jueves, 30 de junio de 2016

PAPEIS RECOBRADOS (8) Dúbidas


                     Foto: Anxo Cabada


Metidos no complexo mundo da lectura nos rapaces e rapazas, un comeza cos anos a ter máis dúbidas das que tiña ao principio.
     Foi fundamental para min a lectura.
     A miña vida cambiou e enderezouse entre libros.
     Cada volta dáme máis pudor afirmar o que antes afirmaba cunha rotundidade absoluta. Quero fuxir dos "absolutos".
     De aí que recupere este artigo que publiquei hai certo tempo   n´A Nosa Terra. Un texto para continuar pensando e dubidando.


                     
                             


                                             DÚBIDAS


                                                               
  Leo na revista CLIJ unhas palabras de Liliana Heker, escritora e directora do Fondo Nacional das Artes de Arxentina, nas que afirma que “a lectura, moitas veces, obrou en min sinxelamente como un refuxio e como un consolo”.
     
Liliana Heker

     Eu levo ben anos predicando (como din os meus bos amigos Xabier DoCampo, Paco Martín e David Otero) as excelencias da lectura.

     Levo ben anos en contacto con alumnos/as, con ensinantes, bibliotecarias ou promotores de lectura tentando convencelos dos beneficios indiscutibles da literatura. Anos e anos de reflexión continua (e tamén de dúbidas) para contaxiar o meu amor pola palabra escrita a tantas persoas dispostas a caer na rede dos meus argumentos. Canseime de dicir que a literatura divirte, relaxa, estimula. Que provoca pracer, esperta a sensibilidade, alenta a imaxinación, desenvolve a capacidade crítica no lector e introdúceo en novas realidades e experiencias.


     
     Sempre mantiven que un bo libro pode favorecer a madurez psicolóxica dun neno, ademais, se cadra, de fomentar actitudes de tolerancia e solidariedade. Todo isto pode soar demasiado grandioso, demasiado transcendente. E xa dubido destas afirmacións que noutrora me parecían incuestionables.


     Hai quen afirma que o importante é que o lector ou lectora goce lendo con calquera tipo de libro.  Non o sei. Cada día teño máis dúbidas. Do que si estou seguro é de que, por desgraza, o acto de ler non nos fai necesariamente mellores persoas, pero nesta experiencia intensa, variada e rica que é a lectura, un séntese máis libre e comprometido coa dignidade que a miúdo desprende a palabra literaria.




                                                                                                                            ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO