer que, malia ter outras edicións, esta me facía especial ilusión. Un acerto máis desa muller marabillosa que vive comigo. Grazas, Susi.
   


   O can Can pídeme que lle recite un poema.  Fágolle caso e comezo a ler:

En una multitud de hombres y mujeres,
advierto a alguien que me elige por señas secretas y divinas,
y que no reconoce a nadie –padres, esposa, marido, hermano,
   hijo- más cercano que yo:
algunos están desconcertados, pero él no: éste me conoce.

Ah, amante y perfecto igual,
quería que me descubrieras así, por vías indirectas;
y, cuando te encuentre, quiero descubrirte también así.

   
   O can Can está pensando, talvez recitando interiormente as palabras que digo en voz alta. Óllame con agarimo e coa pata dáme no brazo para que  lea outro.
   Míroo eu tamén con agarimo e leo:


Oh, tú, al que a menudo me acerco en silencio, allí donde estés,
   para estar contigo,
cuando paso a tu lado, o me siento junto a ti, o me quedo en tu
   misma habitación,
qué poco te imaginas el  fuego, eléctrico y sutil, que has desatado

   en mi interior.




E así segue e segue contándome unha chea de cousas. Ben se nota que leva tempo sen falar. Teño que dicirlle que xa está, que teño compromisos ineludibles e se me bota o tempo enriba.
Creo que o entende.
Óllame cuns olliños tan tenros que me empurra a pasarlle a man polo lombo. gústalle. A min, tamén.
Sabe que Antón, o meu fillo, está en Toledo con alumnos da Universidade de Tennessee.
Daquela dime que quere dedicarlle unha canción de Bing Crosby.
Mira que é listo o condenado!
Así que busco este tema que o can Can lle dedica a Antón con moito agarimo. Chámase "Young at heart" e Crosby cántao en vivo.







martes, 6 de mayo de 2014

DARDO POÉTICO (XVI) : VERSOS DIANTE DAS PORTAS FECHADAS






PORTA  1




Chego a unha porta
                               vella, moi vella,
                                      que non me deixa
                                                        ver a miseria.

Foto de Carmen Corbal
Sei que non abre.
Sei que tras dela
a porta agocha
                    tristes promesas.

Porta que agocha
                        mudas conversas.
                            Muros das sombras.
                                    Voz de madeira.

Eu xa non peto.
   Sento na beira
                por se algún día
                               saen as verbas.







PORTA 2




Foto de Carmen Corbal
A muller procuraba
   unha tregua
                  que as infinitas horas de traballo
                              nas distancias imposibles
                                           lle negaban dende sempre.

Apoiou o seu corpo
                          na porta
                                   do silencio
                                           e tivo a amarga sensación
                                                        de que o seu corpo
                                                                       cansado
                                                                non era quen de atravesar
                                                                                      o limiar
                                                                                                do
                                                                                                                                                                                                acougo.






Porta 3




Leo uns versos de X. Antón L. Dobao:

Foto de Carmen Corbal
Traio no peto a Tom Waits
e no corazón
leguas de cervexa, xenebra e whisky.”

    Reflexiono.
                Fico en silencio.
      Releo os versos.
          Evoco a voz  áspera
                                      cavernosa
                                                   de Waits.
         Embarco nela.
                 Escribo:
                         Traio no peto silencios
                                                mutismos que sopran no vento
                                 Veño dunha terra despoboada
                                                            onde choven voces cansas
                                                                      e berros de metralla
                                     Chego diante da aldraba
                                                       lembro a Bob Dylan
                                                               e convénzome
                                                                            de que non vou
                                                                        petar endexamais
                                                         nas portas da terra
                                                              nin nas portas do ceo
                                    Nin sequera nas portas de Dylan




Bob Dylan e Tom Petty cantan a fermosísima canción "Knockin´on heaven´s door"


                                                                                         Antonio García Teijeiro