Mostrando entradas con la etiqueta poesía galega. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta poesía galega. Mostrar todas las entradas

miércoles, 24 de abril de 2024

PRESENTACIÓN DO POEMARIO "Os ecos do vento", na Libraría Lume na Coruña



Se a presentación de “Os ecos do vento” en Vigo foi marabillosa, a celebrada na Libraría Lume, na Coruña, non foi menos.

Chus Fernández na súa intervención

De novo, os ecos dos poemas desas mulleres que eu escollín para o poemario brillaron nun ambiente magnífico. Gabriela, Mistral, Cecilia Pisos, Mecedes Calvo e as demais acompañaron a senllos discursos de Chus Fernández e de Xosé Cobas, quen volveu explicar dende a súa óptica as fermosas ilustracións de Noemi Villamuza.


Chus Fernández salientou a miña traxectoria poética e falou moi positivamente do poemario nas tres vertentes do mesmo: os poemas, as ilustracións e a edición coidada e con gusto de Kalandraka Editorial.

Xosé Cobas fala dunha das ilustracións do libro

Sentinme, unha vez máis, moi ben acompañado por estas persoas que souberon crear interese pola obra e provocaron unha velada moi cálida.

Moitas grazas a todas e todos por partillar un tempo precioso arredor da poesía.

Aquí embaixo podedes escoitar o acto na súa integridade.





martes, 26 de marzo de 2024

AUDIO DA PRESENTACIÓN DO POEMARIO "OS ECOS DO VENTO", DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 



Coa Libraría Cartabón completamente ateigada de xente, presentouse  o poemario, Os ecos do vento, editado por Kalandraka Editora, nun ambiente de distensión e alto contido lírico e estético.

Introduciu o acto Paz Castro, de Kalandraka, e deseguido Alba Piñeiro falou dos poemas cunha enorme claridade e nun ton afectivo que cativou o auditorio. Fermosa a súa intervención.



Non menos fermosa e interesante foi a disertación sobre as ilustracións de Noemí Villamuza que fixo o prestixioso ilustrador galego, Xosé Cobas, explicando a súa visión estética sobre o labor da ilustradora.

Para rematar o acto, Antonio García Teijeiro, autor dos poemas, explicou a xénese do libro e leu diversos poemas tanto do poemario coma dalgunhas poetas homenaxeadas nel.

 

Un acto fermoso, cheo de agarimo polas artes e as letras, que engaiolou o numeroso público.

 

Se queredes escoitar todo o que se dixo, tedes embaixo o audio do acto.

Grazas a Cartabón polas fotos.





martes, 21 de noviembre de 2023

A POESÍA DE ÁLVARO CUNQUEIRO NO PODCAST "EL ENVÉS DE LA PÁGINA" con Antonio García Teijeiro





Dende hai xa varios anos, levo publicando na miña canle de YouTube un podcast (ou videocast, como tamén se lle podería chamar) dedicado aos libros e á literatura titulado, nun requebro cunqueiriano, El Envés de la Página.

     Recentemente convencín ao dono deste blogue de que participase nel comigo, unha vez ao mes, nunha serie de episodios centrados arredor da poesía de diferentes autores e autoras que para el fosen de referencia.

     Nun principio, como adoita ser o caso, el non estaba seguro: "Que o programa é en castelán e eu síntome máis cómodo falando en galego", foi o primeiro dos obstáculos que puxo. Compréndoo, abofé, pero o programa é en castelán porque, no contexto dunha canle que ten suscritores en diversos países castelanfalantes, a idea é facilitar que os contidos cheguen o máis lonxe posible e ao meirande número de oíntes posible.

     Amais, a idea é que unha grande parte dos escritores e escritoras tratados nestes episodios sexan galegos. Con ese argumento irrefutábel finalmente convencino e o resultado é este primeiro episodio, gravado o pasado mes de outubro, no que parolamos en profundidade sobre a poesía de Álvaro Cunqueiro, sen dúbida un dos aspectos menos coñecidos e menos celebrados do gran autor mindoniense.

     Por se vos interesa, deixamos o programa aquí abaixo, agardando que, se tedes a oportunidade de velo, o disfrutedes. E podemos asegurarvos que non é máis ca o primeiro de moitos episodios semellantes que virán no futuro.

                                                       ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ




lunes, 24 de julio de 2023

PRESENTACIÓN DE 'SE FALASES DE MIN' EN BUEU



O pasado xoves, día 15 de xuño, tivo lugar a presentación en Bueu do 

libro Se falases de min, publicado pola Editorial Elvira.

     É este un libro especial para min pois conta coa participación de amigos moi especiais como Paco Ibáñez, Jordi Sierra i Fabra, Xulio García Rivas e Alberto e Andrés Cunha.

     A cargo destes dous músicos extraordinarios correu a parte musical do acto, que foi presentado polo editor Xabier Romero.

     


     Versos e aloumiños ofrece as miñas palabras sobre a xestación do volume, as cancións dos irmáns Cunha, algún recitado e breves palabras do editor. Por un erro técnico perdeuse unha parte da intervención deste e a fermosísima canción que os músicos interpretaron: Cantares, de Joan Manuel Serrat/ Antonio Machado.

      

Os irmáns Cunha durante o acto

     Quede, pois, aquí o testemuño dun acto precioso que tivo ao 

incansable Fernando Miranda como promotor do mesmo. 



 







miércoles, 10 de mayo de 2023

AUDIO DA PRESENTACIÓN DO POEMARIO "O poder da fraxilidade", DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 




Como xa informou Versos e aloumiños no seu día, o día 30 de marzo  presentouse na Librería Librouro o meu novo libro de poesía, O poder da fraxilidade.

Levaba seis anos sen publicar un poemario para adultos e xa tocaba.

O acto foi fermosísimo. Magnífica a introdución  de Fernando Fernández en representación do Ateneo Atlántico, coorganizador do evento coa Editorial Belagua, que editou o libro.



Edurne Baines, directora da editorial, falou deseguido e An Alfaya, escritora, referiuse a el dun xeito brillante. Todos os discursos reflectiron un enorme agarimo cara á miña persoa.

Alberto Cunha e o seu irmán, Andrés, puxeron a nota musical, marabillosa, interpretando tres temas que enfeitizaron aos asistentes.



Unha tarde de amor á poesía, á música, cunha emotividade que nos deixou ben felices.

 Pois todo o acto podedes desfrutalo aquí embaixo no audio que foi gravado durante o evento. Un documento fermoso para gozar da música e da palabra poética.






lunes, 6 de marzo de 2023

DARDO POÉTICO (XCII) Poemas envoltos en jazz, de Antonio García Teijeiro

 



Lonxe de ser unha música estática, o jazz é un xénero musical en constante evolución. Dende o jazz máis clásico ao free e á fusión, o jazz segue interesando a moitos melómanos que non poden fuxir do meigallo que as notas de saxos, de pianos, trompetas, fiscornios, baterías, órganos, timabais, clarinetes e demais instrumentos deixan no máis fondo dos amantes desta música expansiva e ateigada de vizosas improvisacións.

 


     Estase a lamentar, entre os seguidores do jazz, que as novas xeracións non o escoitan. Que hai magníficos músicos mozos cheos dunha creatividade enorme e dun magnetismo musical que conmove. Os máis pesimistas temen que se convirta en música académica, de estudo, pero non de emocionar en vivo en concertos memorables.

     Non vou negar que este temor é fundado; porén, un aínda cre na maxia da música e desexa que as cousas vaian por canles máis optimistas.

     

     Como o catedrático da Universidade de Tennessee, Antón García Fernández, afirma, hai unha conexión evidente entre jazz e poesía. Tardaron os poetas en decatarse da profundidade deste xénero pero hai xa mostras sólidas de que o jazz, como boa música que é, prendeu no discurso poético dos escritores, amén do gran Cortázar, case un precursor literario, con páxinas memorables arredor do xénero jazzístico. O profesor García Fernández deu, na Universidade, en Martin, unha fermosa conferencia sobre este tema, deixando ben claro a súa opinión, sen dúbida moi acertada.

 


    Eu sentinme atraído polo jazz nun momento determinado da miña vida e tiven a necesidade de escribir algúns poemas que evocan a grandes instrumentistas, figuras do ceo musical jazzístico.

     Son algúns deles os que deixo aquí embaixo, para que os poidades saborear e co desexo fondo de que os digan algo. Pertencen ao poemario Na agonía dos outonos en silencio (Ed. do Castro, 2002)


Amor con Saxo

        con sexo

        con desexo

                                           Seres

        beixos

        medos

Sexo

      e

        Saxo

Sexo de saxo

Solo de saxo




nun recanto da vida

        Johnny Hodges reclama a mirada de

quen non cre nas intencións inocentes

Johnny Hodges
                                                   dun saxo.

a través dos cristais opacos

a emoción perdida dunha muller sen roupa

        desvía do seu labirinto

as testemuñas secas da dor ben coñecida.

The very thought of you pérdese sentimental

entre as sabas dun leito castigado polos fracasos.

 

 

 

  

soa sereno Lester Young.

Lester Young
                                  mergúllase nas pucharcas do fume

These foolish things, esa tenra melodía

                               que busca borrar a paisaxe ferinte

daqueles que se aforcan sen máis

no ritmo monótono do medo.


 


Nunha radio, as notas de More than you know

                 devoran a friaxe dos xestos

 

Coleman Hawkins
                                        erótica mansedume

    sobre o leito ocupado

        por un solo de Coleman Hawkins

nunha noite en que dous seres

        chegaron a comprender

a inutilidade de matar o amor.


 


sempre sentiu a culpa

de tela querido fondamente.

Charlie Parker
                                       culpable ou non

amouna no conflicto perenne

de quen non deixa de convivir

coa catástrofe.

ó fondo Charlie Parker tocaba

Don’t blame me, funesto presaxio

dos turbios desexos

que alguén deixaba morrer

sobre o negro tapete da indiferencia.




¿chega a ser inútil un beixo

Ben Webster
                           nos labios desa muller que se volve romántica

cando Ben Webster ataca  desde dentro

as primeiras notas de Once in a while?


lunes, 19 de diciembre de 2022

Unha panxoliña de Nadal composta polo grupo folk VOLTA E DÁLLE sobre un poema de Antonio García Teijeiro

O grupo de música folk "Volta e dálle"




Eu non adoito facer panxoliñas. Eu fago poemas con sabor a Nadal.
Son poemas críticos, pero cheos de esperanza.
Creo e confío nos nenos e nas nenas para que todo vaia a mellor.
Eu son dos que pensan que a mocidade ten moito que dicir na sociedade.
Son optimista no tocante á forza e ás inquedanzas sociais das mozas e dos mozos. Sempre foi así.
Dicía que eu fago poemas. E, cada vez con maior asiduidade, teño a inmensa fortuna de que músicos, intérpretes, compositoras etc. lle poñan música a eses poemas, porque eu amo fondamente a música e a fusión dela coa poesía.
Desta volta foi o grupo folk Volta e dálle quen puxeron unha fermosísima música a un destes poemas. Trátase d´A luz do Nadal e soa de marabilla, algo que me emocionou.
Así que podedes escoitalo e gozar dun traballo moi ben feito.
Grazas, amigos.

Este é o poema:


A LUZ DO NADAL

Os nenos camiñan
e xogan e brincan
na rúa calada 
que cobren de risas.

E inventan trouleiros
palabras de neve
que borran as penas
que a terra non quere.

Cantigas e risas
veñen anunciar
que peta na porta
a luz do Nadal.

Un Nadal que amose
como vai a vida.
Un Nadal que cure
con paz as feridas.
 
Un Nadal
          que abrigue.
Un Nadal
          Turrón!
Un Nadal
        que acougue
Un Nadal
          Canción!


E este é o vídeo que encherá de ledicia a toda aquela ou aquel que o escoite.
Marabilloso





















miércoles, 7 de diciembre de 2022

DARDO POÉTICO (LXXXVII) "Emovere": unha viaxe sensorial, por An Alfaya


 

An Alfaya é unha escritora a quen admiro dende hai ben tempo. Gústanme dela os temas literarios que escolle, os e as personaxes que que crea e a intensidade que posúen os seus escritos. Son moitos os anos que levamos en contacto e resúltame un pracer lela e, de cando en vez, quedarmos nunha cafetaría e falar de moitas cousas.

    

An Alfaya

Nunha desas veces tróuxome un libro de poemas, Emovere, e faloume del. Pareceume unha proposta curiosa, cargada de risco e digna de ser salientada. Levei o poemario para a casa e, a verdade, sorprendeume favorablemente.

     Non tardei en pedirlle un texto sobre o libro. Contoume que o presentara recentemente e ninguén mellor ca ela para que nolo achegase.

     César Fernández Álvarez e Andrea Suárez Baquero artellan un proxecto poético orixinal que seduce con moita facilidade o lector. Está editado por Toxosoutos e Versos e aloumiños aprácese de poñelo en primeira liña para que sexa degustado polo lectorado que nos segue fielmente.

     Parabéns a ambos poetas e moitas grazas, An, por lembráreste, unha vez máis, de nós.

     Deseguido poden gozar co que An Alfaya escribiu sobre Emovere.








A  editorial Toxosoutos confía nun poemario asinado por dous poetas noveis, César Fernández Álvarez e Andrea Suárez Baquero, que contan cunha bagaxe persoal dilatada, cargada de  experiencias individuais marcadas por luces e sombras, claroscuros que lles serven para presentarnos unha sensitiva aposta literaria, agasallándonos cunha viaxe vivencial que transita por un particular universo de emocións.  

Tendo a amizade como mastro, ambos autores deciden unir as súas paixóns pola poesía 

para conformar un espazo común que nos conmove, como ben nos anuncia o título do 

libro, EMOVERE, e constrúen un edificio equilibrado co percorrido das súas vidas, 

alicerzadas de momentos íntimos que aluden á natureza, á infancia, á familia, á paixón 

amorosa, cun abano de propostas que abranguen dende a mitoloxía como fonte de 

inspiración, ata intres cotiáns que alimentan o devalar dos días dende o nacemento ata o 

preludio da morte.



Achégome á obra poñendo os sentidos ao servizo do goce;  paseo a ollada polos versos e mergúllome nunha lectura silenciosa; logo fago o propio en voz alta, para que a sonoridade das palabras, dotadas dunha música propia interna me transporten, me provoquen e me rompan por dentro; deixo que os vocábulos me evoquen aromas, lembranzas, sentimentos, lugares e tempos onde o meu olfacto se empapa de evocadoras imaxes; saboreo cada verso e acariño cos dedos as páxinas impresas do obxecto-libro, fermoso lenzo, negro sobre branco, que me acompaña mentres vou da man de dous poetas felices de poder asistir ao parimento da súa obra e  ilusionados de poder ofrecela dende a autenticidade que supón o alumbramento dun primeiro libro.

O César poeta escolle un alter ego para amosar a súa forza emocional e faise chamar “O achegado”. Agrómalle á gorxa o verso en galego como o chafariz dunha fonte de auga caudalosa, e é a través da súa voz, ás veces cadenciosa, outras irreverente, como imos debullando a mazaroca duns poemas que caen a cachón sobre nós en MAREAS MORTAS:

                            Houbo un tempo en que sabiamos a mar

                            Houbo un tempo en que sabiamos amar

                            Houbo un mar que namoraba a destempo

                            Houbo un amor salgado tempo atrás

                            nunca unha estrela se perde no mar

                            porque o amor non ten tempo

                            nin o tempo pode agardar.

Malia que o castelán non é a súa lingua natural, ninguén resiste o engado das súas palabras cando nos mostra a súa incomprensión de todo aquilo que non sexa ese TÚ amado.

                            No entiendo el vacío de las cosas

                            por qué esa lámpara azul me hace daño

                            tiñendo la estancia de turquesa

                            No entiendo el lenguaje de las hojas

                            que se pegan al suelo sin permiso

                            haciendo del aire un diccionario

 

                            No entiendo lo que escribo

                            intentando una armonía imposible

                            bajo el torpe pasar de los minutos

 

                            Lo único que entiendo eres tú

                            Ese sándalo sublime que te envuelve

                            fijando las palabras como seres

                            rebozados de pudor encadenado


A súa compañeira de viaxe, a poeta Andrea, minuciosa, tece, borda e cose poemas no pano das follas do libro que se nos abre coa intención de ser adoptado pola nosa ávida ollada, disposta a deixarse engaiolar; por iso non nos estraña que se faga  chamar “A costureira de versos”. Desta volta é o castelán o seu medio de creación. Engaiólanos coa súa palabra limpa, que nos remove cando nos empurra ao vórtice do abismo das súas emocións, aquelas que lle provoca a súa nai cega, porque, malia a escuridade,  hai unha luz nalgures, e convéncenos de que sempre  AMANECERÁ:

                            

                                    Te veo sentada en el sofá,

                            viendo al vacío sin mirar.

                            La oscuridad se perpetúa en tu retina.

                            Mi médula encogida se silencia.

 

                            Entonces, me siento a tu lado

                            y con una excusa cualquiera

                            cojo tímidamente tu mano,

                            mientras mi dulzura te susurra:

                            “Madre... pronto llegará el alba”.

                            Te veo sentada en el sofá

                            viendo hacia mí, sin mirar.

                            Llovizna despacio en mi cara.

                            Mi médula se estrecha por dentro.

 

                            Entonces, me siento a tu lado

                            y con una cercanía inusitada

                            percibo, se funde, nuestro latido,

                            mientras mi dulzura te susurra:

                            “Madre... pronto llegará el alba”. 


Mais non renuncia ao galego para pechar a súa ofrenda poética cicelando a pedra da nosa esencia de seres humanos imperfectos, buscándonos, recordándonos que sempre andamos ao garete, desacompasados, a contratempo, PERDIDOS:

                            Somos fendeduras abertas,

                            flores que agroman entre  bágoas agochadas.

                  

                            Somos pequenos Cronos,

                            traizoando o “Carpe diem” das nosas cartas.

 

                            Somos chanzos da escaleira,

                            perdido o centro, o instante segue evadido.

 

                            Sinto compaixón de nós.

                            Na procura dun fío de luz, corremos entre a brétema.

EMOVERE é un libro de poemas escrito a catro mans, mais guiado por dous cerebros e dous corazóns nunha harmónica simbiose. “O achegado” e “A costureira de versos” extraen o mellor do seu mundo interior e fannos un agasallo sensorial. Paga a pena asomar a nosa ollada ás páxinas desta fermosa proposta poética e inmiscirnos no seu imaxinario. Entramos nela vestidos co noso disfrace de diario e saímos completamente espidos, mais conmovidos. 

                                                                                                                                                                                      An Alfaya