Xabier P. DoCampo. 2013 |
Xabier P. DoCampo ten un corazón grande, moi grande que, ás veces
disimula, cando afirma cousas que doen. E doen porque dá na diana cos seus
dardos. Claro que, coma calquera persoa deste mundo, non sempre acerta, pero é
tan xeneroso que sabe desculparse. Xabier,
o meu amigo, é un ser sensible e comprometido co mundo. Tras esa apariencia
algo brusca, que pode asustar os que non o coñecen, Xabier ten un corazón
enorme, onde vivimos os que nos consideramos próximos a el e o queremos. Home
inquieto, intelixente, crítico co con aquilo que considera inxusto, abre os
brazos con agarimo ás persoas que precisan do seu ánimo.
Para min, cando comezaba neste
mundo da escrita, sempre tivo palabras eloxiosas cara á miña poesía e
animábame, ademais, a escribir en prosa. Canto lle agradecín esas palabras!
Xabier contaxia. Xabier é
unha das persoas máis simpáticas, irónicas e enxeñosas que coñezo. É un gran conversador
que, dicindo cousas moi serias (ou non tan serias, se cadra) fai que chores coa
risa. Cando deixas de rir, pensas no que dixo e reflexionas sobre o seu
discurso.
Hai unhas semanas quixo estar
comigo, despois de enviarme correos cheos de afecto, e estivemos con Agustín,
co quen xantou, nunha cafetaría falando, desta volta, principalmente de cinema.
Porque Xabier ten o seu libro A casa da luz, en filme. Que ben! Pero o
malo é que non está distribuída. Vaia desperdicio! Agora, anda mergullado noutro proxecto
cinematográfico que é do máis interesante. Agustín e mais eu escachamos coa
risa escoitando algunhas anécdotas de Xabier.
Eu agradecinllo profundamente, pois había ben tempo que non ría tanto. Coa súa
voz tan peculiar, os seus acenos e a cara de pillabán que pon, Xabier mete no
peto a xente. Quero moito a Xabier.
Non di nunca nada por dicir. E Xabier,
para quen non o saiba, quere moito os demais. Este chairego, nado en Rábade (Lugo)
e que fixo maxisterio n´A Coruña, leva
sobre as súas costas unha morea de proxectos dignos de admiración. Traballou en
varias escolas e en Preescolar na casa. Pertenceu aos Movementos de Renovación
Pedagóxica. Estivo no Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Deu cursos, conferencias, obradoiros e
fixo ponencias ben importantes sobre a lectura e a súa implicación nos medios
escolar e social. Todo isto levouno a percorrer Galicia, España e, mesmo a predicar, como lle gusta dicir a el, en
América. Guionista en RNE, escribiu obras para vídeo e televisión. Formou parte
da directiva que constituíu GÁLIX, asociación da que foi presidente durante
dous anos.
"Confesando" a Susi. Ribeira Sacra. Camiñantes. 2009 |
Foi galardoado en bastantes
ocasións, das que eu destacaría: dúas veces o White Ravens da Biblioteca de Munich, a Lista de Honra do IBBY e,
por suposto, o merecidísimo Premio Nacional de LIX, polo seu magnífico Cando petan na porta pola noite, no ano
1995, que foi publicado por Ed. Xerais, na colección Merlín, e hoxe figura na colección Fóra de Xogo, da mesma editorial.
Xabier P. DoCampo é un gran narrador oral e, iso, convérteo nun
gran escritor de narrativa. O segredo
está en que sabe equilibrar ambas facetas e darlles aos seus libros unha
intensidade especial, ademais dunha calidade e dunha frescura fóra de calquera
dúbida. Resulta fascinante perderse entre as súas páxinas. Aínda lembro o
primeiro libro que lin del: O misterio
das badaladas (Vía Láctea).
Resultoume apaixonante. Foi unha auténtica descuberta. Hoxe, por fortuna, esta
magnífica obra está reeditada en Edicións Xerais de Galicia, na súa colección Merlín. Está a ter un éxito
impresionante. O bo permanece sempre. O bo mantén a súa vixencia malia o paso
dos anos.
Cando a colección Merlín tiña unha parte final chamada Cando o autor fala de si, Xabier
escribiu no seu Cando petan… moitas cousas ás que lles tiña medo. Eu
collín algunhas para rematar esta introdución.
Xabier tíñalle medo, e seguro que segue a terllo, a:
A non morrer nunca.
A morrer pronto.
A os que quero que non me
queiran.
A que non haxa flores.
A que non haxa troitas nos ríos.
A non poder mirar as estrelas
pola noite.
Ao mar (desde o mar).
A mirar un día para o ceo e non
ver un paxaro.
Á guerra, aínda que non teña que
ir.
Ás almas miserables.
Cando pasa moito tempo sen que
ninguén pete na miña porta…
Grazas, Xabier, por seres como es. Grazas polo teu texto e pola
consideración con Versos e aloumiños. A túa luz, as túas palabras aluman moito máis
este proxecto.
Leamos o que nos deixou con todo o seu agarimo.
Despois de ler
un poema de Antonio García Teijeiro
Hai
voces que nos cobren
Con Antonio. Homenaxe a Xavier Senín. 2012 |
e
nos ensanchan.
Fan
máis larga
a
nosa alma
e
máis longo
o
camiño noso.
Vagaroso
camiño
de verán,
de
caxato e chapeu.
De
fonda verba
e
ollada ao chan.
De
silencio e espreita.
De
feliz espera.
Xabier P.
DoCampo
No día de San
Brais de 2013
Dedicatoria 1ª edición "Cando petan na porta pola noite". |