jueves, 6 de marzo de 2014

DARDO POÉTICO (XVI) BOB DYLAN NO CORAZÓN DE JORDI SIERRA i FABRA







       Cando atopo unha homenaxe calquera a Bob Dylan, recoñezo que o corazón se acelera e os sentimentos se avivan sen control.

E a verdade é que Dylan, a poucos meses de cumprir 73 anos, sempre dá que falar.
       Que se un anuncio de coches, que se alguén o quere infravalorar  como autor (lean Joni Mitchell ou David Crosby), que se un plaxio parcial, que se é frío diante do público, que se xa non toca a guitarra… Queredes máis acusacións? Podería seguir pero non quero atafegar a ninguén con estas estupideces. Puras nimiedades.
 
Bob Dylan
       Incrible que un home, que ten unha carreira de máis de medio século, sempre estea presente na vida dos seus seguidores (entre os que me atopo) e de todos aqueles que semellan non saber dirixir a importancia social, cultural e artística do cantante /poeta de Minnesota. Bah! Vouno dicir : deste xenio que segue cativando a tanta xente e que, doa a quen doa, sempre está a renacer das súas cinzas (se é que algunha vez reultou queimado.) para min, por suposto, non.

       Afirmo que, aínda cos seus discos máis frouxos, Bob Dylan mantivo un nivel moi superior á meirande parte dos artistas da súa xeración e de xeracións máis novas.

       A débeda musical que tantas figuras da música recoñecen (cada vez van saíndo máis á luz), fai del un cumio irrepetible da cultura popular de noso.
       Noto que xa me perdo. E non era esa a miña intención.

       Jordi Sierra i Fabra, amigo, magnífica persoa e grande escritor, publicou na súa web, no mes de setembro pasado, un poema dedicado a Bob Dylan. Coido que é máis canción que poema. Ten a estrutura dunha canción dylaniana.
 
Jordi Sierra i Fabra
       Faloume dela, entrei na súa páxina e lina.
       Pedinlla deseguido.
       Enviouma. Paseina ao galego e hoxe figura en Versos e aloumiños para que poidades lela. Facédeo en clave de cantiga. Vén sendo unha recreación de Mr. Tambourine man. Quero dicir que este tema está presente nos versos de Todo o que me queda, que así se chama este texto que Jordi incluíu nun dos libros de Berta Mir.

       Moitas grazas, amigo.
                                                     Moitas grazas, irmán en Dylan.








TODO O QUE ME QUEDA


Só me queda berrar.
Todo o que poida cantar,
xa o cantou antes Dylan.
Todo o que poida dicir,
xa o dixo antes Dylan.
Só me queda berrar.


Pensas en min cando ves a lúa chea?
Todos os camiños conducen ao ceo.
Talvez porque este mundo évos un inferno.
Eh, home da pandeireta,
tócame unha cantiga,
e deixa que a poida escoitar co meu corazón.


Só me queda soñar.
Todo o que podo amar
xa o amou antes Dylan.
Todo o que poida pensar
xa Dylan o pensou antes.
Só me queda soñar.


Botas de menos o meu sexo na noite?
Deixa que che agarime a alma,
e cubra a túa pel de sorrisos.
Eh, home da pandeireta,
Debuxo de Bob Dylan
toca unha canción para min.
Levareina comigo ata o final.


Soamente me queda lembrar.
Todo o que puiden ser,
xa o foi antes Dylan.
Todo o que quero vivir,
xa o viviu Dylan antes.
Soamente me queda lembrar.


Alguén volveu para facerche sorrir?
Todos os olas do mundo
rematan cun adeus.
Eh, home da pandeireta,
tócame unha canción,
e cantareina ao longo de toda a eternidade.





Soamente me queda berrar.
Soamente me queda soñar.
Soamente me queda lembrar.
Só me queda todo…

                                                                                 Jordi Sierra i Fabra





        
        E para rematar este Dardo poético,co poema-canción de Jordi Sierra i Fabra, no que a presenza de Bob Dylan é real, Versos e aloumiños preséntavos dous vídeos moi interesantes do xenio de Duluth.

       No primeiro, podedes ver e escoitar a Dylan cantando no Festival de Newport en 1964  "Mr. Tambourine man". Tiña Dylan 23 anos. Quen o presenta é o mítico cantante folk, Pete Seeger, recentemente falecido, quen nunca lle perdoaría a Bob a electrificación da súa música.

      Velaquí, un documento dun gran valor histórico e musical.






 E no segundo vídeo,podemos escoitar a un Dylan actual cantando na Casa Branca "The times they are a changin´" no ano 2010, nun concerto promovido por Barack Obama, de homenaxe á música que serviu, nos anos sesenta, como banda sonora á loita do Movemento polos Dereitos Civís.