jueves, 13 de marzo de 2014

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( IX ) . BIG MAMA THORNTON



A xenial parella de compositores Jerry Leiber e Mike Stoller escribiu moitos éxitos para Elvis Presley, entre outras grandes estrelas dos anos 50 e 60. Pero hai unha canción que para sempre ficará ligada ao Rei que Leiber e Stoller non compuxeron pensando nel. "Hound Dog" xermolou nos miolos deses dous creadores de rock clásico, de feito, tres anos antes de que Elvis accedese ao seu trono, e foi o maior éxito da carreira de Big Mama Thornton, unha muller que, por desgraza, estaría hoxe practicamente esquecida de non ser por ese tema que rexistrou coa excelente banda de Johnny Otis e que estivo varias semanas no máis alto das listas de rhythm and blues. Como adoita ser o caso, o problema para Thornton foi que, a pesar da enorme calidade dos seus discos posteriores, ningún deles chegou a revalidar o éxito dese "can de caza que endexamais matou un coello e non é amigo meu". Pero ao longo da súa carreira, a música de Thornton influíu non só no rapaz de Tupelo, senón tamén en moitas outras figuras posteriores, como Janis Joplin, que gravou unha magnífica versión do "Ball and Chain" de Thornton. E aquí quero deixar claro que, tendo en conta o moito que Elvis gozaba escoitando as emisoras de música negra, eu non creo a eses críticos que afirman que non coñecía a Thornton e aprendeu "Hound Dog" a partir da versión de Freddie Bell. Mesmo se iso fose certo, non querería dicir que Elvis descoñecese a música de Big Mama, que era unha presenza constante nas ondas radiofónicas de Memphis.


Nada en Montgomery, no estado de Alabama, no máis profundo das profundidades dese Sur tan rico en herdanza musical, o seu nome real era Willie Mae Thornton. O de "Big Mama" veulle tanto polas dimensións do seu corpo como pola potencia da súa voz, que comezou a exercitar, como tantos outros, na igrexa. Ás veces pregúntome que tería sido da música do século XX sen o papel desas igrexas protestantes das que xurdía esa música metafísica e vibrante que é o gospel. Pero por sorte, Big Mama Thornton (contrariamente a Mahalia Jackson e quizais seguindo o exemplo de Sister Rosetta Tharpe) non exercitou o seu talento únicamente para maior gloria do seu Deus, senón que axiña abrazou o blues e cando se estableceu en Houston, a finais da década dos 40, era xa unha artista profesional que, ademais de cantar, tocaba a harmónica e a batería e tiña varios anos de experiencia no circuito do blues. Isto levou a Don Robey, propietario de Peacock Records, a ofrecerlle un contrato de gravación co seu selo, para o que rexistraría "Hound Dog" en 1953. O disco converteuna nunha estrela, aínda que, como tantas veces lles ten ocorrido a moitos destes pioneiros musicais que son protagonistas das nosas descubertas, a meirande parte dos cartos non foron parar aos seus petos. Como o seu segundo éxito nunca chegou, a súa carreira pronto quedou reducida a interminables xiras xunto a outros grandes nomes do r&b, coma Johnny Ace ou Little Junior Parker.




Xa nos anos 60, algunha destas xiras levouna a Europa, e foi entón cando Thornton deixou de prestar atención ao mercado de singles para concentrarse na gravación de elepés. Chegaron neses intres algúns dos seu mellores discos, coma Big Mama Thornton in Europe (Arhoolie), no que está acompañada por grandes músicos, entre os que se atopan un Buddy Guy, aínda novo, á guitarra, o pianista Eddie Boyd e o harmonicista Walter "Shakey" Horton, sen esquecer a Mississippi Fred McDowell á guitarra acústica. Foi nesta época cando Big Mama apareceu no Festival de Jazz de Monterey, e cando Janis Joplin lle rendeu tributo interpretando "Ball and Chain", unha peza escrita por Thornton, o que deu nova vida á súa carreira. En 1969, o seu disco Stronger than Dirt (Mercury) entrou nas listas de Billboard, e Big Mama pasou toda a década dos 70 actuando en directo e producindo magníficos discos para o selo Vanguard, un deles, aparecido baixo o título de Jail en 1975, presenta excelentes gravacións feitas en vivo en varias prisións, ao estilo dos álbumes en Folsom e en San Quentin de Johnny Cash.


Quen desexe entrar na música de Big Mama Thornton debe comezar, por suposto, por unha compilación dos seus singles para Peacock, como por exemplo, The Original Hound Dog (Ace), que contén, ademais do seu éxito canino, outros clásicos coma "They Call Me Big Mama", "How Come" ou "You Don't Move Me No More". Pero, na miña opinión, o mellor disco de Thornton é un que gravou para Arhoolie en 1966 e chamado Big Mama Thornton with the Muddy Waters Blues Band. Como o seu sinxelo título indica, Big Mama está aquí acompañada pola banda de Muddy Waters. E que banda! Á parte do líder, o grupo incluía por entón a Otis Spann ao piano, James Cotton á harmónica, Sammy Lawhorn á guitarra, Luther "Guitar Junior" Johnson ao baixo e Francis Clay á batería. A compenetración entres todos eles e unha Thornton pletórica de enerxía e emoción blueseira é total, e aínda que non interpretan o "Hound Dog", todos os temas do álbum (e a edición en CD, de 2004, ten sete cancións máis ca o elepé orixinal) son blues de alta octanaxe. Afectada por unha enfermidade cardíaca durante os seus derradeiros anos, Big Mama Thornton finou n'Os Ánxeles en xullo de 1984, pero a súa obra sonora deixa claro que non merece quedar reducida a unha mención parentética na historia do rock, xa que é unha das mellores vocalistas de blues de todos os tempos e unha influencia innegable na música posterior a ela.

Poucos son os vídeos de Big Mama Thornton, pero este co que remato o artigo de hoxe é unha pequena marabilla en branco e negro. Nel Big Mama canta dúas cancións: primeiro, o "Hound Dog", claro, seguido por "Down Hown Shakedown"; nesta última toca a harmónica e aparece acompañada por John Lee Hooker, Walter Horton e Dr. Ross, todos eles tamén á harmónica. Blues en estado puro!




                                                                                  ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ.