Páxina decimosexta
ESCOITANDO JAZZ CON CORTÁZAR
ESCOITANDO JAZZ CON CORTÁZAR
A Chisco Fernández Naval,
meu amigo,
e compañeiro polos camiños de Cortázar.
Foto de Chinolope |
Como
unha novela rica en matices, permítenos perdernos polas sendas do jazz e,
ademais, afondar no engaiolante universo do escritor arxentino.
Encántame
Cortázar. Lin todos os seus relatos. Gocei
deles, así como da súa novela, Libro de Manuel, esa ficción irónica,
construída sobre a realidade latinoamericana – a violencia que se produce e a
situación dos exiliados – que me fascinou cando a lin, hai xa ben tempo, nunha
edición de peto.
Novela
singular como todo o que el escribiu, na que os protagonistas viven e analizan
xunto ao lector determinados feitos reais que penetran na estrutura da novela e
a modifican.
É
agora Bessie Smith, quen coa súa voz
suplicante canta Empty Bed Blues,
acompañada por Charlie Green
(trombón) e Porter Grainger (piano).
Daquela,
vou directo ao primeiro volume dos Cuentos
Completos (Alfaguara), busco Las
armas secretas, e aterro nun dos relatos que máis amo de Julio Cortázar, El perseguidor. Para ser máis exacto, direi que é o meu preferido.
É este un relato maxistral, que narra a
relación entre o saxofonista Johnny Carter (en realidade, Charlie Parker) e o seu biógrafo pouco antes da morte daquel. É
unha homenaxe a Bird e reflicte o
espírito do bebop, un estilo
jazzístico cun certo dramatismo existencialista, sinónimo de modernidade. Os
amantes do jazz admiramos a Thelonious
Monk, Dizzy Gillespie, Bud Powell ou
Kenny Clarke, entre outros. Todos eles, instrumentistas virtuosos, son
algúns dos máis significados exemplos deste estilo.
En
El perseguidor, Cortázar, como Pilar Peyrats di en Jazzuela,
“expresa profusamente todo o espírito do bebop,
no que pode ser o seu mellor conto (para min, si que o é) e que definitivamente
marca un punto de inflexión na súa narrativa.”
Volvo
a ler este relato ( Dédée me ha llamado
por la tarde diciéndome que Johnny no estaba…). Volvo a emocionarme con el.
Ten tensión. Resúltame duro pero entrañable. A prosa ten un ritmo…de jazz? Son
corenta páxinas de narrativa traballada dende o dramatismo, a realidade crúa e
a tenrura. Un conto polo que transitan moitos personaxes moi ben construídos e
que son o sostén do que nel pasa. Unha marabilla. Remato na páxina 266 deste
primeiro volume (Ya hablan de una nueva
traducción, creo que al sueco o al noruego. Mi mujer está encantada con la
noticia.). Punto final. Permanezo co libro entre as mans e pecho os ollos.
Déixome levar pola voz rota de Louis
Armstrong que, coa súa trompeta e os seus All Stars, interpretan Mahogany
Hall Stomp. Unha música na que trompetas, clarinetes, baterías, trombóns,
pianos, contrabaixos e a voz de Satchmo,
chegan a crear un ambiente de jazz fondo e auténtico.
Eu
continúo un tempo neste estado de desconexión co mundo exterior. Habito dentro
de min.
Coleman Hawkins interpreta "Body and soul". Unha marabilla.
Logo
duns minutos case abducido, chega ás miñas mans un dos libros inéditos de Cortázar aparecidos neste ano cortazariano.
Chámase Julio Cortázar. Papeles
inesperados. Un libro que ve a luz aos vinte e cinco anos da morte do autor,
cun bo número de textos inéditos e dispersos escritos por Cortázar ao longo da súa vida. Penetro nas
súas páxinas, leo algunhas liñas e detéñome nun poema que me chama a atención, Blues for Maggie, que se inicia como a
canción de Pablo Milanés, Ya ves (a quen nomea o autor). Ya ves / nada es serio ni digno de que se
tome en cuenta, nos hicimos jugando todo el mal necesario (…) Léoo dúas ou
tres veces. Gústame.
Duke Ellington e a súa orquestra interpretan "It don´t mean a thing"
Daquela,
apoio o libro nunha mesiña auxiliar, onda o meu sillón, e decátome de que soa,
espléndida coma sempre, a orquestra do gran Duke
Ellington, co tema It Don´t Mean A Thing. Reparo nese intre nun
caderno, cunha foto do escritor arxentino na Habana en 1967, que me deron na
libraría e que foi editada co gallo do “2014, Ano Cortázar”. Con enorme gozo,
leo na contracuberta do mesmo:
“Fíxome moi feliz escribir.
Fíxome moi feliz sentir que en torno á
miña obra había unha gran cantidade de lectores, xente nova sobre todo, para os
que os meus libros significaron algo, foron un compañeiro de ruta.
Isto chégame
e sóbrame”
Pois
si, Julio, permíteme chamarte amigo por unha
vez. Os teus libros foron para min luz e guía no meu duro peregrinar por esta
terra de desamparo. Esa terra pola que fun buscándome ata atoparme.
Os
teus contos foron caxatos e a túa palabra, o compás que marcou boa parte dese
camiño.
Dende
aquela, vives en min.
O VELLO SOÑADOR