Mostrando entradas con la etiqueta alberto cunha. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta alberto cunha. Mostrar todas las entradas

lunes, 12 de mayo de 2025

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO E OS IRMÁNS CUNHA NO RECITAL 'VIGO, ENTRE NOTAS E VERSOS'

 



O proxecto Vigo, entre notas e versos, foi un éxito e unha experiencia sensacional e única.

Máis de mil alumnos e alumnas pasaron polo Auditorio de Concello para escoitar e emocionarse coa poesía lida en voz alta e cos versos postos en música.



Enorme o traballo de Alberto e Andrés Cunha musicando algúns deles e interpretando, con voz e guitarra respectivamente, poemas de Curros Enríquez, Lorca, Rosalía de Castro, Rafael Alberti, Manuel María, MªElena Walsh, Antonio Machado e Antonio García Teijeiro (estes musicados integramente polos irmáns Cunha).

 

Andrés e Alberto Cunha

Con ecos de Serrat, de Amancio Prada, Batallán, Walsh, Fuxan os Ventos e, xa que logo, de Alberto Cunha, a rapazada cantou, recitou, participou dun xeito moi activo en cada unha das sesións do proxecto.


Antonio García Teijeiro

Unha mostra máis de que, cando a poesía se achega con arte e agarimo, penetra no máis fondo do ser humano.

O proxecto levouse a cabo baixo o patrocinio da Concellería de Educación do Concello de Vigo.

 

Felices despois dunha das sesións de "Vigo, entre notas e versos".

E, como mostra do que acabamos de escribir, deseguido podedes escoitar en audio unha das sesións de Vigo, entre notas e versos.






jueves, 9 de mayo de 2024

Antonio García Teijeiro cos irmáns Cunha nunha fermosa velada na librería Versus


 

Antonio García Teijeiro, Alberto Cunha e Andrés Cunha na Librería Versus




Foi un acto fermosísimo o vivido na Librería Versus, unha librería de referencia en Vigo, que Sabela leva con gran paixón e moitísima intelixencia e dedicación.

Feliz, moi feliz de volver aos seus andeis e mesas ateigados de bos libros.

Mesturar música e poesía é algo sublime.

Exaltación da palabra escrita, oral e enchela de música.

A conversa entre Antonio García Teijeiro e Alberto Cunha, con Andrés Cunha á guitarra foi emocionante. 

    

Noa García Garrido le un poema de seu despois de expór a súa experiencia docente

       Había moito agarimo no que alí se dixo e cantou: recitado de poemas, cancións admirables (Cantares, de Serrat, Aí vén o maio, de L.E. Batallán, Se falases de min, de Paco Ibáñez…), exposicións de experiencias poéticas no ensino e moitas cousas máis: Alba Piñeiro e Noa García Garrido contaron algunhas cousas das que fan no solitario día a día nos seus centros.

Alba Piñeiro lendo un poema cun alumno

Son moi grandes os irmáns Cunha. Teñen un corazón que non lles cabe no peito. Loitando pola Asociación Cultural de Casablanca, facendo barrio. Pura humanidade.

Eu sentinme moi feliz polo ambiente que alí se creou e o público quedou enormemente satisfeito e desfrutou do acto.

Alberto Cunha interpretando unha canción con Andrés á guitarra
 

Versos e aloumiños non podía permanecer á marxe. A velada foi gravada en audio e aquí embaixo podédela escoitar e, seguro, gozar.









miércoles, 10 de mayo de 2023

AUDIO DA PRESENTACIÓN DO POEMARIO "O poder da fraxilidade", DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 




Como xa informou Versos e aloumiños no seu día, o día 30 de marzo  presentouse na Librería Librouro o meu novo libro de poesía, O poder da fraxilidade.

Levaba seis anos sen publicar un poemario para adultos e xa tocaba.

O acto foi fermosísimo. Magnífica a introdución  de Fernando Fernández en representación do Ateneo Atlántico, coorganizador do evento coa Editorial Belagua, que editou o libro.



Edurne Baines, directora da editorial, falou deseguido e An Alfaya, escritora, referiuse a el dun xeito brillante. Todos os discursos reflectiron un enorme agarimo cara á miña persoa.

Alberto Cunha e o seu irmán, Andrés, puxeron a nota musical, marabillosa, interpretando tres temas que enfeitizaron aos asistentes.



Unha tarde de amor á poesía, á música, cunha emotividade que nos deixou ben felices.

 Pois todo o acto podedes desfrutalo aquí embaixo no audio que foi gravado durante o evento. Un documento fermoso para gozar da música e da palabra poética.






jueves, 16 de febrero de 2023

AUDIO DA PRESENTACION DE "SE FALASES DE MIN" NA LIBRERÍA VERSUS



A finais do mes de febreiro, tivo lugar unha nova presentación do libro Se falases de min na prestixiosa librería Versus.


     Introduciu o acto o director da editorial Elvira, Xabier Romero, e deseguido o artista Alberto Cunha dixo unhas palabras referentes ao espírito desta xuntanza literario-musical.

Intervención de Xabier Romero

     Antes de que eu contase a miña impresión do libro, Alberto e Andrés Cunha interpretaron a canción Se falases de min, que no libro aparece na voz do gran Paco Ibáñez. Foi, sen dúbida, unha fermosa versión, como neles é costume.

Alberto Cunha fala do acto e do libro

      Tamén eles dous, tras a miña intervención, deixaron no aire (e nos nosos sentimentos) dúas cancións baseadas en poemas do libro. Foron intres de emoción nada disimulada.

 

Os irmáns Cunha deleitando aos asistentes


     Resultou, sen ningunha dúbida, un acto entrañable nun recuncho precioso da librería que nos acolleu cun enorme agarimo.

O acto foi gravado en audio e aquí está para os que vos animedes a escoitalo.

AGT falando do libro

       Versos e aloumiños segue a ser un espazo para xente sensible ás artes. Se falases de min, que reúne arredor da poesía, as pinturas de Xulio García Rivas, as palabras de Jordi Sierra i Fabra, a composición de Paco Ibáñez (case nada!), seis temas de Alberto Cunha e a miña voz lendo poemas do libro; Versos e aloumiños, digo, séntese un blog-revista moi honrado de recoller estas pezas, algunha delas, histórica.







E velaquí o audio deste acto tan marabilloso.