Mostrando entradas con la etiqueta clarence frogman henry. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta clarence frogman henry. Mostrar todas las entradas

jueves, 5 de marzo de 2015

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( XVI ) : BOBBY CHARLES



O de Bobby Charles é un deses casos nos que o nome do artista é moito menos coñecido ca as súas composicións. De feito, aínda que as súas cancións foron gravadas (e mesmo levadas a postos ben altos nas listas de éxito) por músicos moi variados, dende Bill Haley e Fats Domino ata Joe Cocker, Etta James e mesmo o grupo UB40, as súas propias versións deses e doutros temas fican hoxe na máis absoluta escuridade. E isto é unha verdadeira mágoa, pois Charles merece, sen dúbida, recoñecemento polas súas grandes contribucións á música do século XX. Nado en 1938 en Abbeville, unha pequena vila desa parte do estado de Louisiana que se coñece co nome de cajun country porque alí se mantén aínda a pegada da cultura francófona propia desa área do país, o seu nome real era Robert Charles Guidry, e dende ben pequeno comezou a escoitar a música cajun que tocaban os seus veciños e amigos. Axiña descubriría tamén o rhythm and blues, e coa chegada dos primeiros anos do rock'n'roll, o mozo Guidry empezou a cantar cunha banda local e a escribir as súas primeiras cancións. Unha delas, "See You Later Alligator", impresionou o dono dunha tenda de discos, que por casualidade coñecía a Leonard Chess, o director do famoso selo independente Chess Records. Probablemente sen saber que Guidry era branco, o señor Chess ofreceulle un contrato de gravación coa súa discográfica despois de escoitalo cantar o seu tema por teléfono e animouno a cambiar o seu nome polo máis comercial de Bobby Charles.


Fats Domino tivo éxito con cancións de Charles
Mais nun principio, "See You Later Alligator" non chegou moi lonxe, ata que en 1956, Bill Haley a fixo popular non só nos Estados Unidos, senón mundialmente (en castelán mesmo foi versionada polo grupo cubano Los Llopis co título de "Hasta luego, cocodrilo"). O disco de Haley deu un pulo importante á carreira de Charles, que ao ano seguinte obtivo un pequeno éxito de seu co seu tema "Time Will Tell". Sen embargo, malia á innegable calidade das súas gravacións para Chess, ningunha delas chegou a vender tanto como as composicións que escribía para outros artistas. Unha delas, a balada "Walking to New Orleans", entrou no top ten das listas estadounidenses interpretada polo seu grande amigo Fats Domino en 1960, e un ano despois, Clarence "Frogman" Henry—o home que ás veces cantaba con voz de ra—gravou con éxito outra peza de Charles, "(I Don't Know Why) But I Do", nesta ocasión sen utilizar o truco da voz de batracio. Pero como os seus propios discos non vendían dabondo, ao remate do seu contrato con Chess, Charles foi pasando por outros selos independentes de menor importancia e seguiu compoñendo cancións ata que, a mediados dos anos 60, decidiu retirarse temporalmente do mundo da música.


Bobby Charles nos anos 70
Non duraría moito esta paréntese, pois en 1972 reaparecería para gravar o que, sen dúbida, é o seu mellor elepé (lembremos que anteriormente se concentrara sobre todo en editar singles), titulado simplemente Bobby Charles. O disco foi producido por Rick Danko, e nel aparecen practicamente todos os membros de The Band, que idolatraban a música que Charles gravara na década dos 50, ademais de Dr. John e David Sanborn. Pero, unha vez máis, a pesar da súa calidade musical e do feito de que hoxe, máis de corenta anos despois, é considerado case un disco de culto, o álbum pasou desapercibido no seu momento, e Charles novamente deixaría o mundo da música despois de tomar parte nunha serie de interesantes sesións xunto a Paul Butterfield. Aquí tamén o seu retiro resultaría breve, xa que Charles participou no derradeiro concerto de The Band, que Martin Scorsese filmou para o documental The Last Waltz, aínda que só aparece brevemente na versión definitiva da película. Nos anos 80 e 90, Charles editaría algún disco ocasionalmente, pero pasou a meirande parte do tempo vivindo unha existencia tranquila na súa Louisiana natal, onde faleceu dun ataque cardíaco en 2010.


Por fortuna, quen desexe achegarse á música de Bobby Charles dispón hoxe de boas opcións en CD. Existen dúas compilacións excelentes das súas gravacións clásicas dos anos 50 e principios dos 60: See You Later Alligator (Bear Family), que inclúe amplas notas sobre a súa carreira, e After a While Crocodile (High Note), que contén material rexistrado para as discográficas Chess e Imperial durante a mesma época. Por outra banda, resulta preciso buscar tamén a reedición en CD do disco de 1972 Bobby Charles (Rhino Records), que ofrece algúns temas extra que non apareceron no álbum orixinal. Aínda que sexa máis coñecido como compositor ca como cantante, Bobby Charles destaca pola súa orixinalidade, polo eclecticismo das súas propostas musicais e por ser un dos pioneiros dun estilo híbrido que deu en chamarse swamp pop porque, coma sempre, á industria lle gusta inventar etiquetas para todo. Xa é tempo de rescatalo dese esquecemento no que leva moitos anos sumido e de gozar coas múltiples arestas da súa música.



Por desgraza, non temos moitos vídeos de Bobby Charles, mais este é moi interesante, pois nel podemos velo interpretando "Down South in New Orleans" con The Band, nunha secuencia que quedou fóra do documental The Last Waltz. Se algún día tivese eu a oportunidade de falar con Scorsese, o primeiro que me gustaría preguntarlle sería: "Por que, Martin, por que?"



                                               ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

jueves, 5 de diciembre de 2013

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( III ) . CLARENCE "FROGMAN" HENRY



A Clarence “Frogman” Henry, iso de “home ra” non lle vén, como un podería supoñer, pola súa afección ao submarinismo, senón porque, como amosou en “Ain’t Got No Home”, o seu máis grande éxito a mediados dos anos 50, é quen de cantar coma unha ra. E tamén coma unha nena. Non queda moi claro como ou por que a Henry se lle ocorreu unha idea semellante, e sen dúbida é inexplicable que unha idea así acadase recoñecemento popular, mais iso foi precisamente o que pasou. E é que Clarence non canta coma unha ra calquera, e “Ain’t Got No Home” nada ten que ver con “Cu cu, cantaba la rana”. É simplemente un dos temas de rhythm and blues máis divertidos e memorables da historia.

O futuro home ra naceu nunha pequena vila de Louisiana en 1937 e pasou a meirande parte da súa xuventude en Nova Orleáns, fascinado polos son que emanaban dos xa lexendarios clubs desa cidade que dende sempre ten sido punto de unión de diferentes etnias, culturas e músicas. Henry sentíase atraído particularmente polos estilos de Professor Longhair e Fats Domino (outros dous que merecen unha descuberta fonográfica) e non lle levou moito tempo aprender a tocar o piano e o trombón coa banda de Bobby Mitchell. Pero o que realmente lle gustaba era cantar e tiña unha voz axeitada para interpretar tanto temas rockeiros (son estes os anos da xénese do rock) como baladas suaves e románticas.


O home ra cos Beatles en 1964

Conta a lenda (non sei se a historia é real ou non, pero tanto ten, pois para iso é unha lenda) que Henry escribiu “Ain’t Got No Home” unha noite nun club cando estaba canso e quería marchar para a casa pero o dono do establecemento obrigouno a continuar enriba do escenario. Entón el sentou ao piano e improvisou a melodía e, nun intre de lucidez, comezou a cantar coma unha nena e, deseguido, coma unha ra. A reacción dos clientes (non sabemos se porque estaban bébedos ou porque Henry, mesmo cando non se atopaba pletórico de enerxía, era un verdadeiro showman) foi tan entusiasta que o novo tema foi gravado axiña para Argo, unha subsidiaria da todopoderosa Chess, baixo a dirección do gran Paul Gayten e acompañado por unha banda excelente na que sobresae o saxo. O éxito de “Ain’t Got No Home” en 1956 foi case instantáneo, e aínda que Henry non usou a súa personalidade anfibia máis ca nunha ou dúas cancións máis que pasaron sen pena nin gloria, o alcume de “Frogman” ficou ligado a el para sempre.

Quen desexe entrar na música de Henry debe conseguir o disco Ain’t Got No Home: The Best of Clarence “Frogman” Henry (MCA), unha compilación cun título predecible que contén os seus grandes éxitos para Argo. O que se di éxitos, Henry tivo só tres ou catro, pero a calidade da súa música vibrante e ás veces un tanto excéntrica, non ofrece dúbida, especialmente cando canta baladas coma “I Don’t Know Why (But I Do)” ou “You Always Hurt the One You Love”. A primeira destas resultou ser o seu tema máis coñecido despois do da nena e a ra (e pasaron case cinco anos entre ambos os dous singles), pero o CD está cheo de pequenas marabillas coma “Baby, Baby Please”, “Troubles, Troubles” e “It Won’t Be Long”. Esta última non é a canción dos Beatles que abre o elepé With the Beatles, pero semella que os catro fabulosos de Liverpool adoraban o home ra: en 1964, Henry actuou como teloneiro de varios dos concertos da primeira xira do cuarteto polos Estados Unidos e Canadá. No momento de escribir estas liñas, o “Frogman” segue vivo e adoita aparecer de cando en vez por clubs e festivais en Nova Orleáns, e polo que sei, a súa capacidade para cantar coma unha ra continúa intacta.

E, para rematar a nosa descuberta de hoxe, aquí podedes ver a Henry cantando "Ain't Got No Home" e tocando o piano, nunha versión do seu clásico na que podemos percibir con total claridade a influencia do seu ídolo Fats Domino no seu estilo.





                                        ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ