viernes, 29 de marzo de 2013

PAULA XA COMEZA A ESCRIBIR

Cando Paula era  pequerrechiña
  Dá gusto agasallar libros ás nenas e nenos que gozan con eles. Nós sempre regalabamos poemarios, contos ou álbums aos amigos e amigas dos nosos fillos cando ían, sendo cativos ou adolescentes, aos aniversarios aos que eran convidados. Moitas veces, pensabamos de broma que, dado o nivel de lectura deste noso país, non os convidarían máis.Por sorte para eles non foi así.
Eu sigo obsequiando libros a quen corresponda. Unhas veces porque si; e, outras, pola celebración que teña lugar. Encántame regalar libros a quen sei que os vai valorar. E sempre regalo en función dos meus gustos, non das preferencias que aquela persoa poida ter. Síntoo. Eu son así. Se alguén vén á miña casa e penso que lle dará valor ao libro, agasállolle algún. Tamén me gusta que me agasallen libros. Pero hai amigos que non se atreven. Por unha banda, porque cren que son ben esixente nas miñas lecturas. É certo, mais non se debe esaxerar; pola outra, porque pensan que o teño todo. Tampouco, afortunadamente, esta é a realidade. Si, é certo, que estou orgulloso da miña biblioteca. Agora ben, de aí a pensar que resulta imposible dar cun libro que me interese vai un mundo.
Primeira cara do escrito de Paula
Unha cousa teño clara. A quen máis me agrada regalar libros é aos nenos e nenas que aman a lectura.
Coñezo unha nena. Chámase Paula. Coñezo os seus pais. Sei que debuxa moi ben. E tamén sei que cada vez le máis. E se fai isto, escribirá ben. Seguro. Xa se sabe, para escribir con criterio e seguridade, fai falla ler con criterio todos os días. E Paula, que é un ceo, vén lendo contos e poemas dende hai xa certo tempo. Paula ten dez anos. E a súa irmá, Antía, tan riquiña ela, irá polo mesmo camiño, pois son consciente de que Olga, a súa nai e a miña amiga, e o seu home, Carlos, están polo labor. Eu doulles libros con moito agarimo, porque sei que van aproveitar a maxia que se agocha nas follas dos mesmos. Hai uns días, Olga veu á casa. Eu deille para Paula un libro do mestre, Gianni Rodari. Fiquei moi satisfeito cando ela me dixo que xa tiña dous del. Iso é un magnífico indicador. Pais e nais, bibliotecarios/as, mestres/as teñen que coñecer a Rodari.E teñen que coñecelo ben.
Ese día, Olga tróuxome un escrito de Paula. Di que está lendo e escribindo con moita ilusión. Marabilloso. Os pais teñen que lle manter esa ilusión, tan beneficiosa para a rapaza. Ese é o camiño. Paula chegará a escribir ben. É intelixente, pinta, le e escribe. E que ninguén pense que é un becho raro. Todo o contrario. Paula é unha nena normal. Paula é unha nena integrada na súa contorna. Paula vai polo bo sendeiro. Quen non lea, nunca escribirá ben. Faltaralle ese punto imprescindible que lle permita recoller ideas, ver o que outros non ven, ser quen de expoñer o seu texto para facelo atraínte ao lector e intentar facer literatura. Paula non é diferente ás demais nenas da súa idade.
Segunda cara da folla do escrito de Paula
Paula xoga, é presumida, está atenta ao que ocorrre arredor dela , ten amigas e amigos, estuda nun colexio público etc.
Isto vén sendo o camiño que Paula comeza a andar. Por esta razón falo dela. Hai moitas Paulas, claro, pero, por desgraza, hai moitísimas máis que non poden ser Paulas. E non o son. Mágoa.                      
Os cativos teñen unha capacidade creativa que descoñecemos os adultos.Unha creatividade que, por non ser fomentada, se botará a perder. Ocorre moi a miúdo.
Grazas, Pauliña, polo teu escrito. Vas polo bo camiño. Non deixes de ler cada día. faino por pracer.
Moitos bicos e, como ti dis no teu texto, seguimos en contacto.







                                                                                               ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO