Cada
certo tempo vén á miña casa. Encántame. Estamos moi a gusto.
É un ser incrible.
O seu entusiasmo pola literatura, por dar
pasos cara adiante no eido da lectura e a súa paixón por escribir son dignos de
gabanza.
Todo o que fai está moi pensado, moi
traballado. Así que os seus proxectos sexan máis que interesantes non debe
estrañar a ninguén.
Conversar con Miguel A. Alonso Diz é un
pracer. Sentamos na sala de estar e o tempo pasa voando. Acéndenselle os ollos
de ilusión cando fala do que ten entre mans. Ama fondamente a literatura. Ama
fondamente os nenos e nenas. Pero é moi
crítico coas cousas mal levadas.
Amólano os docentes que non amosan
interese pola lectura.
Amólano as planificacións escolares mal
feitas.
É un loitador por todo aquilo que
considera necesario para unha maior formación do alumnado.
E Miguel Ángel escribe libros na procura
da felicidade dos seus lectores e lectoras. Mais os seus proxectos non os fai
en solitario. Non. Miguel Ángel ten en Luz Beloso, a parte que precisa para que
todo saia como desexa. Como desexan, afirmo.
Luz é a ilustradora. Os seus personaxes
son tenros, vivos e moi expresivos. E Luz comparte a visión do escritor para,
xuntos, dar vida aos seus soños.
Os resultados que acadan son excelentes.
Unha mostra foi, por exemplo, un libro do que xa falamos aquí: O Cullarapo Croque.
Miguel Ángel estivo hai unhas semanas
conversando comigo na casa.
Faloume dun novo libro que estaba a artellar
con Luz. Intereseime por el, como sempre me ocorre co que fan. Gustoume a idea
e animeino a que explicase en Versos e
aloumiños os obxectivos do libro, a xénese, as sensacións… o que lle
apetecese comentar. Dixo que o faría.
Cumpriu a promesa. Acabo de recibir o seu
texto.
E quero compartilo cos lectores e lectoras
deste blog-revista, porque paga a pena.
Só me queda felicitar a Miguel Ángel
Alonso Diz e a Luz Beloso, porque senten moi dentro deles a necesidade de
aportar elementos positivos para unha normalización necesaria da nosa
literatura e do noso idioma.
Xa estou desexando ver o libro na rúa.
Grazas, amigo, por seres como es.
Miguel Ángel e Luz Beloso. |
ISTO É O QUE NOS CONTA MIGUEL ÁNGEL SOBRE "O SOÑO DE ESTHER".
A conversa lévanos a falar dos nosos
proxectos. Entre eles, “O soño de
Esther”.
O amable mestre amigo dime:
escríbeme sobre el.
“O soño de
Esther” será o nome do novo libro que en abril deste ano nacerá, para ledicia
dos seus pais: Luz Beloso mais eu; e agardamos que de tod@s vós.
Este libro
responde á necesidade que existe de crear material en galego, que sendo
divertido e visualmente fermoso, sirva para achegar a @s nen@s as vogais, os
números, os puntos cardinais a través dunha fermosa e entretida historia.
O proceso de
creación foi unha experiencia moi interesante xa que, todo o escrito até a data: “O
cullarapo Croque”, “A nena á que non deixaban ser feliz” e un terceiro en
proceso de ilustración, son textos que sempre agochan na súa alma varias
lecturas e significados. Neste caso quixemos
centrarnos no aspecto didáctico. Aínda que debaixo do libro latexe a idea
resumida nesta frase: “O coñecemento é o
contrario do medo”
A protagonista do
libro atopa nas vogais o fogar, o entretemento, a beleza, o camiño e a
seguridade no descanso. Grazas a elas consegue escapar dunha temible treboada,
que é unha metáfora da ignorancia que todo o quere destruír ao seu paso.
Complementaremos
o libro con diverso material na rede que agardamos fomente a creatividade entre
@s cativ@s e @s mestr@s. Ademais dun
contacontos sobre o libro que xa foi pensado mentres este era escrito.
Percibín por
parte dos docentes unha boa acollida aos nosos traballos, pero nas conversas
mantidas con algunh@s del@s adoitaba a escoitar a mesma mensaxe: falta material
en galego para traballar certos aspectos.
Pode que non
exista pola baixa demanda do mesmo por parte d@s profesionais; pode que exista
e se descoñeza a súa existencia, (eu tamen descoñezo); ou por falta de vontade real por parte de
todas as partes.
Non renunciamos a
facer literatura, pero é certo que o noso compromiso lévanos a buscar camiños
que nos permitan incidir na realidade.
Cal é a
realidade?
“O noso idioma
morre”. Esta frase é un resumo do que está a acontecer en Galicia.
Seguimos
creando, sementando e facendo camiño. Camiño que persoas coma ti,
meu benquerido amigo, levas anos traballando con arado de amor e verso.
Alí
onde estamos atopo as túas pegadas.
Seguimos
a cabalgar... a cabalgar...como dicían os versos de Rafael Albertí.
Seguimos...
Xuntos!