Dende hai xa varios anos, levo publicando na miña canle de YouTube
un podcast (ou videocast, como tamén se lle podería chamar) dedicado aos libros
e á literatura titulado, nun requebro cunqueiriano, El Envés de la Página.
Recentemente convencín
ao dono deste blogue de que participase nel comigo, unha vez ao mes, nunha
serie de episodios centrados arredor da poesía de diferentes autores e autoras
que para el fosen de referencia.
Nun principio, como
adoita ser o caso, el non estaba seguro: "Que o programa é en castelán
e eu síntome máis cómodo falando en galego", foi o primeiro dos
obstáculos que puxo. Compréndoo, abofé, pero o programa é en castelán porque,
no contexto dunha canle que ten suscritores en diversos países
castelanfalantes, a idea é facilitar que os contidos cheguen o máis lonxe
posible e ao meirande número de oíntes posible.
Amais, a idea é que
unha grande parte dos escritores e escritoras tratados nestes episodios sexan
galegos. Con ese argumento irrefutábel finalmente convencino e o resultado é
este primeiro episodio, gravado o pasado mes de outubro, no que parolamos en profundidade
sobre a poesía de Álvaro Cunqueiro, sen dúbida un dos aspectos menos
coñecidos e menos celebrados do gran autor mindoniense.
Por se vos interesa,
deixamos o programa aquí abaixo, agardando que, se tedes a oportunidade de
velo, o disfrutedes. E podemos asegurarvos que non é máis ca o primeiro de
moitos episodios semellantes que virán no futuro.
ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ