lunes, 30 de diciembre de 2013

O PRINCIPIÑO, UN CONTO DE NADAL. Un fermoso texto de Beatriz Fraga



Beatriz Fraga


Beatriz Fraga é un verdadeiro encanto.
Mestra de Educación Infantil é unha persoa con múltiples inquedanzas. Inquedanzas a nivel persoal, profesional e literario.

Beatriz Fraga escribe e faino moi ben. Hai algún tempo, neste blog, faciámonos eco dun libro fermoso, O Rei Portador e outras historias (Euseino?. 2012), cuns relatos magníficos dirixidos aos bos lectores, sen idade específica, con referencias aos mitos e ás lendas que trazaron o perfil da nosa civilización. Neste volume, ademais, Beatriz Fraga era a ilustradora dos relatos. Todo un reto conseguido con brillantez.

Uns anos antes, no 2009, Beatriz publicara un libro entrañable, de prosa rimada, dirixido ao público infantil, Marcelo o morcego, cheo de humor, editado por Ed. Galaxia, na tan querida por min Colección Tartaruga.
Non queremos, por outra banda, deixar á marxe a súa faceta de tradutora, que levou a cabo en varias editoriais galegas, así como certos traballos de contido didáctico.

Beatriz Fraga é unha mestra innovadora. Consciente de que os seus alumnos e alumnas de 5 anos son seres intelixentes non dubida en motivalos con actividades que outra moita xente non faría nunca.
Sirva, como exemplo do que estou a dicir, este fermosísimo texto co que nos agasalla, segundo as súas propias palabras, produto dunha reflexión tras a lectura d ´ O Principiño aos seus alumnos de E. I., dos que pensaba, nun principio, que non o ían entender e, ao rematar, quedaron encantados. Ese é o camiño que deben seguir os ensinantes. Abrir canles, probar textos literarios, dar pasos adiante e cara atrás e levar ás aulas propostas anovadoras. O enriquecemento está aí e Beatriz Fraga sábeo. Por iso resulta tan interesante o que esta muller fai.Saber que na súa clase existe un “tempo de lectura” é algo que nos alegra moito aos que cremos na importancia de que os docentes lean en voz alta aos rapaces e rapazas.


Ademais, Beatriz é unha muller encantadora, agradable, coa que dá gusto conversar. Sempre ten algo novo que transmitir. Razón pola que a convidamos a participar, na súa propia voz, en Versos e aloumiños. O texto, marabilloso. Lelo, un pracer.
Grazas, Bea, pola túa xenerosidade e por agasallarnos unhas páxinas tan  cativadoras e tan intelixentes.




O PRINCIPIÑO, UN CONTO DE NADAL


En abril deste ano cumpríronse setenta anos da publicación do libro O Principiño, de Antoine de Saint-Exupéry. A obra foi  publicada simultáneamente en 1943 en inglés e en francés na cidade de Nova York, onde vivía Saint-Exupery desde 1941. En Francia sería publicado pola Editorial Gallimard en 1946. En galego, traducido por Carlos Casares e publicada por Editorial Galaxia en 1972.
Antoine de Saint - Exupéry

O libro de Saint- Exupéry é o máis vendido e traducido na historia da literatura. O autor, aviador de profesión, recibiu a encarga do seu editor estadounidense para escribir un conto de Nadal. Oculto pola composición e a narración, O Principiño podería agochar un conto de Nadal.
En xaneiro do 2015 as obras de Saint-Exupéry serán de dominio público agás nos Estados Unidos e Francia. Isto, sin lugar a dúbidas, vai dar lugar á publicación de novas edicións. Ata o de agora, tanto o texto como as imaxes, que son acuarelas do propio autor, foron fielmente reproducidas respectando o orixinal na súa primeira edición.

O protagonista desta historia vive nun diminuto asteroide, o B612. Igual que en moitos contos de fadas emprende, grazas a unha banda de paxaros, unha viaxe iniciática, unha viaxe no espazo e no tempo que, dalgunha maneira, axuda a canalizar a viaxe interior cara a madurez.
Os estudos de Carl Gustav Jung e os de Joseph Cambell (El héroe de las mil caras: Psicoanálisis del mito. México: Fondo de Cultura Económica) estableceron os patróns narrativos das tradicións e lendas populares, entre eles a viaxe do heroe. Tamén a filósofa e psicoterapeuta Marie-Louise von Franz, no seu libro Puer Aeternus, analiza a figura do Principiño. O termo latino puer aeternus, que significa infancia e xuventude eterna, foi atribuida primeiro ao deus Iaco (a estrela que leva a luz nos misterios nocturnos ou os misterios de Eleusis, os ritos de iniciación), e a Dionisio e Eros, posteriormente. Neste libro, a autora e seguidora de Jung fálanos do neno encantador, creativo e cheo de soños, o eterno Peter Pan.
A viaxe do héroe correspóndese co ciclo do sol, o camiño de Oriente a Occidente (viaxe diurno) e de Occidente a Oriente (viaxe nocturno). Moitas das culturas identificaron ao Sol coa búsqueda do espiritual. Logo poida que o Principiño sexa un conto de fadas onde o protagonista, despois da súa viaxe renace. Ese eterno neno, nado da noite, é un deus da vida, da morte e da resurrección, un redentor.


Dito isto ao mellor non é casual a aparición do número, as medicións e os cómputos no libro, xa que o pensamento cuantitativo supón a madurez da razón. Sete son as personaxes que aparecen no Principiño, mellor dito, seis máis un: o Rei, o vaidoso, o bebedor, o home de negocios, o faroleiro e o xeógrafo ademáis do protagonista, o neno.
O número seis é o número máis perfecto (porque os seus divisores propios, 1, 2 e 3, suman seis) dos imperfectos (porque lle falta un para chegar ao número perfecto, o sete). Son seis os asteroides que visita o Principiño. Se a iso engadimos a Terra, volvemos atopar o 6 máis o 1 ou sexa o sete.

Os asteroides aos que se fai referencia no conto existen no denominado cinto de asteroides, rexión comprendida aproximadamente entre as órbitas de Marte e Xúpiter. A maioría foron descubertos polo astrónomo alemán Max Wolf, concretamente o 325, 328, 329 (chamado tamén Svea) e o 330 (coñecido tamén co nome de Adalberta). O 326 (Tamara) foi descuberto polo astrónomo austríaco Johann Palisa e o 327 (Columbia) polo astrónomo francés Auguste Charlois.
Nalgunhas relixións o sete é o número sagrado. Poida que a orixe estea nos antigos astrónomos que se decataron de que a maioría das estrelas non cambiaban de posición, unhas respecto ás outras, durante todo o ano agás os sete corpos celestes: o sol e a lúa e os planetas que podían verse, Mercurio, Venus, Marte, Xúpiter e Saturno, que eran considerados estrelas móbiles.
Pero sete son tamén os pecados capitais (a partir do papa Gregorio Magno, séc. VI, xa que antes eran oito) que poideran estar personificados nos habitantes dos asteroides que visita  o Principiño.


A soberbia, simbolizada na figura do rei que, vestido de púrpura e de armiño, cobre co seu manto todo o planeta.

A vaidade, representada no vaidoso que só quere que o admiren e o louven.

A gula e a súa outra cara, a ebriedade encarnada na figura do bebedor.

A avaricia, representada polo home de negocios que só pensa en contar estrelas.

A preguiza, reflectida na figura do faroleiro, farto de prender e apagar o farol.

O orgullo, a través do xeógrafo, que se considera demasiado importante.

E, por último, a serpe. O primeiro personaxe que atopa o ”neno príncipe” cando chega á Terra. 
Símbolo de concepcións cosmogónicas, teogónicas e morais que expresa distintos e contradictorios significados representa a imaxe de rexeración co cambio de pel (a pubertade). É un símbolo da enerxía sexual. Quizais o sétimo pecado capital, a luxuria?
Xa na Terra, unha chea de personaxes “abren as portas”, as etapas para atopar o camiño e chegar a madurez:

A rosa terrestre de tres pétalos. Símbolo do amor e da beleza, que pode simbolizar cos seus tres pétalos o  pasado, o presente e o futuro.

O xardín de rosas sen “domesticar” que, aínda que fermosas non resultan tentadoras para o protagonista porque, segundo el  “ninguén sería capaz de dar a vida por vós”. Non ocorre o mesmo coa rosa do seu planeta, a súa rosa.

O raposo que representa a astucia e a sabedoría. Aquel ao que o Principiño consegue domesticar.


O gardaagullas que vén ser o encontro de camiños, o perigo das encrucilladas, o feito de ter que tomar unha decisión.

E quizais o máis absurdo de todos, o comerciante de pílulas que quitan a sede, o aforrador de tempo. Que simboliza a percepción do tempo, que o tempo se acaba.

Por último o pozo, que fai abrollar a auga cativa nas entrañas da terra para facela ascender á superficie. O pozo, tesouro e fonte de vida que agocha o coñecemento e a verdade. Logo de que o protagonista bebe da auga do pozo, o narrador comprende aquilo que estaba buscando o Principiño, a súa misión, e confesa un recordo da súa infancia:
“Cando eu era neno, a luz da árbore de Nadal, a música da misa do galo. A dozura dos sorrisos, todo lle daba aquel fermoso brillar aos regalos que me botaban os Reis.”
Anúnciasenos que, un ano despois de chegar á Terra, o Principiño volve ao punto onde “caera” e é alí onde atopa ao aviador, o narrador.

Comeza así o desenlace do conto, onde todo sucede moi rápido. Os debuxos esbozados polo aviador dos baobás que agora ao “neno príncipe” lle parecen repolos, porque os ve quizais cos ollos dun adulto, e a picada da serpe que nos indica que algo tráxico sucedeu.
Pero o narrador non pode evitar o inevitable e, cando chega ao muro, enriba do cal está o “neno príncipe”, chega xusto a tempo para recollelo despois da picada da serpe, quítalle a súa bufanda de ouro e dalle de novo de beber.


Remata, pois, aquí a viaxe do heroe coa morte e o seu renacemento como unha estrela.
Pero, ¿que importancia ten o feito de quitarlle a bufanda de ouro?¿Que nos quere dicir o narrador? Ao quitarlle a bufanda, ¿axudaríao a quitarlle aquilo que tanto o oprimía?
Sabendo que Antoine de Saint-Exupéry era coñecedor da astroloxía, entra dentro do posible que o protagonista personifique a “estrela de Nadal” ou aquela coa que a identificaron, a chamada, Regulus ou Régulo, a estrela máis brillante da constelación Leo, visualmente de cor azul. O nome de Regulus procede do latín e significa “pequeno rei”. Daría esta estrela título ao libro? Sería a bufanda de ouro a cola da estrela de Nadal?