jueves, 5 de diciembre de 2013

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( III ) . CLARENCE "FROGMAN" HENRY



A Clarence “Frogman” Henry, iso de “home ra” non lle vén, como un podería supoñer, pola súa afección ao submarinismo, senón porque, como amosou en “Ain’t Got No Home”, o seu máis grande éxito a mediados dos anos 50, é quen de cantar coma unha ra. E tamén coma unha nena. Non queda moi claro como ou por que a Henry se lle ocorreu unha idea semellante, e sen dúbida é inexplicable que unha idea así acadase recoñecemento popular, mais iso foi precisamente o que pasou. E é que Clarence non canta coma unha ra calquera, e “Ain’t Got No Home” nada ten que ver con “Cu cu, cantaba la rana”. É simplemente un dos temas de rhythm and blues máis divertidos e memorables da historia.

O futuro home ra naceu nunha pequena vila de Louisiana en 1937 e pasou a meirande parte da súa xuventude en Nova Orleáns, fascinado polos son que emanaban dos xa lexendarios clubs desa cidade que dende sempre ten sido punto de unión de diferentes etnias, culturas e músicas. Henry sentíase atraído particularmente polos estilos de Professor Longhair e Fats Domino (outros dous que merecen unha descuberta fonográfica) e non lle levou moito tempo aprender a tocar o piano e o trombón coa banda de Bobby Mitchell. Pero o que realmente lle gustaba era cantar e tiña unha voz axeitada para interpretar tanto temas rockeiros (son estes os anos da xénese do rock) como baladas suaves e románticas.


O home ra cos Beatles en 1964

Conta a lenda (non sei se a historia é real ou non, pero tanto ten, pois para iso é unha lenda) que Henry escribiu “Ain’t Got No Home” unha noite nun club cando estaba canso e quería marchar para a casa pero o dono do establecemento obrigouno a continuar enriba do escenario. Entón el sentou ao piano e improvisou a melodía e, nun intre de lucidez, comezou a cantar coma unha nena e, deseguido, coma unha ra. A reacción dos clientes (non sabemos se porque estaban bébedos ou porque Henry, mesmo cando non se atopaba pletórico de enerxía, era un verdadeiro showman) foi tan entusiasta que o novo tema foi gravado axiña para Argo, unha subsidiaria da todopoderosa Chess, baixo a dirección do gran Paul Gayten e acompañado por unha banda excelente na que sobresae o saxo. O éxito de “Ain’t Got No Home” en 1956 foi case instantáneo, e aínda que Henry non usou a súa personalidade anfibia máis ca nunha ou dúas cancións máis que pasaron sen pena nin gloria, o alcume de “Frogman” ficou ligado a el para sempre.

Quen desexe entrar na música de Henry debe conseguir o disco Ain’t Got No Home: The Best of Clarence “Frogman” Henry (MCA), unha compilación cun título predecible que contén os seus grandes éxitos para Argo. O que se di éxitos, Henry tivo só tres ou catro, pero a calidade da súa música vibrante e ás veces un tanto excéntrica, non ofrece dúbida, especialmente cando canta baladas coma “I Don’t Know Why (But I Do)” ou “You Always Hurt the One You Love”. A primeira destas resultou ser o seu tema máis coñecido despois do da nena e a ra (e pasaron case cinco anos entre ambos os dous singles), pero o CD está cheo de pequenas marabillas coma “Baby, Baby Please”, “Troubles, Troubles” e “It Won’t Be Long”. Esta última non é a canción dos Beatles que abre o elepé With the Beatles, pero semella que os catro fabulosos de Liverpool adoraban o home ra: en 1964, Henry actuou como teloneiro de varios dos concertos da primeira xira do cuarteto polos Estados Unidos e Canadá. No momento de escribir estas liñas, o “Frogman” segue vivo e adoita aparecer de cando en vez por clubs e festivais en Nova Orleáns, e polo que sei, a súa capacidade para cantar coma unha ra continúa intacta.

E, para rematar a nosa descuberta de hoxe, aquí podedes ver a Henry cantando "Ain't Got No Home" e tocando o piano, nunha versión do seu clásico na que podemos percibir con total claridade a influencia do seu ídolo Fats Domino no seu estilo.





                                        ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ