jueves, 21 de marzo de 2013

CADERNO ÍNTIMO (VI)



Páxina Sexta

Cando de costas ao mundo, vexo a Nada, decátome de que carezo de vontade para respirar por min mesmo na procura da felicidade, se existe.
Non vexo ren. Só sinto. Todo é inútil?
E quero fuxir das pausas acoiteladas que destrúen a pradeira pola que corrían cabalos desbocados.
E  sinto como a saliva salfere estes papeis, imitando os disparos que cortan os cotenos das miñas mans.
A vaidade que eu tiña cae derrubada ao pé das estatuas ergueitas nos xardíns anegados polo sangue dos malditos.
Xa non sei que sinal buscar para facer calar os ruídos monótonos dos beizos amargados.
Acaso saberei  algunha vez se hai aves que sobrevoan os misterios?
Acaso non chegarei a ver os peixes de cores que danzan nos estanques?
Acaso serei quen de saír das vías que percorren os trens da brutalidade consentida?
Sinto a ollada cega dos vagalumes que perderon a luz.  Esa ollada imperturbable que desanima a miña lingua fatigada.
Non é de estrañar que oia soamente as bucinas das ambulancias transitando polas rúas espidas do meu corpo afundido no baleiro.
Corren nenos cegos sorrindo ousados entre as chuvias que me enchoupan.
Invento momentos nos que soño epitafios xordos.
Non hai lápidas.
Non hai tumbas
pero creo ler frases que me nomean.
A imposibilidade do absurdo.
Brasas apagadas que me negan os seus brazos.
Escoito pardais destruídos polas nubes con carautas.
Adiviño desfeitas combinadas coas cinzas.
Procuro a calor da muller que me ama.
Intenta vir onda min, pero anda sen dar pasos.
Non sei como será o inferno. Ou estarei nel?
Quixen ser feliz por equivocación?
A negación  homicida de ver a través da Nada apaga os meus desexos de bicar a esperanza.
Resultan repugnantes as voces dos poetas fóra do camiño.
Por que pesan tanto os rostros dos que non claudican?
Cada sustantivo sofre a súa propia culpa.
Os adxectivos semellan un coro de delirios ben cinguidos á pel dos derrotados.
E ao lonxe desvelo un poema de John Galán Casanova, poeta colombiano, que me asusta:

En la noche,
sentados de espaldas
O poeta
a lado y lado del lecho,
descubrimos nuestro cuerpo
con aire distraído.

No hacemos ruido.

La carne duerme hace tiempo.

O título do poema faime reflexionar :  Cavilaciones de viejo, 4.


Tremo. Dubido. Penso. Choro.
E sinto de novo, detrás de min, unha man que se pousa nas miñas costas e me calma.
Será a man da muller que me ama?

                              
                                                                                    O VELLO SOÑADOR