Na historia da música xorden ás veces nomes que rematan por
caer no esquecemento co paso do tempo pero sen os cales as cousas nunca terían
sido exactamente iguais. Son músicos que, se cadra, tiveron un ou dous éxitos,
ou nalgúns casos ningún, pero que deixaron unha pegada importante noutras
bandas que chegaron despois e que si acadaron recoñecemento popular. Estes
músicos adoitan ser pioneiros, ter un estilo propio que non é imitación
consciente de ninguén e, en máis dunha ocasión, coñecer unha existencia marcada
pola frustración que lles causa estaren adiantados ao seu tempo. E este é,
exactamente, o caso de Johnny Kidd, un home sen o cal a historia do rock
británico que tanta popularidade acadou nos anos sesenta do século pasado sen
dúbida tería sido moi diferente. Nas tres ou catro ducias de gravacións que nos
deixou co seu grupo, The Pirates, antes da súa tráxica morte á idade de trinta
anos escoitamos xermolar o son de bandas imprescindibles coma os Beatles, os
Rolling Stones ou os Yardbirds. E iso, na miña opinión, fai que Kidd e os seus
Piratas sexan tamén imprescindibles.
Kidd naceu en Londres en 1935, só uns anos antes ca Lennon,
McCartney e compañía, e baixo o seu nome real, Frederick Albert Heath, formou
parte de varios grupos de skiffle, esa curiosa mestura caseira e informal
de folk e jazz que se puxo de moda nas Illas Británicas nos anos cincuenta con
Lonnie Donegan á cabeza. Pero o que verdadeiramente lle interesaba a Heath eran
o rock e o rhythm and blues, e por esa razón decidiu fundar a súa propia banda,
trocando o seu nome polo de Johnny Kidd, máis atractivo e comercial, co gallo
da súa primeira sesión de gravación. Os froitos da mesma, particularmente un
tema con sabor rockeiro titulado “Please Don’t Touch”, foron prometedores de
abondo como para que a discográfica permitise aos Piratas continuar gravando.
Boa decisión, xa que en 1960 chegaría “Shakin’ All Over”, unha composición
propia que non só acadou o primeiro posto das listas británicas, senón que
coñeceu diversas versións noutros países e, ao longo dos anos, rematou por
converterse nun clásico do rock. “Shakin’ All Over”, co seu
inconfundible riff de guitarra e a voz potente e persoal de Kidd, non soaba
coma ningún outro éxito do momento. De súpeto, os Piratas tiñan un número un e
a xuventude enchía os seus concertos, nos que sempre aparecían—como
non?—vestidos con traxes de pirata e Kidd mesmo levaba un parche no seu ollo
dereito e unha navalla na man.
O problema foi que, aínda que moitas das cancións que
gravaron despois de “Shakin’ All Over” eran dunha calidade incuestionable, Kidd
e os seus Piratas endexamais conseguiron duplicar o éxito dese tema. Outro
problema era a inestabilidade da formación do grupo, con máis trocos ca un
partido de balonmán. Iso sí, se ben Kidd non semellaba ser quen de manter unha
banda estable, si tiña un oído excepcional para atopar talentos, e nos seus
sete anos como líder, fixo que se disfrazasen de corsarios músicos chamados a
facer ruído posteriormente no mundo do rock, coma Nick Simper, o baixista de
Deep Purple, ou John Weider, que formaría parte dos Animals. Semella que Roger
Daltrey foi tamén un dos moitos que admiraban a música de Kidd, e de feito, os
Who gravarían a súa propia versión de “Shakin’ All Over” no seu disco en
directo en Leeds. Varios dos grupos beat ingleses que invadiron América a mediados dos
sesenta, capitaneados polos catro fabulosos de Liverpool, estaban tamén en
débeda con Kidd, quen nunca acadou éxito do outro lado do Atlántico (foron os
pouco coñecidos Guess Who quen levaron “Shakin’ All Over” ao hit parade por
eses lares). E non é porque as súas fontes musicais non fosen as adecuadas:
Kidd e os Piratas bebían no r&b, no soul e no rock, como podemos escoitar
en cancións coma o “I Just Want to Make Love to You” de Willie Dixon, “Can’t Turn You Loose” ou as súas excelentes versións de “I Know” e do "Your Cheatin' Heart" de Hank Williams, pero por algunha razón,
nunca puideron recrear os intres gloriosos de “Shakin’ All Over”.
Finalmente, en 1966, cando Kidd viña de formar unha nova
edición dos Piratas e de rexistrar novos temas da calidade de “Send for That Girl”, “This Golden Ring” ou “It’s Got to Be You”, un accidente de coche puxo
fin á súa vida e á súa carreira, negándolle a posibilidade de intentar un retorno
ás listas de éxito. Pero, a xulgar polas pequenas xoias que se agachan na súa
discografía, paga a pena afondar no persoal universo musical de Kidd e os seus
Piratas, e para iso abonda calquera compilación de grandes éxitos (que, como
sabemos, será sempre un título esaxerado no caso do londinense), mais a
elección ideal é The Complete Johnny Kidd (EMI), onde se atopan diversas
marabillas coma “You Got What It Takes”, “Weep No More My Baby”, “More of the Same”, “Hurry On Back to Love”, “A Little Bit of Soap” e tantas outras.
Escoitando este dobre CD podemos comprender perfectamente por que grupos tan
diferentes como os Who e Humble Pie ou solistas como Van Morrison e Iggy Pop fixeron
homenaxes nalgún intre das súas carreiras a Kidd. E tamén podemos gozar coas
dúas versións (unha de 1960 e outra de 1965) que este entrañable pioneiro do
rock británico gravou de “Shakin’ All Over”, ese clásico cuxa popularidade
nunca logrou repetir.
Por desgraza, non fun quen de atopar un vídeo cunha
actuación de Johnny Kidd and The Pirates (aínda que si participaron en
sesións radiofónicas para a BBC), e por iso ofrézovos unha aparición televisiva de Vince Taylor (outro pioneiro que merece a súa propia descuberta fonográfica) cantando o “Shakin’ All Over” de Kidd.
sesións radiofónicas para a BBC), e por iso ofrézovos unha aparición televisiva de Vince Taylor (outro pioneiro que merece a súa propia descuberta fonográfica) cantando o “Shakin’ All Over” de Kidd.
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ