viernes, 6 de diciembre de 2013

UN LIBRO IMPRESCINDIBLE PARA COÑECER O VERDADEIRO JIMI HENDRIX



Teño que recoñecer que sempre me fascinou Jimi Hendrix e todo o que o rodeaba. Afirmo con rotundidade que escoitar os seus discos me transportaba máis alá da música. Era unha viaxe ás profundidades de todo aquilo que permite emocionarse ao ser humano. A imaxe, inconfundible, dun home que quería ser el mesmo, tanto dende o seu estilo de música e de facer da guitarra unha extensión da súa personalidade, como ata a elección da súa vestimenta e a súa relación co mundo. Dicía decote que a guitarra e a música eran o máis importante para el. Os seus discos con The Jimi Hendrix Experience son unha marabilla. Cancións propias, cancións doutros músicos (como Dylan, por exemplo) servían para expresarse, para sentir a sensación de que chegaban a un público interesado na súa música. 

Jimi Hendrix, de quen se distorsionou a miúdo a súa vida, era un ser sensible, nada divo, calado en moitísimas conversas, porque sempre estaba pensando na música.Jimi Hendrix conseguiu expresar a emoción, que a música lle provocaba, a través de dúas formas: coas letras das composicións e o virtuosismo da súa guitarra. Os sons que lle tiraba á guitarra eran incribles. Foi un emblema para os guitarristas dos anos sesenta do século XX e un exemplo de loita consigo mesmo e contra un sistema musical que non se mostraba demasiado encantado con el. 


Cunha carreira curta, converteuse nunha lenda, á que se lle puxeron dun xeito desorbitado toda sorte de excesos. Contaban, con intencións malévolas e fóra de lugar, situacións puntuais do artista de Seattle que noutro personaxe serían simples anécdotas. Con el non pasaba. Todo o que se refería a Jimi aparecía cunhas tinxiduras desorbitadas. A esaxeración e as frivolidades de moitos xornalistas musicais chegaron a ocultar a persoa que precisaba da música coma a auga que bebemos. Que vivía as vinte e catro horas mergullado na arte de compoñer cancións e mellorar o que facía acotío.

Por iso, hoxe falo de Empezar de cero (Ed. Sexto Piso.2013), libro que estou a ler sen rematar (quédanme unhas poucas páxinas). Penso que non puido ser mellor a idea de  Peter Neal, un cineasta que con Alan Douglas estaban preparando unha biografía para o cinema. Non querían poñer palabras na boca de Jimi, comezaron a experimentar con diálogos extraídos de rexistros de cousas que el dixera realmente.Reuniron moitísimo material, pois durante catro anos Hendrix foi o centro da atención dos xornalistas e do público en xeral e concedeu unha chea de entrevistas. Recompilado este enorme material, Peter Neal decatouse de que Jimi deixou o propio relato de si mesmo. E, ademais, dunha maneira clara e exhaustiva. Iso si, todo moi fragmentado e algo elíptico.
 
O meu primeiro single de Jimi Hendrix

Este magnífico libro é o froito de reorganizar o material nunha estrutura narrativa. Era, ademais, preciso polas medias verdades e as opinións interesadas de tanto personaxe malicioso que cargou contra o xenial músico.
E si, semella un documental, desenvolvido en secuencias fílmicas. Jimi Hendrix, a partir das súas palabras, convértese nunha persoa interesante. Fala dos seus recordos, afirma que para el a música e a vida eran inseparables e reivindica as letras como unha dimensión poética indiscutible. Os seus últimos catro anos son contados cunha certa confusión e moi desordenadamente, por motivos obvios. Pero non agocha, todo o contrario, as ideas que tiña na súa mente e o cambio de percepción e de conciencia que se estaba a producir na súa mente. Como moi ben puntualiza Peter Neal: “Ao avanzar o libro, este deixa de ser un relato dos acontecementos externos para se converter na exploración dunha viaxe interior. Esta viaxe interior é o punto decisivo do libro – e dun modo moi apropiado, xa que a historia de Jimi tratou sobre cruzar os límites”.

Cuberta de "Electric Ladyland" como saíu no Reino Unido. Provocou un escándalo. Ao parecer a Jimi non lle gustaba.


 O libro resulta interesante e conmovedor. Jimi fala del mesmo con sensibilidad, candor e humor irónico. Cóntanos da súa infancia en Seattle, de como abandonou o instituto, da súa paixón pola música, do pouco que lle gustaban as xiras, do que sentía nos duros momentos antes de ser coñecido, do que significan para el as mozas, da súa viaxe a Inglaterra da man do antigo baixista de The Animals, Chass Chandler, quen confiou nel nuns momentos delicados, do triunfo que chega pero non o volve tolo. Jimi Hendrix reflexiona sobre a vida, a música, os comportamentos dos distintos estamentos do mundo musical, as actitudes das distintas clases de público que o ía escoitar, do cansazo que provocan os concertos, da necesidade de tocar os temas reinventándoos, das jam sessions etc. Hai nel contradicións como en todo ser humano. Mais cando vas lendo o libro e es consciente do que Jimi vai dicindo sentes ganas de abrazalo, de bicalo con tenrura pois resulta unha persoa tímida e, demasiadas veces, desamparada.
 
Así apareceu "Electric Ladyland" nos EE.UU.
Empezar de cero é un gran traballo de Peter Neal que, ademais de organizar magnificamente o material recollido, se limita a poñer breves notas para contextualizar as palabras de Hendrix.
 
Segundo single de Jimi que tiven eu.

Pasaron moitos anos dende que eu descubrín a este xenio da música. Foron dous singles aparecidos en España no ano 1969 (Let me light your fire / The burning of the midnight lamp) e en 1970 (Voodoo chile / Hey Joe). Aí comezou miña admiración por Jimi Hendrix; unha admiración que continúa ata hoxe, malia o tempo transcorrido dende a súa morte e tendo desenvolvido, por desgraza, unha carreira tan curta. Non podo, nin debo,  esquecer aos dous músicos que formaron The Experience: Noel Redding, un gran baixista e o fenomenal batería, Mitch Mitchell. Os tres protagonizaron unha etapa mítica da música de sempre. Jimi, a pesar das tensións internas e dos desacordos finais, sempre lles recoñeceu a súa aportación ao grupo.
 
Din algúns estudosos que esta era a portada que Jimi Hendrix quería.

Mentres escribo todo isto, soa o elepé Electric Ladyland. Gozo con el. Para min é a súa mellor obra. E lembro con satisfacción algo que me une a Jimi á hora de escribir. Era este un escritor compulsivo que escribía nos papeis dos hoteis, en anacos dun papel calquera, en caixas de tabaco, en servilletas, en cousas que tivera a man. Eu non me considero un escritor compulsivo, pero fago o mesmo á hora de escribir ou de comezar algo que bule na miña cabeza. Hei dicir, por outra banda, que iso o fan moitos escritores, pero non sabía que Jimi Hendrix tiña esa necesidade tan forte de escribir. Penso, agora, que o seu prodixioso dominio da guitarra (chegou a tocala cos dentes ou por detrás do corpo), anubrou a súa faceta de escritor de cancións. Botádelle, por favor, unha ollada (como fixen eu) ás súas letras e ficaredes sorprendidos.

E se vos interesa a figura de Jimi Hendrix, non deixedes de ler este orixinal e extraordinario libro, serio e afastado de sensacionalismos perversos.


Como curiosidade, engado este vídeo de Jimi Hendrix, con The Jimi Hendrix Experience, tocando unha das miñas cancións favoritas, "Hey Joe", un clásico xa, na que nos mostra como chegaba a tocar a guitarra cos dentes.




 Remato este artigo salientando unha frase de Jimi, que explica o seu espírito á hora de vivir a música: "Quero facer unha música tan perfecta que se filtre a través do corpo e sexa quen de curar calquera enfermidade".

                                                                                             ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO