sábado, 22 de marzo de 2014

"CU DE MANTEIGA", OUTRA FRECHA LITERARIA DE PACO MARTÍN





        
Paco Martín
Un novo texto de Paco Martín.

        A súa auga lizgaira segue a calmar a sede de todos aqueles e aquelas que gozamos coa súa palabra.

       Unha nova reflexión.

       Un novo motivo para pensar.

       Unhas palabras cheas de ironía, bo gusto e humor que sinalan co dedo.

       Hai moitos cus de manteiga como Andresito na vida real e dan noxo, aínda que eles non queiran decatarse.      

      E dá gusto que alguén fale deles coa mestría de Paco Martín, tan agudo e, ao tempo, agarimoso coma sempre. E que os descubra, que os deixe co cu ao aire (sexa de manteiga ou non).

     Unha nova peza para sentir preto ao escritor lucense.

    Versos e aloumiños quita o sombreiro de novo, perante a agudeza de enxeño deste home.

     Gozade, meus amigos e amigas, destas liñas tan ocorrentes coma deliciosas.


Con Paco Martín, nunha das camiñadas de escritores e ilustradores.







                                                                    Cu de manteiga
                                                                   

Andresito –Cu de manteiga por mal nome- tiña dúas irmás: María, un ano maior ca el e Rita, un ano máis nova. Non era o seu un caso especial, nin moito menos, pero o rapaz foi quen de aprender a aproveitar aquela circunstancia para beneficio propio e converter a súa condición de neno entre dúas nenas en lanza e broquel protectores dun xeito de conducta que non sería demasiado arriscado considerar pouco digna pero que, ó parecer,  a el lle ía dando un cumprido resultado.


Posuía unha enorme facilidade para manexar os altos e baixos da súa saúde, e así cando tiña un exame complicado, cando había que facer recados algo incómodos e de certa responsabilidade ou cando era preciso botar unha man para realizar os labores da casa aparecía sempre unha molesta cefalea, unha torturadora dor de cadrís que o deixaba derreado ou, e isto era o máis socorrido, unha chea de problemas de visión que lle facían poñer os ollos en branco e queixarse a berros. Isto é por causa do estudo, encargábase el mesmo de advertir se notaba que a súa nai tardaba demasiado en dicilo ela. E a cousa debía funcionar porque, con máis ou menos aloumiños da mamá, o rapaz ía librando de case todas as obrigas pouco agradables que se lle puidesen encomendar, que xa non eran moitas, e que acababan sempre por se converter en traballo, desta volta si que inescusable, para María ou para Rita.


Andresito –Cu de manteiga para as compañeiras e os compañeiros de escola- maltrataba ás súas irmás, psicolóxica e fisicamente, apoiado na certeza do seu ascendente sobre unha nai sen personalidade e escasamente dotada intelectualmente e un pai, non moito máis intelixente, entregado por enteiro á procura de diñeiro –do xeito que fose- e  convencido da superioridade do home en relación coa muller e iso durou ata que, primeiro a maior e despois a pequena, perderon o medo e descubriron –algo que xa todos sabían- que unha boa losqueada a tempo deixaba ó rapaz mansiño coma un año, porque Cu de manteiga non era senón un covarde enganador incapaz de calquera actitude gallarda.


O papá morreu novo e deixounos moito menos ricos do que eles pensaban. As mulleres estudaron, marcharon pronto da casa e amañaron a súa a vida. A mamá segue a crer nas falsas doenzas do fillo e a este, que nada de bo fixo, e nada fai, sabe que vai indo para vello, cústalle cada vez máis traballo facer que non se decata do desprezo que lle merece ós demais.


E a min soamente se me acorda o tal Andrés cando nos medios de comunicación aparecen determinados personaxes.

                                                                                                                                                                     PACO MARTÍN



Con Susi en Lugo. 2012