Mostrando entradas con la etiqueta literatura infantil e xuvenil en galego. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta literatura infantil e xuvenil en galego. Mostrar todas las entradas

sábado, 7 de diciembre de 2024

FAÍSCAS (24) Andando cos "Zapatos máxicos" de Fernando González Graña

 




Cando impartes obradoiros poéticos, a un lle xorden moitas dúbidas sobre os verdadeiros intereses dos e das participantes e sobre os obxectivos a acadar.

Teño que dicir que, afortunadamente, os moitos que fun dando sempre me reportaron enormes satisfaccións persoais. Fíxome nesas persoas que aman fondamente a palabra poética e que posúen unha vea persoal amable e afectiva.

Un desas persoas é Fernando González Graña. Dende o principio, simpático, interesado e con ganas de aprender o que alí se propoñía.

Non deixei de estar en contacto con el ao longo dos meses.

O pasado sábado 30 de novembro estaba no Culturgal en Pontevedra.


Fernando González Graña con AGT en Culturgal

Foi fermoso atopalo -el veu a propósito para verme- , darlle o abrazo tantas veces desexado e velo moi feliz.

Traía baixo o brazo un libro de poesía infantil, Zapatos Máxicos (editado por Edicións Fervenza), cunha fermosa dedicatoria á miña persoa.




Sentinme encantado por todo. Hai persoas que non debes deixar escapar dos teus sentimentos. Boa xente que envía cariño xa coa ollada.

Fernando é unha desas persoas e aquí, en Versos e aloumiños, sempre terá un sitio para o seu traballo.

 

Velaquí un precioso poema contido no libro antes citado.

 

                               ECO

 

Teño unha voz xemelga,

que vive nas montañas,

cando lle falo moi forte,

arremédame con ganas.

Se berro o meu nome,

logo ela me contesta:

María! María! ía! ía! Ía…!

e nunca se cansa e nunca protesta.

 

Un día na primavera,

     ireina visitar,

para falar con ela,

para poder xogar.


                                                                                            Antonio García Teijeiro


sábado, 26 de octubre de 2024

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (XC): "Pirata pregunta por ti", de Ana María Fernández

 





ANA MARÍA FERNÁNDEZ  (Palma de Mallorca, 1949)

 

 

Contrasinal

 

O enigma da música volve ser o contrasinal

das miñas tardes solitarias.

Noa e Andrés, os meus irmáns, xa están

Ana María Fernández
lonxe. Noa estuda en Milán e Andrés en

Londres.

Onde me tocará a min cando chegue o

momento?

Non sei se decidirme pola música, pero

miña nai di que primeiro hai que descubrir

outras cousas e, por suposto, outras

afeccións.

E mentres pasa o tempo, estas tardes

aburridas abren a caixa máxica de

presentir outros mundos, que aínda están

por chegar.

 

 

A GUITARRA

 

Á tardiña volvo á miña guitarra.

Abrázome ás súas cordas,

que agora están desconcertadas,

cubertas de días aburridos,

desafinadas…

Quero volver cun traxe novo,

pero de andoriñas,

con voces tamén novas,

de chuvia fina.

Todo é sonoro

no silencio da miña guitarra vella

e, ao mesmo tempo,

todo está por soar.

Que ninguén me fale agora!

 

 

(Do libro Pirata pregunta por ti, editado pola Editorial Galaxia na súa colección Árbore. 2024) e ilustrado por Lili Algo)

 

 



martes, 28 de mayo de 2024

REMUÍÑO DE LIBROS (82) "Osa", de José Ramón Alonso/ Lucía Cobo.

 





OSA

 

José Ramón Alonso
José Ramón Alonso

 

Ilustracións de Lucía Cobo

 

Editorial Kalandraka

 

Un álbum que, talvez sen pretendelo, ou si? é poesía.

Economía de linguaxe para crear un ciclo de vida.

Unhas ilustracións potentes, serenas, cheas de luz.

A tenrura reloce para fundirse nun proxecto moi fermoso.

José Ramón Alonso e Lucía Cobo (que grande ilustradora!) xúntanse para facer poesía espida de poesía visual respectivamente.

 

Lucía Cobo

Osa, ese tenro animal, sente, na soidade, que o inverno con neve e frío chega e precisa un lugar onde gorecerse. Será un oco canda unha rocha.




Pasados uns meses . Unha mañá, unha luz anega o seu agocho e sente 

que na barriga algo está a suceder. Non é fame precisamente.


A realidade brilla. O tempo pasa. E, coa fermosa chegada da 

primavera estaba leda a vida e eu, coma lector, sorrío envolto na cor 

das ilustracións e nas palabras xustas do relato.

Vida e natureza van da man.

Un álbum optimista, moi ben pensado e marabillosamente ilustrado.

Un álbum que te reconcilia coas cousas que nos fan felices.

Poucas veces, poucas palabras poden dicir tanto.



Ilustración de Lucía Cobo


                                                                                                  Antonio García Teijeiro














                                                                                              

 

 

                                                                

miércoles, 24 de abril de 2024

PRESENTACIÓN DO POEMARIO "Os ecos do vento", na Libraría Lume na Coruña



Se a presentación de “Os ecos do vento” en Vigo foi marabillosa, a celebrada na Libraría Lume, na Coruña, non foi menos.

Chus Fernández na súa intervención

De novo, os ecos dos poemas desas mulleres que eu escollín para o poemario brillaron nun ambiente magnífico. Gabriela, Mistral, Cecilia Pisos, Mecedes Calvo e as demais acompañaron a senllos discursos de Chus Fernández e de Xosé Cobas, quen volveu explicar dende a súa óptica as fermosas ilustracións de Noemi Villamuza.


Chus Fernández salientou a miña traxectoria poética e falou moi positivamente do poemario nas tres vertentes do mesmo: os poemas, as ilustracións e a edición coidada e con gusto de Kalandraka Editorial.

Xosé Cobas fala dunha das ilustracións do libro

Sentinme, unha vez máis, moi ben acompañado por estas persoas que souberon crear interese pola obra e provocaron unha velada moi cálida.

Moitas grazas a todas e todos por partillar un tempo precioso arredor da poesía.

Aquí embaixo podedes escoitar o acto na súa integridade.





sábado, 9 de diciembre de 2023

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXXVII) : "Máxica Lúa", de Xoán Neira

 



                                         XOÁN NEIRA ( Meilán. Lugo, 1953)

 

 

 

LÚA DE LOBOS

 

 

No frío inverno,

aló na montaña,

oulean os lobos

Xoán Neira

cando hai lúa chea.

 

Teñen fame negra,

preto da aldea

oulean e oulean

ata mañá cedo.

 

Dúrmete meu neno,

non lle teñas medo,

que saíu o sol

e o lobo marchou!

 

 


A LÚA E O SOL

 

A Lúa reina de noite,

o Sol reina de día

e fixeron un trato

para compartir a vida.

 

Partilaron o tempo

como dous irmáns,

repartiron o ceo

de verán a verán.

 

Tamén repartiron

as idas e voltas:

o Sol coa luz,

a Lúa coas sombras.

 

Dende o solpor ao amencer

a Lúa é a dona;

dende o amencer ao solpor

o Sol leva coroa.

 

O Sol ten luz propia,

a Lúa pediulla prestada.

O Sol quenta a Terra,

a Lúa non pode quentala.

 

A Terra xira arredor do Sol,

a Lúa arredor da Terra.

O Sol vai ás festas,

a Lúa ás verbenas.

 

 

A LÚA VIXíA

 

Dende a súa leda torre

a lúa vixía


a vida nocturna

e descansa polo día.

 

Lúa protectora,

lúa silandeira

cos dous ollos abertos,

rachando coas tebras,

coida o noso sono

mentres descolga

unha escaleira

para que os soños

suban por ela.

 

A luz da lúa

é para noctámbulos

guía segura

como un sol de medianoite.

 

 

(Do libro Máxica  Lúa, editado por Medulia Editorial e ilustrado por Lucía Barrios)





viernes, 5 de marzo de 2021

REMUÍÑO DE LIBROS (74) "Gelsomino no país dos mentiráns"

 





TÍTULO: Gelsomino no país dos mentiráns.

 

 

AUTOR: Gianni Rodari.

 

ILUSTRACIÓNS: Pablo Otero.


 

EDITORIAL: Kalandraka


Colección SETELEGUAS

 


Gelsomino no país dos mentiráns é un fermoso, máxico e tenro conto no que podemos observar despregado o fantástico universo creativo de Gianni Rodari, onde todo é posible e as fronteiras entre o real e o irreal imperceptibles, ademais de facernos reflexionar sobre o abuso do poder na falta de liberdade, as consecuencias da mentira e a discriminación do diferente.


     Gelsomino é o protagonista desta historia, un personaxe entrañable que naceu cun poder na súa voz, o que lonxe de achegarlle beneficios, vaille provocar unha serie de inconvenientes que será quen de superar grazas ao esforzo, á xenerosidade e á amizade daqueles, que coma el, cren na existencia dun mundo mellor, máis xusto e plural. Xa de cativo tivo que enfrontarse á recriminación da súa potente voz porque facía esnaquizar todos os cristais da escola. De mozo, coa axuda da súa voz podía recoller a froita que caía dende as pólas sen necesidade de nada máis. Pero canso de ser o centro das miradas decide marchar, deixar atrás a súa vida e chega así ao País dos mentiráns, onde decobre que dicir a verdade está prohibido e castigado. Será grazas á axuda doutros personaxes incribles (o gato Trespés, o pintor Plataniño, o xeneroso Benvido Sempre Erguido…) dotados tamén dunhas capacidades especiais como conseguirán acabar co gris da ditadura que obrigaba a mentir, e pintar de cores a nova sociedade baseada na liberdade,  na variedade e na xenerosidade.


     A súa estrutura en vinte capítulos curtos con títulos moi suxestivos e unha linguaxe expresiva chea de trazos humorísticos cativan o lector e fano cómplice ao longo de todos eles. Ademais conta cun epílogo e un compendio das cancións que interpreta Gelsomino.


     As ilustracións de Pablo Otero están en sintonía co texto e danlles vida aos diferentes personaxes dese mundo marabilloso de Gianni Rodari.


     Magnífica iniciativa da editora Kalandraka de achegarlles aos lectores novos os clásicos da literatura infantil e xuvenil universal a través das súas reedicións moi coidadas tanto na estética coma nas traducións dos textos. Desta vez podemos ler a Gelsomino na nosa lingua grazas á tradución de Isabel Soto.


Páx.15:”Gelsomino(…)era leal e sincero coma a auga clara.”

Páx.27: “ Recoñezo que son un gato algo especial. Por exemplo, tamén sei ler e escribir. Non en van son o fillo dun xiz da escola.”

Páx.172:”As súas mentiras servirán para recordarlle á xente que un día, naquel país, reinou un gran mentirán, e que unha canción ben cantada abondou para rematar coa súa opresión.”

 

                                                                                                           ALBA PIÑEIRO


martes, 16 de junio de 2020

DARDO POÉTICO (LXVI): TRES POEMAS NO 79 ANIVERSARIO DE BOB DYLAN (Petando nas portas de Dylan)





Bob Dylan
Bob Dylan cumpriu o pasado 24 de maio  79 anos. Que xa son anos, se temos en conta esa “Never ending tour” que o levou a dar un mundo de concertos sen interrupción dende hai ben anos. O COVID-19 obrigouno a parar. Entanto, o xenio de Duluth agasallounos con tres temas, verdadeiramente excepcionais que facían presaxiar un novo traballo discográfico: “Murder Most Foul” (de case quince minutos de duración), “I contain multitudes” e “False prophet”. Intuíamos algo excepcional os amantes do vello Bob e produciuse. Non tardou en anunciar un novo disco, que sairá á venda o día 19 de xuño. Leva por título "Rough And Rowdy Ways" e supón unha nova alegría para os que amamos a música e a traxectoria do músico máis influente do século XX.

     
     


     Co gallo do seu 79 aniversario, quixen homenar a Bob Dylan recitando tres poemas do meu poemario “Petando nas portas de Dylan” (Editorial Galaxia). Penso que a ocasión o merecía.
     
     En Versos e aloumiños podedes ler os tres poemas e, ademais, escoitalos e velos no vídeo que hai deseguido.


                 TRES POEMAS DE "Petando nas portas de Dylan" e un vídeo


e foron aparecendo preguntas sen respostas,

preguntas e preguntas que chegaron a cubrir
o ceo,
ese ceo xa sen pombas brancas que o atravesasen.
pombas substituídas por balas de canóns.
preguntas e preguntas
que ninguén foi quen de contestar.


...daquela, a voz do vello Bob comezou a escoitarse dicíndonos que 

quizais a resposta estivese soprando no vento.
                                 
                                 (tras escoitar Blowin’ in the wind)




    



underneath the sky of blue



Baixo o azul
                       do ceo
invento camiños
                       sen medo
Baixo o gris
                       do fume
percorro carreiros
                       de lume
Baixo a cor
                       dun manto
              debuxo facianas
                                sen pranto
Baixo as ás
                                das aves
              eu peto nas portas
                                sen chaves
Baixo o son
                                do río
              eu pinto as enrugas
                       do frío
Baixo o van do fento
                       eu douche de bicos
                                          un cento








don’t send me no more letters no



Non me envíes máis cartas
porque as sinto moi frías;
xunto ás medias verdades
se cadra hai cen mentiras.

Non me envíes máis cartas.
Son verbas ben distintas
a aquelas que noutrora
quenceron os meus días.

Repaso esas palabras
baleiras, fuxidías.
Son restos dunha historia.
Son aves moi feridas.

Non me envíes máis cartas.
Son ansias esquecidas.